BDNS (Identif.): 458505.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Empresas privadas que realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.
Segundo. Obxecto
Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria ás empresas mineiras que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a súa convocatoria para o ano 2019, que teñen por obxecto incentivar a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación das mellores técnicas e medidas organizativas dispoñibles para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial, as derivadas da exposición ao po e ao ruído no sector mineiro de Galicia, a través de dúas liñas de actuación:
Liña A, para o financiamento dos investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico da zona afectada pola actividade mineira, en especial mediante a redución das emisións de po e ruído.
Liña B, dirixida a investimentos destinados a mellorar as condicións laborais, especialmente as relativas á redución da exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.
Terceiro. Bases reguladoras
Inclúense no anexo I da Orde do 23 de maio de 2019.
Cuarto. Contía
O crédito destinado a esta convocatoria é de 2.400.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes a partir do día seguinte ao da publicación da Orde do 23 de maio de 2019 no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria