Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 29 de abril de 2019 Páx. 20724

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 12 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nos festivais e nas feiras internacionais do sector do libro que teñan lugar en 2019, e se convocan para o dito ano (código de procedemento CT221A).

BDNS (Identif.): 451161.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan a súa actividade no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega e que cumpran, ademais, os seguintes requisitos debidamente acreditados:

a) Ter asistido e participado nun festival ou nunha feira internacional do sector do libro no prazo establecido nesta orde.

b) Que acrediten o desenvolvemento da súa actividade obxecto da subvención no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

c) Ter publicado obra en Galicia e na actividade para a cal se solicita a subvención nos tres anos anteriores á publicación desta orde.

2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

3. Non se poden beneficiar das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que establecen o procedemento de concesión de subvencións a persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan a súa actividade no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega, para facilitar a súa participación en festivais e feiras internacionais do dito sector que teñan lugar no ano 2019 (código de procedemento CT221A).

Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe que permitan a asistencia a festivais e feiras internacionais do sector do libro. Fináncianse os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e que resulten estritamente necesarios para a realización da dita actividade.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nos festivais e nas feiras internacionais do sector do libro que teñan lugar en 2019, e se convocan para o dito ano (código de procedemento CT221A).

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.770.01 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe de 30.000,00 euros.

2. O financiamento dos gastos da viaxe é o referido ao aloxamento e transporte e terá o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:

– Unión Europa: 600 euros.

– Fóra da Unión Europa: 1.500 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo