Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 11 de xuño de 2019 Páx. 28090

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 29 de maio de 2019 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de trazado da conexión do porto seco de Monforte de Lemos coas estradas LU-933 e CN-120, treito LU-933-CN-120, clave LU/16/048.01.

Con data do 30 de abril de 2019, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2018, publicouse o Anuncio de 20 de decembro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado da conexión do porto seco de Monforte de Lemos coas estradas LU-933 e CN-120, treito LU-933–CN-120, de clave LU/16/048.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública foron formuladas alegacións polas persoas interesadas.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de trazado someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.

Segundo. Simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

Terceiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

De acordo con todo o exposto e logo de vistos os informes emitidos polas administracións afectadas, e as alegacións presentadas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de trazado da conexión do porto seco de Monforte de Lemos coas estradas LU-933 e CN-120, treito LU-933–CN-120, de clave LU/16/048.01, coas seguintes modificacións:

• Modificarase a intersección coa estrada N-120 dispoñendo unha intersección en T con carril central de espera (en lugar da rotonda inicialmente proxectada).

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, de 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Monforte de Lemos deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas