Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2019 Páx. 23736

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 49/2019, do 2 de maio, polo que se modifica o Decreto 15/2018, do 25 de xaneiro, polo que se crea e se regula o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

O 15 de febreiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 15/2018, do 25 de xaneiro, polo que se crea e se regula o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

Este decreto regula a creación do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia como un órgano colexiado adscrito á consellería competente en materia de ambiente, que contará coa participación, na súa composición, con representantes das consellerías que teñen relación nos seus ámbitos competenciais coa finalidade deste observatorio, con representantes da Administración local, con representación dos organismos de bacía competentes no territorio galego, das tres universidades galegas, así como das principais entidades ecoloxistas que teñan como fins estatutarios a defensa dos ecosistemas fluviais, da Federación Galega de Pesca e da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Logo da publicación deste decreto, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Este decreto modificou a estrutura existente ata ao momento, de xeito tal que determinados organismos e entidades resultaron adscritos a outros departamentos.

A dita modificación ten unha clara incidencia na composición do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, entre outros aspectos e polo que resulta máis salientable, pola adscrición da entidade pública empresarial de Augas de Galicia, ata o momento adscrita á entón Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, á actual Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Neste sentido, o Decreto 15/2018, do 25 de xaneiro, elaborouse tendo en conta a estrutura anteriormente sinalada e reflectía na composición deste observatorio recollida no capítulo II, en concreto nos artigos 5 ao 10, a representación dos distintos sectores e departamentos, de acordo coa súa incidencia sectorial nesta materia.

Polo exposto, tendo en conta a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, resulta evidente a necesidade de reaxustar a composición e organización do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia a esta situación, asignando a Vicepresidencia á consellería competente en materia de augas (artigo 7) e modificando as vogalías do Observatorio (artigo 9), no cal, alén de variar o número de representantes correspondentes, se substitúen algunhas das previstas para posibilitar unha mellor representación doutros sectores con grande incidencia neste ámbito.

Igualmente cómpre axustar as funcións deste órgano colexiado previstas no artigo 4, no sentido de dar unha nova redacción aos números 3 e 7, no sentido de ampliar no número 3 a participación deste órgano colexiado na promoción e valoración dos ríos como elementos destacados do patrimonio natural, cultural, económico e social galego e informar respecto dos seus contidos, sen necesidade de restrinxir de inicio esta participación, así como adecuar a elaboración dos informes sobre a situación e a evolución das medidas adoptadas para a posta en valor dos ríos galegos que debe emitir o Observatorio recollida no número 7, coa previa solicitude do presidente, de acordo coas funcións da Presidencia.

O presente decreto ten, por tanto, por obxecto modificar o Decreto 15/2018, do 25 de xaneiro, polo que se crea e se regula o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, co obxecto de adaptar a súa composición á nova estrutura organizativa da Xunta de Galicia.

Neste sentido, este decreto estrutúrase nun artigo único, no cal se procede á modificación dos artigos 4 (funcións), 5 (composición), 7 (vicepresidente), 8 (secretaría) e 9 (vogais), unha disposición derrogatoria única e unha disposición derradeira.

Este decreto configúrase como unha norma necesaria e oportuna, xa que a modificación do Decreto 15/2018, do 25 de xaneiro, constitúe un requisito para poder adaptar a composición e funcións do Observatorio á nova organización dos departamentos e/ou consellerías da Xunta de Galicia derivada do Decreto 88/2018, do 26 de setembro.

Polo exposto, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dous de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 15/2018, do 25 de xaneiro, polo que se crea e se regula o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia.

Primeiro. Dáse nova redacción ao artigo 4, que queda redactado como segue:

«Artigo 4. Funcións

Serán funcións do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia:

1. Actuar como órgano de asesoramento, análise e difusión de información periódica relativa á situación dos ríos galegos.

2. Recoller e analizar a información sobre as medidas e actuacións postas en marcha desde as diferentes instancias, públicas e privadas.

3. Promover e valorizar os ríos como elementos destacados do patrimonio natural, cultural, económico e social galego, así como informar respecto dos seus contidos.

4. Difundir a importancia dos ríos e as súas contornas naturais e promover boas prácticas na interacción da cidadanía con eles.

5. Promover a colaboración entre todas as institucións implicadas encamiñada á posta en valor dos ríos galegos.

6. Actuar como foro de encontro interdisciplinar entre organismos públicos e a sociedade civil e do coñecemento.

7. Elaborar, a petición da Presidencia, informes sobre a situación e a evolución das medidas adoptadas para a posta en valor dos ríos galegos.

8. Realizar cantas outras actuacións lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento destas funcións».

Segundo. Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 5, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Composición

1. O Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia terá a seguinte composición:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia.

c) Secretaría.

d) Trinta e tres vogais».

Terceiro. Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 7, que queda redactado como segue:

«Artigo 7. A Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia corresponde a unha persoa en representación da consellería competente en materia de augas».

Cuarto. Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 8, que queda redactado como segue:

«Artigo 8. A Secretaría

1. A Secretaría do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia corresponde a unha persoa funcionaria por proposta da consellería competente en materia de patrimonio natural que será nomeada pola Presidencia».

Quinto. Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 9, que queda redactado como segue:

«Artigo 9. Vogais

1. Os/as vogais do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia serán nomeados/as pola persoa titular da Presidencia, por proposta da consellería ou entidade que se especifica a seguir:

a) Tres persoas en representación da consellería con competencias en materia de patrimonio natural.

b) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de calidade e cambio climático.

c) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de ordenación do territorio.

d) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de economía.

e) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de cultura.

f) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de medio rural.

g) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de mar.

h) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de turismo.

i) Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de deportes.

j) Seis persoas en representación dos organismos de bacía competentes no territorio galego: tres persoas en representación de Augas de Galicia pola demarcación de Galicia Costa; unha persoa en representación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola demarcación do Miño-Sil; da Confederación Hidrográfica do Douro pola demarcación do Douro; e da Confederación Hidrográfica do Cantábrico pola demarcación do Cantábrico.

k) Tres persoas en representación das universidades galegas con experiencia en ambiente (unha por cada unha das universidades).

l) Dúas persoas en representación de asociacións ecoloxistas que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos ecosistemas fluviais.

ll) Dúas persoas en representación da Federación Galega de Pesca.

m) Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias.

n) Unha persoa en representación das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

ñ) Unha persoa en representación das organizacións empresariais intersectoriais mais representativas de Galicia.

o) Dúas persoas en representación dos clubs de pesca ou entidades colaboradoras de pesca fluvial.

p) Catro persoas con coñecementos nos sistemas fluviais, designadas pola Presidencia».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda