Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 30 de abril de 2019 Páx. 20954

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 45/2019, do 11 de abril, polo que se aproba a modificación parcial dos Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia dos servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia acordou en Xunta Xeral, a modificación parcial dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade da modificación dos estatutos presentados, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do once de abril de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial do Decreto 62/2017, do 22 de xuño, polo que se aproban os estatutos e a modificación da denominación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, por Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia.

2. A modificación afecta o artigo 26, que queda redactado co contido que figura como anexo a este decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos
e Graos en Minas e Enerxía de Galicia

Artigo 26. A Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno, que é o órgano executivo e representativo do Colexio só subordinado á Xunta Xeral, será elixida por votación entre os seus propios colexiados e constará dun decano-presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e catro vogais, un por cada provincia.

2. A duración dos cargos será de catro anos, e renovaranse por metades cada dous. Na primeira renovación entrarán o decano-presidente, o tesoureiro e dous vogais e na segunda o vicepresidente, o secretario e outros dous vogais.

3. Quen desempeñe o cargo de decano-presidente deberá atoparse no exercicio da profesión e o seu cargo non será superior a dúas lexislaturas consecutivas. Deberán ser, así mesmo, exercentes os restantes membros, segundo establece o artigo 47.e) destes estatutos, aínda que estes poderán ser reelixidos sen limitación ningunha.

4. O cargo de secretario poderá ser retribuído, a condición de que desempeñe xornada laboral no domicilio ou sede do Colexio. Todos os demais cargos son de carácter non retribuído sen prexuízo de que os orzamentos do Colexio consignen as partidas precisas para atender os gastos inherentes aos cargos directivos, incluído o aboamento de axudas de custo e outras compensacións económicas, que deberán figurar desagregadas.

5. Cando a elección de calquera cargo da Xunta de Goberno se faga por vacante e non por finalización de mandato, a duración no cargo do elixido será só ata o final do mandato do cargo que produciu a vacante.

6. Dentro da Xunta de Goberno poderá constituírse unha comisión permanente para atender os asuntos urxentes que non poidan esperar pola convocatoria e celebración da Xunta de Goberno. A Comisión Permanente estará formada polo decano-presidente, o secretario, o vicepresidente e o tesoureiro, e estará validamente constituída cando estean presentes polo menos os dous primeiros e un dos dous últimos. Os seus acordos deberán someterse á ratificación da Xunta de Goberno na primeira reunión que se celebre.

7. No caso de non existir candidato para calquera dos cargos da Xunta de Goberno na data de finalización de presentación das candidaturas, considerarase automaticamente prorrogado o cargo sen candidatura no colexiado que o viña desempeñando ata ese momento, polo tempo que vaia transcorrer ata o seguinte proceso electoral.