Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Xoves, 2 de maio de 2019 Páx. 21361

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de abril de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra o acordo do deslindamento voluntario entre as comunidades de montes veciñais en man común de Camposancos e A Guarda, do concello da Guarda, respecto da estrema común dos seus montes.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do 26 de marzo de 2019, adoptou a seguinte resolución:

Unha vez examinado o recurso de reposición presentado pola CMVMC de Camposancos (expte. PO-DESC-03/16), contra a resolución do deslindamento voluntario entre as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CCMMVVMC) de Camposancos e A Guarda, do concello da Guarda, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 14.9.2016, as CCMMVVMC de Camposancos e A Guarda comunicaron ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común (en diante XPCMVMC) o acordo acadado en relación ao deslindamento entre ambas as comunidades. A documentación que consta no expediente de referencia de conformidade co artigo 53 da Lei 7/2012 é a seguinte: acto de conciliación no Xulgado de Paz da Guarda, certificados de aprobación en asemblea xeral de ambas as comunidades e cartografía dixital.

Segundo. O 6.3.2017, o xefe da Sección de Topografía informa, entre outras cuestións, o seguinte: na nova documentación recibida recórtase o deslindamento facéndoo coincidir coas estremas do antigo deslindamento de utilidade pública número 480 denominado Santa Tegra (neste informe precísanse ademais as cabidas deste antigo deslindamento así como as cabidas resultantes de aplicar o deslindamento parcial presentado sobre aquel).

Terceiro. O 23.5.2017 o Servizo de Montes require ás CCMMVVMC de Camposancos e da Guarda para que acheguen un informe de validación gráfica alternativa da Dirección Xeral de Catastro, este requirimento será atendido polas comunidades interesadas en xuño de 2017.

Cuarto. Logo de cumprir os trámites oportunos, o 10 de xullo de 2017, o XPCMVMC de Pontevedra acorda aprobar o deslindamento parcial realizado entre as CCMMVVMC de Camposancos e da Guarda, respecto do seu linde común, nos termos indicados nos antecedentes de feito da dita resolución e tomando en consideración os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Quinto. Unha vez cursadas as correspondentes notificacións aos interesados, con data de rexistro de entrada do 31.8.2017, a CMVMC de Camposancos presenta recurso de reposición contra a resolución anterior ao considerar que concorren vicios invalidantes, determinantes da anulabilidade do acto de aprobación do deslindamento, baseándose o amentado recurso en circunstancias sobrevidas tales como que o deslindamento efectuado proxecta unha liña divisoria que divide en dous o edificio do Museo de Santa Tegra na Guarda.

Sexto. O 14 de novembro de 2017, a CMVMC da Guarda presenta escrito en que se opón ao recurso de reposición presentado pola CMVMC de Camposancos, esgrimindo como principais argumentos, en síntese, os seguintes:

1. Falta de lexitimación activa do presidente da CMVMC de Camposancos para a interposición do recurso de reposición ao non achegar ningún acordo asembleario que autorizan a formalización deste.

2. Improcedencia de suspender o deslindamento aprobado ao entender que non concorre ningunha circunstancia sobrevida que non se tivera xa en conta nas respectivas asembleas celebradas en ambas CCMMVVMC, así como no acto de conciliación celebrado no Xulgado de Paz da Guarda.

3. Ausencia de defectos formais na tramitación do procedemento de deslindamento.

Sétimo. A estes feitos son de aplicación as seguintes consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer e resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións, de acordo co preceptuado nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, así como no artigo 12 da Lei 13/1989.

Segunda. Procede admitir o recurso de reposición interposto de contrario por concorrer os requisitos fixados no artigo 124 da amentada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Terceira. En primeiro lugar, e como cuestión introdutoria, que xa se recolle na resolución impugnada, ha de terse presente que a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo), na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalización dos montes veciñais. Polo tanto, esta competencia corresponde hoxe en día ás comunidades propietarias a teor dos artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Partindo desta premisa xurídica, cabe sinalar que no presente suposto, o XPCMVMC no seu acordo publicado no DOG do 15.9.2017 limitouse a aprobar o deslindamento parcial realizado polas CCMMVVMC de Camposancos e A Guarda, respecto do seu linde común, nos termos sinalados no feito cuarto e partindo dos planos topográficos achegados e validados mediante o correspondente informe do Servizo de Montes.

En efecto, da documentación fornecida polas comunidades afectadas e do xa referido informe técnico do Servizo de Montes, a conclusión a que se chega é que a avinza entre as CCMMVVMC de Camposancos e A Guarda é congruente coas respectivas resolucións de clasificación e coas estremas descritas nelas.

Ao anterior debe engadirse, ademais, e neste punto compartimos os argumentos esgrimidos pola CMVMC da Guarda, que o deslindamento que agora se impugna e cuxa suspensión se solicita foi debidamente aprobado sen ningún tipo de obxección pola propia Asemblea Xeral da CMVMC de Camposancos e solemnizado en acto de conciliación ante o Xulgado de Paz da Guarda, co conseguinte efecto vinculante previsto nos artigos 147 e 148 da Lei 15/2015, de xurisdición voluntaria.

Tomando en consideración o anterior e que non concorre no presente suposto ningún defecto formal na tramitación do procedemento de deslindamento, ha de colixirse que a resolución do Xurado de Montes adoptada no seu día, e que agora se combate, é plenamente axustada a dereito.

En consecuencia, vistos os feitos mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como a Lei 7/2013, de montes de Galicia, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

A desestimación do recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 10 de abril de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra