Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 2019 Páx. 18869

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na Terra para residentes no exterior durante o ano 2019 (código de procedemento PR926B).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola cal se convoca e se regula o programa de viaxes a Galicia Reencontros na Terra, que lles permite a persoas emigrantes galegas de 65 anos ou máis, residentes en América e con baixos recursos económicos, reencontrarse coa terra que os viu nacer.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na Terra para o ano 2019, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía nunha residencia e, posteriormente, coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía na residencia das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2019 (procedemento PR926B).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galega.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os últimos dez (10) anos.

1.4. Ter, cando menos, 65 anos feitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos dez (10) anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.

1.6. Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

1.7. Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles se deciden prolongar a súa estadía en Galicia.

1.8. Ter ingresos inferiores a dúas veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

Non obstante, estas contías, por proposta do órgano instrutor, poderán ser modificadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para aqueles países en que teña aumentado o índice de prezos de consumo por riba dun 3 %, no momento de resolución da convocatoria.

2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre e cando estas residan en América, cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e presenten a documentación xustificativa.

3. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

4. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 3. Características do programa

1. As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país.

2. As persoas participantes residirán durante catorce (14) días nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

3. Serán por conta das persoas participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia todos os gastos durante o tempo que permanezan coa súa familia, unha vez finalizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30 ou 45 días desde a súa chegada a Galicia. Estes períodos deben estar indicados no formulario de solicitude e poderán ser modificados no prazo de 3 días posteriores á data de publicación das listaxes de persoas seleccionadas. Rematado este prazo, calquera cambio do tempo de permanencia en Galicia só poderá ser autorizado pola Secretaría Xeral da Emigración, por petición por escrito da persoa solicitante por motivos de causa maior.

4. A prestación da asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e cos convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países, queda fixada para o ano 2019 do seguinte xeito:

Países

Nº de prazas

Arxentina:

69

Brasil:

9

Cuba:

5

Uruguai:

27

Venezuela:

22

Resto de América:

3

Total:

135

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 135 indicadas, poderanse distribuír proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

2. Datas de realización.

As persoas beneficiarias deste programa viaxarán a Galicia preferentemente no mes de outubro.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade das axudas

1. Financiamento.

As subvencións do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

2.1. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da viaxe das persoas beneficiarias desde os lugares de partida fixados pola Secretaría Xeral en América ata o lugar de destino designado en Galicia, así como das actividades socioculturais que se realizarán durante a estadía nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

2.2. A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica colaborará neste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias e das persoas responsables das actividades socioculturais todos os servizos de aloxamento e manutención, durante un período máximo de catorce (14) días, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

3. Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, de xeito illado ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes, segundo o modelo do anexo I, deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderanse dirixir ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar. No caso de que estea exenta de realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.

c) Nos países en que non exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da unidade económica familiar.

d) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

e) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 2 do artigo 10.

f) Unha fotografía recente, tamaño carné.

g) Anexo III do/a cónxuxe acompañante, se for o caso.

h) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que as persoas que así o indiquen na súa solicitude poidan residir con eles durante a súa estadía en Galicia, logo de rematar a convivencia no centro residencial dependente da Xunta de Galicia.

i) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de América que corresponda e documentación acreditativa do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

j) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

2. Documentación relativa á persoa acompañante:

No suposto de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, esta deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo III que se indica na letra g) do punto 1 deste artigo, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

Pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

c) Unha fotografía recente, tamaño carné.

d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e da data de nacemento do/da cónxuxe acompañante.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar esta convocatoria será de cinco meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderanse entender desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado que valorará as solicitudes non avaliadas nos diferentes países de orixe e que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da valoración das diferentes comisións de avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas na Arxentina e en Uruguai crearanse comisións de avaliación propias presididas polas persoas titulares das respectivas delegacións da Xunta de Galicia. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela, á vista do número de solicitudes presentadas, poderanse crear comisións de avaliación presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoal técnico das delegacións e, de ser o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes.

5. Unha vez que finalice o prazo de presentación de solicitudes e que se comprobe que estas e o resto da documentación reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas, con indicación, se é o caso, das causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de noventa (90) días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.gal para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidas da súa petición e arquivaranse nos termos establecidos no artigo 68 da LPACAP.

Transcorrido este prazo, elaborarase a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na valoración das correspondentes solicitudes.

7. Posteriormente, o órgano colexiado indicado no punto 3 elaborará unha proposta de concesión que o órgano instrutor presentará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións e publicará na páxina web http://emigracion.xunta.gal a relación de persoas beneficiarias e as reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 11. Criterios de selección

1. En primeiro lugar, seleccionaranse as persoas solicitantes que non participasen con anterioridade en programas de viaxes desta secretaría xeral ou do Estado español, que estean en risco de marxinación ou exclusión social.

2. En segundo lugar, terán preferencia aquelas persoas solicitantes que sexan beneficiarias das prestacións económicas por ancianidade.

3. En terceiro lugar, terán preferencia aquelas persoas solicitantes que teñan a idade máis avanzada.

No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicados os criterios anteriores, teranse en conta as persoas solicitantes que xa participasen en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia virá determinada polo maior tempo que leven sen participar neste programa e estean en risco de marxinación ou exclusión social. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia virá determinada pola maior idade.

No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, empezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

4. A selección dunha persoa solicitante comportará a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre que esta presentase a súa solicitude e reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 2.

5. Seguindo os puntos 1, 2 e 3 anteriores, ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de persoas seleccionadas e reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país no artigo 4.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lles corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso, a Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo as funcións de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. O incumprimento das obrigas citadas nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo suporá o reintegro do 100 % da subvención.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, de xeito presencial, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se indica na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude que dá o seu consentimento para que lle sexa remitida información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file