Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2019 Páx. 23335

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2019 pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Baiona de determinación dese municipio como zona de grande afluencia turística.

Vista a solicitude, presentada polo Concello de Baiona, da declaración do dito concello como zona de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9.5 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en consideración os seguintes

Feitos:

1º. Con data do 26 de xullo de 2018, o Concello de Baiona remitiu á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a certificación do acordo do Pleno, adoptado por maioría absoluta con data do 19 de xullo de 2018, en que solicita da Consellería de Economía, Emprego e Industria a determinación do municipio de Baiona como zona de grande afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, autorizándose a apertura de todos os domingos nos meses de xullo e agosto, das 9.00 ás 22.00 horas. Con esta solicitude, o Concello de Baiona reproduce a petición efectuada o 18 de xuño de 2013, que culminou coa declaración do concello como zona de grande afluencia turística desde o 17 de setembro de 2013 ao 17 de setembro de 2018, mantendo o mesmo réxime de apertura.

O 30 de xullo de 2018, tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o informe favorable da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, e o informe desfavorable do sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.). Con posterioridade, con data do 1 de agosto e do 3 de setembro de 2018, respectivamente, recibíronse os informes desfavorables dos sindicatos Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG).

O 18 de outubro de 2018, tiveron entrada o informe desfavorable da Asociación de Comerciantes y Empresarios de Baiona (Aceba), e o informe favorable da Asociación de Usuarios de Bancos, Cajas y Seguros (ADICAE).

2º. Con data do 27 de decembro de 2018, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación anterior, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente, de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

3º. Con data do 20 de marzo de 2019, tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o informe favorable da Axencia Turismo de Galicia sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de Zona de Gran Afluencia Turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, en que se sinala:

«Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á cal se deben achegar os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire a alínea 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido na alínea 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire a alínea 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado.

Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo».

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

«4. Para os efectos do establecido no número 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte deste en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen residencia habitual.

b) Que teña sido declarado Patrimonio da Humanidade ou en que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Que limiten ou constitúan areas de influencia de zonas fronteirizas.

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

e) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sea o turismo de compras.

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen».

Cuarto. A proposta motivada do Concello de Baiona, aprobada por maioría absoluta do Pleno da corporación local, sinala como xustificación da solicitude as seguintes razóns:

«Baiona foi o primeiro municipio galego que recibiu a distinción de municipio de excelencia turística, realizándose durante o período do devandito plan unha serie de actuacións co obxecto de converter a vila no escaparate turístico de Galicia, incrementar os niveis de calidade ofertados ao turista, mellorar a calidade de vida dos veciños e visitantes e acadar un desenvolvemento sustentable e equilibrado.

Así mesmo, Baiona foi declarada polo Consello da Xunta de Galicia municipio turístico galego o día 7 de maio de 1999 e publicado no DOG núm. 102, do 31 de maio.

Unha serie de feitos endóxenos condicionan o desenvolvemento turístico da nosa vila:

– A importancia histórica de Baiona, primeiro porto do vello continente que tivo coñecemento do encontro entre os dous mundos, o 1 de marzo de 1493, feito que é recordado todos os anos cunha celebración declarada de interese turístico.

– A riqueza patrimonial do municipio vén determinada polas súas cinco parroquias, polo conxunto arquitectónico da Fortaleza de Monterreal e o seu contorno e, de xeito especial, polo seu casco histórico, que polo Decreto 48/1993, do 25 de febreiro, foi declarado ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico artístico e elementos exteriores recollidos na declaración.

– A súa riqueza natural e paisaxística, en que destacan a Serra da Groba, o estuario do Minor e as illas Estelas, declarada Zona Zepa dentro do convenio Ramsar e incorporado á Rede Natura 2000, así como a ría de Baiona coa obtención de bandeiras azuis nas súas praias e no porto deportivo do Monterreal Club de Yates de Baiona durante diversos anos.

– O seu patrimonio cultural e etnográfico que en todas as parroquias permite coñecer e gozar de importantes tradicións dos nosos antepasados.

– O peso fundamental do sector turístico na nosa economía, sobre todo a raíz da posta en servizo do Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar.

Doutra banda, nos últimos anos e en todos os destinos turísticos gaña importancia a posta en marcha de políticas e estratexias que buscan acadar que o desenvolvemento turístico sexa sustentable e equilibrado:

– Calidade no destino, auspiciadas polas administracións central e autonómica e englobadas dentro do Plan integral de calidade do turismo español (PICTE), e definidas no Sistema integral de calidade turística española en destino (SICTED).

– Promoción de destino, definidas polas administracións autonómica e central, en que a marca España verde é fundamental para lograr a nosa proxección internacional.

– Defensa do noso contorno e protección da calidade de vida dos nosos veciños e visitantes, cumprindo cos obxectivos definidos na Carta de Aalborg de cidades sustentables, como paso fundamental no desenvolvemento do proceso de posta en marcha da Axenda 21 de Baiona e da súa declaración como municipio sustentable.

– Así como as diversas declaracións, políticas, estratexias e medidas tomadas polos organismos internacionais, en particular pola Organización Mundial do Turismo (OMT), en canto a lograr que o feito do turismo incida de xeito positivo no incremento da calidade de vida da poboación residente, no contorno e no favorecemento dos intercambios culturais respectuosos entre os pobos.

Dos espectáculos que tradicionalmente se celebran en Baiona destaca a representación teatral da Arribada da Carabela Pinta, posta en escena durante a Festa da Arribada que conmemora a chegada da Carabela Pinta o día 1 de marzo de 1493 ao porto de Baiona coa nova do descubrimento de América e que foi declarada festa de interese turístico nacional.

Na vila ten a súa sede o Monterreal Club de Yates, prestixioso club de vela internacional. Situado no recinto da fortaleza de Monterreal, pode acoller no seu peirao arredor de trescentas embarcacións.

Ao longo do ano celébranse diferentes competicións. Destacan o Trofeo Príncipe de Asturias, que reúne a case 100 barcos no mes de setembro, a regata Match-Race Open de España, e a Copa de Inverno-Liga Galega de Clubs.

Feito significativo foi a súa participación como único club español na regata máis prestixiosa do mundo: a Copa América. Para a ensinanza deste apaixonante deporte dispón dunha escola de vela.

Contamos tamén co novo Porto Deportivo de Baiona, situado no Paseo Alfonso IX, o cal ten unha reserva de máis de 300 puntos de atraque, un dique flotante de máis de 180 metros de lonxitude, rampla de varadoiro, medios de izada e escola de vela.

Todo isto motiva que Baiona sexa un gran punto de atractivo turístico, cunha poboación en temporada estival que chega a quintuplicarse. De acordo cos datos da memoria de actividades turísticas do Concello de Baiona, en 2017 tivo un total anual de persoas. Este incremento de poboación, que se concentra fundamentalmente nos meses de xullo e agosto, presupón un volume importante de consumidores que necesitan abastecerse de produtos e implica unha maior carga de traballo das superficies comerciais, tanto do pequeno comercio retallista como das grandes superficies, polo que se considera que a ampliación da liberdade de horarios terá efectos positivos sobre a produtividade e a eficiencia na distribución comercial retallista e os prezos, e proporcionará ás empresas unha nova variable que permitirá incrementar a competencia efectiva entre os comercios».

Quinto. O informe emitido pola Axencia Turismo de Galicia, acerca da declaración do Concello de Baiona como zona de grande afluencia turística, que tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo con data do 20 de marzo de 2019, sinala:

«(...) En comparación co ano 2013, periodo no que entra en vigor a resolución que aproba a declaración do concello de Baiona como zona de grande afluencia turística, a oferta de aloxamento incrementouse un 26 % en volume de prazas. O dito crecemento concéntrase singularmente nas pensións, albergues, apartamentos turísticos e vivendas de uso turístico.

Baiona pertence ao xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Segundo o INE, esta zona turística –excluíndo a cidade de Vigo– rexistrou en 2018 preto de 493.000 noites nos establecementos hoteleiros, a cifra máis elevada da década e que supera nun 2,4 % o nivel do anterior 2017. A demanda turística desta área sobe de forma consecutiva desde o ano 2014, a taxas variables, grazas ao incremento paralelo da cifra de viaxeiros aloxados.

(...) En relación ao 2013 a demanda turística no xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño –excluíndo a cidade de Vigo– incrementouse nun 64 %. Esta dinámica positiva visualízase ademais en todos os meses do ano.

O concello de Baiona localízase no Camiño Portugués da Costa, ruta recoñecida oficialmente desde o ano 2016. Neste período de dous anos experimentou un crecemento moi notable acadando en 2018 preto de 14.000 peregrinos –segundo datos facilitados pola Oficina do Peregrino–. Esta cifra supera nun 89 % o nivel do anterior 2017, confirmando o importante ritmo de crecemento que está rexistrado nos últimos anos a nosa comunidade.

(...) A importancia da actividade turística no concello de Baiona refórzase con algunhas das cifras de renda e emprego. Segundo o IGE, o número de afiliacións á Seguridade Social de persoas residentes é de 4.307 en decembro de 2018, cifra que supera nun 8,9 % o nivel de decembro de 2012. Boa parte delas –un 73 %– corresponden ao sector servizos en que se inclúe o turismo.

Á vista dos datos comentados anteriormente, acredítase que se manteñen, e incluso se reforzan nalgún ámbito concreto, os feitos que motivaron no seu día a declaración do concello de Baiona como zona de grande afluencia turística. Por este motivo, este centro entende que se acreditan as circunstancias de autorización inicial e, por tanto, emite informe favorable á concesión da prórroga do concelo de Baiona como zona de grande afluencia turística».

Vistos os precedentes citados, especialmente o acordo do Pleno do Concello de Baiona, adoptado por maioría absoluta, o informe Axencia Turismo de Galicia, que constata o mantemento e mesmo o reforzo das condicións que motivaron, mediante a Resolución do 31 de xullo de 2013, a declaración do concello de Baiona como zona de grande afluencia turística, e manténdose o sentido dos informes que xustificaron a dita declaración no ano 2013,

RESOLVO:

1º. Aprobar a proposta motivada do Concello de Baiona de declaración de todo o Municipio de Baiona como zona de grande afluencia turística de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e autorizar a apertura de todos os domingos nos meses de xullo e agosto, en horario das 9.00 ás 22.00 horas.

2º. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3º. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde do 10.6.2016, DOG número 131)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria