Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 3 de maio de 2019 Páx. 21488

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de abril de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publican as resolucións dos recursos de reposición interpostos contra a clasificación do monte vecinal en man común Vilaesteva-ampliación, do concello do Saviñao (expediente 5/2017).

Para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 27 de marzo de 2019, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Carlos Vázquez Díaz e Antonio José López-Acuña Herrero, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, tomou os seguintes acordos:

Monte de Vilaesteva-ampliación (expediente 5/2017), pertencente aos veciños da parroquia de Vilaesteva, no termo municipal do Saviñao. Na reunión celebrada polo xurado o 8 de novembro de 2018, acordouse, aceptando a proposta do instrutor, clasificar como veciñal en man común unha superficie de 160,9 hectáreas, de conformidade coas parcelas e estremas que constan na resolución do expediente.

• O 14 de decembro de 2018 ten entrada un escrito presentado por María Rodríguez López manifestando, en resumo, que reitera o manifestado no escrito que presentou durante a ampliación do expediente e que por herdanza dos seus pais a ela e os seus cinco irmáns lle corresponde unha leira denominada Sardiñeira, dunha extensión de 26.251 m2, e que a suma de todas as parcelas que teñen ao seu nome no actual catastro (45, 46, 47 e 51 do polígono 61) é so de 16.466 m2, polo que lles faltan moitos metros. Solicita que se lle conceda a titularidade da parcela 451 do antigo Catastro que, segundo manifesta, formaba parte dunha das súas parcelas e que se correspondería coa actual parcela 52, unha parte da 33 e a 241.

Na resolución de clasificación acordouse deixar fóra desta a parcela 51, da cal ten a titularidade catastral, e consta que as restantes parcelas non son obxecto deste expediente de clasificación e, no suposto de existiren discrepancias, deberán ser obxecto de discusión, en tal caso, no procedemento de deslindamento correspondente.

Dado traslado ao Servizo de Montes destas alegacións, que se tramitan como recurso de reposición, o día 12 de febreiro de 2019 emítese informe en que, con respecto ao recurso de María Rodríguez López, se recolle que a superficie que reclama cunha copia da ortofotografía de 1956 co parcelario e amósase que a pretensión de ampliar a súa propiedade sobre parte das actuais 52 e 33 vulneraría a propia proba achegada, xa que invadirían a antiga parcela 451 que figuraba a nome do municipio. Ante a falta de documentación probatoria das súas pretensións, proponse non modificar a proposta inicial.

Examinado o devandito recurso, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimar o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

• O 17 de decembro de 2018, ten entrada un escrito presentado polos herdeiros de Rubén Rodríguez Vázquez, manifestando, en resumo, que houbo un erro na interpretación das alegacións presentadas durante o expediente, xa que manifestaron que son propietarios de parte das parcelas 27058A03400055 e 27058A03400073, pero non da totalidade, e a solicitude feita pola comunidade correspóndese coa realidade con respecto a estas parcelas e recoñecen que é monte veciñal a parte afectada pola proposta inicial do expediente de clasificación presentada pola comunidade.

Na resolución de clasificación acordouse deixar fóra desta as parcelas 27058A03400055 e 27058A03400073, que presentaban titularidade catastral ao seu favor.

Dado traslado ao Servizo de Montes, o día 12 de febreiro de 2019 emítese informe en que, á vista do anterior, elaboran unha nova cartografía, co cal a superficie de ampliación queda en 163 ha e cunha superficie total do monte de 446 ha.

Examinado o devandito recurso, o Xurado, por unanimidade, acorda estimar o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso e proceder ás oportunas modificacións no expediente de acordo co informe do Servizo de Montes.

Contra estas resolucións, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 8 de abril de 2019

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo