Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 28 de maio de 2019 Páx. 26043

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 14 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento PR809A).

BDNS (Identif.): 456904.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas serán persoas tituladas universitarias e con veciñanza administrativa en Galicia.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (en diante, Dirección Xeral) ou no exterior, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento PR809A).

Cuarto. Importe

Para conceder estas bolsas destínase un crédito de 98.485,52 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 41.161,84 € para o ano 2019 e 57.323,68 € para o ano 2020.

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal e da cota obreira que corresponda na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

As persoas bolseiras destinadas no exterior recibirán, en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros, desprazamentos internos ou calquera outro necesario no desenvolvemento da bolsa, unha contía máxima de 3.000 € para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza