Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24413

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de maio de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación de terreos adquiridos polas comunidades de Tuiriz (Pantón) e Coeses (Lugo) (expediente 153/80 e un máis).

De acordo co artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais de montes veciñais en man común como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos.

En relación con isto, na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 27.3.2019, figuran os seguintes acordos:

• Expediente 153/80: monte Ferroedo, pertencente aos veciños da parroquia de Tuiriz no termo municipal de Pantón. O 8.1.2018 ten rexistro de entrada un escrito de Jorge Pavón Álvarez en representación da comunidade de Tuiriz, solicitando a autorización para a compra e a súa incorporación ao monte veciñal, das parcelas catastrais 001103800PH11D0000WW e 001103800PH11D0001EE adquiridas por compra o 13.12.2017. Esta compra foi autorizada por resolución da xefa territorial do Medio Rural do 22.2.2019. Dado traslado do dito escrito e documentación achegada ao Servizo de Montes, o 22.2.2019 emite un informe (compra_ 1/2018) en que se especifican as modificacións de superficie que se producen como consecuencia da incorporación, co que o monte Ferroedo queda cunha superficie de 488,5 hectáreas. En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común os terreos adquiridos, nas condicións establecidas pola Lei 7/2012 e proceder ás oportunas correccións no expediente de conformidade co informe do Servizo de Montes.

• Expediente 43/80: monte Lamabranca, Lagoa e Paramelo, pertencente aos veciños da parroquia de Coeses no termo municipal de Lugo. O 19.6.2018 ten rexistro de entrada escrito de José Lence Fernández en representación da comunidade de Coeses, solicitando a autorización para a compra e a súa incorporación ao monte veciñal, da parcela catastral 27900A157000230000SQ, que inclúe unha antiga casa reitoral con referencia catastral 001100100PH25E0001RG, adquiridas por compra o 28.9.2015. Esta compra foi autorizada por resolución da Dirección Xeral de Ordenación Forestal do 19.7.2018. Dado traslado do dito escrito e documentación achegada ao Servizo de Montes, o 26.2.2019 emite un informe (compra_ 4/2018) en que se especifican as modificacións de superficie que se producen como consecuencia da incorporación, co que o monte Lamabranca, Lagoa e Paramelo quedan cunha superficie de 160,4 hectáreas. En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común os terreos adquiridos, nas condicións establecidas pola Lei 7/2012, e proceder ás oportunas correccións no expediente de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 2 de maio de 2019

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo