Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 4 de xuño de 2019 Páx. 27110

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2019, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela de clave AC/17/012.10.1.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 20 de decembro de 2018 a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés-Monte do Gozo, de clave AC/17/012.10.1, no concello de Santiago de Compostela, polo Decreto 174/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia do 14 de xaneiro de 2019.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello de Santiago de Compostela, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Santiago de Compostela.

Lugar: Casa de Asociacións (antiga estación de Cornes).

Data: 1 de xullo de 2019, de dez horas a dez horas trinta minutos.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no Concello de Santiago de Compostela, e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, o documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, a fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderán facerse acompañar á súa custa, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

A Coruña, 16 de maio de 2019

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña