Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 22 de abril de 2019 Páx. 19610

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Xinzo de Limia

ANUNCIO de aprobación provisional do novo deseño do escudo e do deseño da bandeira.

O Pleno do Concello de Xinzo de Limia, en sesión ordinaria do día 15 de marzo de 2019, aprobou provisionalmente a modificación do escudo heráldico e a creación da bandeira do Concello de Xinzo de Limia mediante acordo do seguinte teor literal:

«1. Ratificar a solicitude de elaboración de bandeira e escudo realizada mediante o Acordo da Xunta de Goberno Local de data 23 de xuño de 2016 polo que se decidiu solicitar á Comisión Heráldica da Xunta de Galicia a revisión do brasonamento do escudo municipal vixente de Xinzo de Limia, e unha proposta de modelo adecuado para a súa representación gráfica, así como proposta dunha bandeira ou insignia municipal.

2. Aprobar provisionalmente o novo deseño de escudo nos seguintes termos segundo a proposta remitida pola Comisión Heráldica de Galicia: “Partido e medio cortado. Primeiro, de prata (branco), a banda de sable (negro) e brochante, en orla, a cadea de ouro (amarelo). Segundo, de ouro, o galo de goles (vermello). Terceiro, de sinople (verde), dúas espigas de ouro dispostas en aspa. Ao timbre, a coroa real pechada”.

3. Aprobar provisionalmente o deseño de bandeira nos seguintes termos segundo a proposta remitida pola Comisión Heráldica de Galicia: “O pano branco, coa banda de negro e, brochante, en orla, a cadea de amarelo. Partida e medio e cortada, ao batente: primeiro de amarelo, co galo de vermello, e segundo de verde, coas espigas cruzadas de amarelo”.

4. Someter este acordo a información pública durante o prazo dun mes mediante anuncio no DOG e no taboleiro de edictos, prazo durante o cal se poderán presentar alegacións».

En cumprimento do disposto no Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, aprobado polo Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, nos artigos 258 a 262 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 22.2.b) e 47.2.e) da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, sométese o expediente a información pública durante o prazo dun mes mediante este anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Se transcorrido o dito prazo non se presentan reclamacións, considerarase aprobado definitivamente o acordo por parte do Pleno municipal, e remitirase o expediente completo á Comisión Heráldica co fin de que emita informe preceptivo e vinculante, o cal será elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

Xinzo de Limia, 29 de marzo de 2019

Manuel Cabas López
Alcalde presidente