Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 15 de abril de 2019 Páx. 18639

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 39/2019, do 28 de marzo, polo que se aproba o plan de conservación do espazo natural de interese local Río Gafos (Pontevedra).

A Constitución española de 1978 recoñece no seu artigo 45.1 o dereito a desfrutar dun ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservaren, e o artigo 149.1.23 faculta as comunidades autónomas para estableceren normas adicionais de protección da paisaxe, competencia exclusiva que se recolle no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia. Así, as competencias en materia de conservación da natureza foron asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de ampliación e adaptación de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural, regulan a figura de espazo natural de interese local (ENIL en diante) establecendo que, por petición dun concello, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza pode declarar como tal aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

Mediante a Orde do 25 de novembro de 2013 declarouse, de xeito provisional, o espazo natural de interese local Río Gafos (DOG núm. 236, do 11 de decembro), localizado no concello de Pontevedra. O expediente de declaración provisional conta co compromiso formal, adoptado polo Concello do 21 de abril de 2009, de poñer en práctica as medidas de conservación necesarias e a súa declaración definitiva condicionouse á presentación, por parte do concello, ante a consellería competente en materia de conservación da natureza, dunha proposta adecuada de plan de conservación, o que realizou o 19 de novembro de 2015.

O espazo protexido confórmase arredor do río Gafos, río que discorre polos termos municipais de Vilaboa, onde nace, e Pontevedra, onde desemboca. Toda a superficie do ENIL Río Gafos está dentro do termo municipal de Pontevedra. Presenta unha comunidade vexetal diversa que se caracteriza pola presenza de bosques ribeiregos de Carici lusitanicae-Alnetum e Senecio bayonnensis-Alnetum glutinosae, e onde as raíces se atopan permanentemente empozadas. Tamén resulta singular a presenza dun gran número de pés de loureiro (Laurus nobilis) espallados ao longo da súa superficie, en bo estado de conservación. A vexetación de ribeira chega a ser dunha densidade sorprendente, sobre todo no referente ao estrato herbáceo e ao sotobosque: fentos, liques, musgos, silvas, xibardas (Ruscus aculeatus L.) e mesmo lúpulo (Humulus lupulus) comparten hábitat con estripos e carballos de dimensións importantes. Destaca a localización de exemplares de pau de San Gregorio (Prunus padus), de estraña presenza nesta latitude.

A proposta de plan incorpora o contido dos informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (informe do 27 de xaneiro de 2012) e da entidade pública empresarial Augas de Galicia (informe do 20 de febreiro de 2012), establecendo que:

a) En aplicación da lexislación vixente no momento da declaración (artigo 32 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia –LOUG, en diante–), ao ENIL Río Gafos correspóndelle o réxime de solo rústico de protección de espazos naturais, así como os usos admisibles asociados a este. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo identificou o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM, en diante) de Pontevedra do 18 de febreiro de 1989 como a normativa urbanística de aplicación no ámbito do ENIL e informou de que se trata dun planeamento non adaptado á LOUG polo que, de conformidade coa disposición transitoria 1ª.f, lle resulta de aplicación ao ámbito do ENIL o réxime xurídico de solo rústico de protección de augas (artigo 32.2.d) e, desde a declaración como espazo natural protexido, aplicaráselle tamén o réxime de solo rústico de protección de espazos naturais (artigo 32.2.f) a todo o ámbito. Igualmente, informou da congruencia dos usos e aproveitamentos dos recursos naturais e das actividades que se van desenvolver cos réximes do solo rústico que lle corresponden ao ámbito, logo da súa declaración.

Ao respecto do Plan de ordenación do litoral de Galicia (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia), informaron sobre os usos e actividades permitidas que resultarían acordes con el.

b) Augas de Galicia estableceu como condición para a declaración que a xestión do ENIL non implicaría a cesión do dominio público hidráulico nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Xunta de Galicia. Apuntan, ademais, a necesidade de recadar autorización da Administración hidráulica para unha serie de actuacións nas ribeiras e nas zonas de servidume e policía.

En virtude do establecido nos artigos 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e 41.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o 2 de agosto de 2017 se iniciou o procedemento para a formulación e aprobación do plan por decreto do Consello da Xunta.

O documento base do plan de conservación, logo de ser emendado e completado, cumpre coa finalidade de adecuar a xestión do ENIL aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade e conta cos contidos mínimos referidos no artigo 20 desa Lei e no 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a declaración dos espazos naturais de interese local e os espazos privados de interese natural.

O conxunto documental que constitúe o plan consta dos documentos seguintes: unha memoria, que é o documento en que se recollen a delimitación territorial do plan (artigo 38.1 da Lei 9/2001); a identificación dos valores naturais que hai que protexer mais os posibles riscos que poidan afectalos (artigo 38.2 da Lei 9/2001 ) e a parte normativa e programación que establece, para o ámbito, os principios inspiradores e criterios para a xestión dos recursos naturais (artigo 16 da Lei 9/2001), as normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais (artigo 38.3 da Lei 9/2001), as normas relativas ao uso público e as liñas de actuación necesarias para a consecución dos obxectivos da planificación do ENIL (artigo 38.4 da Lei 9/2001), xunto cunha memoria económica acerca dos custos necesarios para a súa aplicación.

O documento base do plan someteuse a participación pública o 30 de outubro de 2017, de acordo co previsto no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, que regula o dereito de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, para promover unha participación real e efectiva do público na súa elaboración.

Emitiron informe favorable o Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra, pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, polo que procede a súa aprobación por decreto do Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

A publicidade do Plan de conservación do ENIL Río Gafos materializouse o 23 de novembro de 2018 a través da súa publicación formal no Diario Oficial de Galicia sen que se recibisen alegacións.

Constatadas as singularidades que presenta este espazo natural, que o fan merecente da protección dos seus valores naturais e despois da presentación e adecuación do correspondente plan de conservación aos principios inspiradores do artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, mediante a Orde do 11 de marzo de 2019 declarouse con carácter definitivo o lugar de Río Gafos, no concello de Pontevedra, como espazo natural de interese local.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan de conservación

1. Apróbase o Plan de conservación do ENIL Río Gafos recollido no anexo I deste decreto, co ámbito, finalidade e valores naturais incluídos na memoria e coas normas, obxectivos de conservación e medidas establecidas na parte de normativa e programación.

2. O ámbito territorial de aplicación do plan de conservación coincide coa extensión e os límites cartografados e coas coordenadas establecidas no anexo II. O ENIL atópase no termo municipal de Pontevedra, provincia de Pontevedra, e conta cunha superficie de 49,80 ha.

3. O plan estará á disposición de calquera persoa interesada na web do Concello de Pontevedra, xestor do espazo: http://www.pontevedra.gal/areas/parques-e-naturaleza/

Disposición adicional. Revisión do Plan xeral de ordenación municipal

Establécese un prazo de 18 meses para que o Concello de Pontevedra inicie o procedemento de revisión do PXOM a fin de introducir e aprobar as modificacións necesarias para adaptar os aspectos incompatibles con este plan. En particular, deberase recoller a aplicación do réxime de solo rústico de protección de espazos naturais para todo o ámbito, así como os usos admisibles asociados a este tipo de solo rústico.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería competente en materia de ambiente para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2019

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Plan de conservación do ENIL Río Gafos

Memoria

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito territorial e delimitación

1. O ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación coincide coa extensión e límites cartografados do ENIL Río Gafos e coas coordenadas establecidas no anexo II deste decreto.

Atópase no termo municipal de Pontevedra, provincia de Pontevedra, e conta cunha superficie de 49,80 ha.

2. Localízase nas follas 185-II e 185-IV da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional e ocupa desde o límite co concello de Vilaboa, atravesando a parroquia de Tomeza, ata o comezo da senda fluvial na rúa Otero Pedraio, dentro do núcleo urbano de Pontevedra. O camiño portugués de Santiago discorre polo seu límite leste.

3. Ten unha orientación sur-norte e atravesa un val largarío e moi chan, cuxos límites son os seguintes:

– N: limita ao norte coa rúa Ramón Otero Pedraio do núcleo urbano de Pontevedra.

– S: limita ao sur coa parroquia de Santa Comba de Bértola, do concello de Vilaboa.

– L: limita ao leste coa parroquia de Tomeza.

– O: limita ao oeste coa parroquia de Salcedo.

Artigo 2. Finalidade do plan e principios inspiradores da xestión

1. De conformidade co artigo 16 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, os recursos naturais e os espazos naturais por protexer serán obxecto de planificación coa finalidade de adecuar a xestión aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da lei. Neste senso, a programación de actuacións do ENIL considerará, polo menos:

a) O mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sistemas vitais básicos, apoiando os servizos dos ecosistemas para o benestar humano.

b) A conservación e a restauración da biodiversidade e da xeodiversidade.

c) A utilización ordenada dos recursos para garantir o aproveitamento sustentable do patrimonio natural, en particular das especies e dos ecosistemas, a súa conservación, restauración e mellora e evitar a perda neta de biodiversidade.

d) A conservación e preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais, da diversidade xeolóxica e da paisaxe.

e) A integración dos requisitos da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade nas políticas sectoriais e, en particular, na toma de decisións no ámbito político, económico e social, así como a participación xusta e equitativa na repartición de beneficios que deriven da utilización dos recursos xenéticos.

f) A prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística e os supostos básicos da devandita prevalencia.

g) A precaución nas intervencións que poidan afectar espazos naturais ou especies silvestres.

h) A garantía da información á cidadanía e concienciación sobre a importancia da biodiversidade, así como a súa participación no deseño e execución das políticas públicas, incluída a elaboración de disposicións de carácter xeral, dirixidas á consecución dos obxectivos desta lei.

i) A prevención dos problemas emerxentes consecuencia do cambio climático, a mitigación e adaptación a este, así como a loita contra os seus efectos adversos.

j) A contribución dos procesos de mellora na sustentabilidade do desenvolvemento asociados a espazos naturais ou seminaturais.

k) A participación das persoas habitantes e propietarias dos territorios incluídos en espazos protexidos nas actividades coherentes coa conservación do patrimonio natural e da biodiversidade que se desenvolvan nos devanditos espazos e nos beneficios que deriven delas.

2. Así mesmo, en virtude do artigo 37 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, o Plan de conservación establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Artigo 3. Efectos

1. De conformidade co disposto na Orde do 11 de marzo de 2019, declarativa do ENIL Río Gafos, e nos informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27 de xaneiro de 2012 e da entidade pública empresarial Augas de Galicia do 20 de febreiro de 2012:

a) En aplicación da lexislación vixente no momento da declaración ao ámbito do ENIL, correspóndelle o réxime de solo rústico de protección de espazos naturais, así como os usos admisibles asociados a este. Tamén lle resultará de aplicación o réxime xurídico de solo rústico de protección de augas.

b) Os usos e aproveitamentos dos recursos naturais e das actividades que se desenvolvan resultan congruentes cos réximes do solo rústico que corresponden ao ámbito, logo da súa declaración.

c) Ao respecto do Plan de ordenación do litoral de Galicia, os usos e actividades permitidas serán as acordes cos artigos 56 e 57 en relación cos artigos 46.1.b) e 46.3.a) do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro.

d) A xestión do ENIL non implicará a cesión do dominio público hidráulico nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Xunta de Galicia.

e) Calquera tipo de vertedura ou actuacións nas marxes, ribeiras e canles deberán contar con autorización da administración hidráulica. Nas zonas de servidume e na zona de policía teranse en conta o Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI, VII e VIII do texto refundido da Lei de augas.

2. Conforme o artigo 39 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, as previsións deste plan de conservación serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para as persoas particulares, prevalecerán sobre a planificación urbanística e a súa aprobación levará consigo a revisión dos plans territoriais e sectoriais incompatibles.

CAPÍTULO II

Valores naturais do espazo e factores de risco

Artigo 4. Identificación dos valores naturais que hai que conservar

1. O río Gafos constitúe un ecosistema moi produtivo e de gran valor. A importancia ecolóxica, a súa fraxilidade e os seus problemas de conservación fan que sexa prioritaria, non só a súa conservación, senón a súa recuperación. Para poder protexer estas áreas teranse en conta unha serie de actuacións:

a) Incrementar o coñecemento a todos os niveis acerca das zonas húmidas.

b) Concienciar a toda a sociedade sobre os seus valores e funcións.

c) Concederlle protección legal e reforzar os marcos legais relevantes.

d) Reforzar a capacidade das institucións, organizacións e entidades co fin de conseguir a súa conservación e o uso racional.

e) Garantir que sexan xestionadas de forma efectiva e integrada, en particular aquelas que resulten legalmente protexidas.

f) Reforzar a cooperación entre institucións, organismos e entidades, tanto gobernamentais coma non gobernamentais, incluíndo as entidades locais e o sector privado.

2. Flora.

A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva de hábitat) define os hábitats naturais de interese comunitario como:

Hábitats que se atopan ameazados de desaparición na súa área de distribución natural, ou ben presentan un área de distribución reducida a causa da súa regresión ou debido á súa área intrinsecamente restrinxida, ou ben constitúen exemplos representativos de características típicas dunha ou de varias rexións bioxeográficas da seguintes: alpina, atlántica, continental, macaronésica e mediterránea.

Dentro destes hábitats podemos diferenciar os chamados hábitats prioritarios, que segundo a dita directiva se definen como «hábitats naturais ameazados de desaparición e cuxa conservación supón unha especial responsabilidade para a comunidade, considerando a importancia da proporción da súa área de distribución natural. Estes tipos de hábitats naturais prioritarios sinalízanse cun asterisco (*)».

O espazo natural de interese local Río Gafos presenta unha comunidade vexetal que se caracteriza por ser hábitat natural de interese comunitario e clasificada como hábitat prioritario. Este hábitat sería o seguinte:

9. Bosques.

91. Bosques da Europa temperada.

91EO*. Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (hábitat prioritario).

Os bosques ribeiregos (Carici lusitanicae-Alnetum) e (Senecio bayonnensis-Alnetum glutinosae) son bosques de ribeira empozados e sitúanse en beiras de regatos e ríos, onde as raíces se atopan permanentemente empozadas. Os solos sobre os cales se sitúan son terras pardas eutróficas onde se acumulan os nutrientes por arrastre ou infiltración das augas ao baixaren polas ladeiras.

Comprendería a zona coñecida popularmente como «brañas». Pola súa singularidade e estado de conservación merece unha mención especial o gran número de pés de Laurus nobilis (loureiro) espallados ao longo deste hábitat.

A catalogación actual do Río Gafos inclúe 180 especies de plantas vasculares (fentos e fanerógamas).

Dentro destas destaca Narcissus cyclamineus, planta endémica da península ibérica, considerada no Catálogo galego de especies ameazadas como vulnerable e incluída no anexo II da Lei 42/2007, do 13 de decembro, onde figuran as especies animais e vexetais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación.

Outras plantas de interese que se poden atopar nesta contorna son Festuca pratensis, Lychnis flos-cuculi, Carex paniculata spp. lusitanica, Fraxinus excelsior e Prunus padus.

Consultar cartografía: Plano núm. 2. Plano de vexetación.

3. Fauna vertebrada.

a) Mamíferos.

No Río Gafos están catalogadas 20 especies de mamíferos, entre elas a lontra (Lutra lutra), especie incluída na Lei 42/2007 nos anexos II (anteriormente descrito) e V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita).

b) Anfibios e réptiles.

No Río Gafos están catalogadas 11 especies de anfibios e 11 especies de réptiles. Entre todas estas hai que destacar cinco endemismos, como son Chioglossa lusitanica, Lissotriton boscai, Discoglossus galganoi, Lacerta schreiberi e Podarcis bocagei.

Na Lei 42/2007, do 13 de decembro, no seu anexo II relaciónanse as especies de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación (ZEC), como é o caso dos anfibios Chioglossa lusitanica, Discoglossus galganoi e o réptil Lacerta schreiberi.

Outras das especies presentes no espazo aparecen recollidas no anexo V de dita Lei 42/2007, do 13 de decembro, e requiren unha protección estrita, como é o caso de Chioglossa lusitanica, Triturus marmoratus, Discoglossus galganoi, Bufo calamita, Hyla arborea, Rana iberica, Lacerta schreiberi e Coronella austriaca.

Tres especies de anfibios, Chioglossa lusitanica, Hyla arborea e Rana iberica, están clasificadas como vulnerables no Catálogo galego de especies ameazadas.

c) Peixes.

Catalogadas 6 especies, entre as cales destaca a boa poboación de Salmo trutta trutta.

d) Aves.

Nesta contorna están catalogadas 92 especies, das cales 50 especies crían con regularidade no espazo. Destas 92 especies, sete, Nycticorax nycticorax, Ardea purpurea, Milvus migrans, Falco peregrinus, Caprimulgus europaeus, Alcedo atthis e Sylvia undata, están catalogadas na Lei 42/2007, do 13 de decembro, no seu anexo IV, que recolle as especies de aves que serán obxecto de medidas de conservación especiais en canto ao seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución.

Por outra banda, 55 especies están incluídas na Lista de especies silvestres en réxime de protección especial do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento do Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas.

4. Fauna invertebrada.

No Río Gafos están catalogadas 53 especies de lepidópteros, 35 especies de coleópteros, 31 especies de himenópteros, 27 especies de hemípteros, 16 especies de ortópteros, 16 especies de odonatos, 14 especies de arácnidos e 57 especies de dípteros. Entre estas especies hai que destacar o odonato Coenagrion mercuriale, o lepidóptero Euphydryas aurinia e o coleóptero Lucanus cervus. Estas tres especies están incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do 13 de decembro. Coenagrion mercuriale e Lucanus cervus tamén están incluídos na Lista de especies silvestres en réxime de protección especial do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro.

Artigo 5. Identificación dos factores de risco que poidan afectar os seus valores naturais

1. Usos recreativos excesivos.

Desgraciadamente, o aumento do uso social dos espazos naturais a miúdo leva consigo o mal uso que se fai deles, en forma de proliferación de lixo e desperdicios, degradación do medio, erosión dos camiños, ruídos, molestias tanto para a fauna salvaxe como para as persoas que pasean, etc.

2. Introdución de especies animais e vexetais.

A introdución de especies animais ou vexetais foráneas pode supoñer un desequilibrio nas poboacións autóctonas. A presenza de plantas cun carácter invasor acusado como Acacia dealbata (mimosa), Acacia melanoxylon (acacia negra), Robinia pseudoacacia (falsa acacia), Cortaderia selloana (herba da Pampa), Tradescantia fluminensis, Tritonia x crocosmiflora e Eucaliptus globulus (eucalipto) ou animais como Neovison vison (visón americano) e Procambarus clarkii (cangrexo vermello americano), supón un cambio a curto prazo da composición floral e faunística do lugar afectado. É sobre todo preocupante a proliferación destas especies dentro dos límites do ENIL.

3. Verteduras e lixo.

As verteduras incontroladas de aceites, residuos agrarios, entullos e lixo levan asociada unha gran deterioración natural tanto do solo como da vexetación e a fauna, así como un evidente impacto visual negativo. Unha parte importante das verteduras líquidas proceden da rede de saneamento municipal consistente nunha tubaxe (que tamén recolle augas pluviais) que vai paralela ao río. Esta condución está saturada xa que recolle as augas de dúas zonas moi poboadas como son as parroquias de Tomeza e Salcedo, ademais das augas procedentes de Vilaboa e as que baixan do polígono industrial do Campiño, que se satura en días de choivas e provoca o seu desbordamento. Estas verteduras poden ser especialmente agresivas ao levaren residuos de augas industriais. Existe un proxecto para a súa substitución pero non hai data de comezo.

Un asentamento pegado ao río Tomeza, xusto pasando a desembocadura do río Pintos dirección Tomeza, tamén é problemático debido a grande cantidade de desperdicios que se acumulan ao redor das vivendas, moitos dos cales rematan nas beiras e no leito do río.

4. Presión urbanística.

Sen chegar a ter este espazo natural unha grande presión urbanística, esta si podería existir nun futuro debido á súa localización, pois é unha paraxe moi preto do núcleo urbano. Esta presión urbana débese sobre todo ás vías de comunicación existentes, autoestrada, vía do ferrocarril e estradas que a delimitan.

Normativa e programación

CAPÍTULO III

Directrices para a xestión do espazo natural

Artigo 6. Directrices en relación cos recursos naturais

1. Os recursos naturais dentro do espazo natural serán xestionados coa intervención necesaria para manter non só a estrutura dos ecosistemas senón tamén as súas funcións, os procesos naturais e a conectividade. A conservación activa orientarase a asegurar a evolución natural do medio e das especies asociadas.

2. Tratarase de conservar toda a biodiversidade existente no espazo, procurando que non desapareza ningunha especie e tentando de recuperar as especies nativas desaparecidas en tempos recentes. Considéranse especies nativas todas aquelas que habitan ou habitaron no espazo como resultado de procesos naturais e, pola contra, son especies non nativas ou exóticas calquera que habite no espazo como resultado directo ou indirecto de accións humanas, sexan deliberadas ou accidentais.

3. Manterase a pureza da biodiversidade impedindo a introdución de especies exóticas invasoras, evitando a propagación e o crecemento das poboacións xa existentes e eliminando ou erradicando toda especie exótica invasora.

4. Se calquera especie animal ou vexetal aumenta en exceso a súa poboación poñendo en perigo o equilibrio ecolóxico da zona, deberán tomarse as medidas oportunas para o seu control garantindo a conservación das especies nativas.

5. A xestión do río procurará a mellora paulatina e progresiva da calidade das augas, tanto superficiais coma subterráneas, adoptando as medidas necesarias para mellorar os sistemas de tratamento e depuración de lodos. Así mesmo, procurarase o control de verteduras industriais ou contaminantes eliminando, na medida do posible, aqueles puntos de verteduras incontroladas.

6. Considérase a paisaxe como un dos principais valores naturais do espazo, polo que se deberá preservar, conservar e rexenerar na medida do posible, modificando as estruturas que a afecten negativamente e incorporando o criterio do mínimo impacto para todos os proxectos de actuación que poidan repercutir no seu estado e eliminando ou minimizando os impactos que sexan xerados polas obras, construcións, etc.

7. Deberase preservar a calma e os sons naturais asociados aos recursos físicos e biolóxicos (por exemplo, sons do vento, das aves, dos anfibios, etc.) suprimindo as fontes de sons artificiais ou, se for o caso, minimizando o seu efecto. Tamén se procurará minimizar a intrusión de luz artificial debido ao seu efecto negativo en certas poboacións animais.

8. A xestión e dirección do ENIL asegurarán a participación das mulleres na xestión de base, técnica, de coordinación ou directiva procurando o equilibrio representativo destas e a integración da perspectiva de xénero en materia de igualdade.

Artigo 7. Directrices en relación co uso público

1. A senda que percorre o espazo natural ten un uso peonil, polo que se debe limitar a utilización de bicicletas ou outros vehículos. As características desta senda (dimensións, piso, etc) fai que non soporte este uso e se provoquen danos por erosión e eliminación de vexetación polas rodadas. Así mesmo, poden producirse situacións de perigo para o resto de persoas usuarias por ser unha senda demasiado estreita para compatibilizar os dous usos. Considerarase, por tanto, unha alternativa para poder percorrer a zona con estes medios de transporte.

2. O PXOM de Pontevedra tipifica o ámbito como solo rústico de protección de augas, polo que a zona de servidume e a zona de policía do río se terá en conta á hora de planificar calquera actuación no espazo, de acordo coa Lei de augas e o Regulamento do dominio público hidráulico.

3. Calquera actuación nas marxes, ribeiras e leito do río, así coma calquera tipo de vertedura, requirirá a autorización da Administración hidráulica.

4. Regular a utilización das vías de penetración no espazo natural, mellorar as súas condicións xerais de uso e reducir, na medida do posible, os impactos que se producen sobre o medio.

5. Facilitarase o goce da persoa visitante baseado nos valores do espazo natural de modo compatible coa súa conservación. Fomentaranse as actividades de paseo e contemplación e promoverase, así mesmo, o seu uso para grupos escolares e outros dedicados a actividades concienciadoras coa natureza.

6. Atenderanse todas as persoas visitantes ofrecendo oportunidades de gozar da natureza para aquelas menos capacitadas, procurando, ata onde sexa posible, que teñan as mesmas oportunidades que as persoas non discapacitadas.

7. Compatibilizarase o uso público do territorio do espazo natural coa conservación, preservación e mantemento dos seus valores, tendo en conta os dereitos de propiedade e as actividades tradicionais das poboacións locais.

8. Potenciarase a divulgación e facilitarase información por todos os medios dispoñibles (dixitais, cartelaría, folletos, publicacións, etc) sobre os valores do espazo natural, as posibilidades de uso e lecer, a política de xestión, as súas normas de protección, os programas de acción e cantos aspectos se considere oportuno para unha mellor e máis completa consecución dos obxectivos perseguidos.

9. Implicaranse ao máximo as ONG e as entidades locais coa axuda dos organismos de xestión de zonas húmidas.

10. Promoveranse as accións de conservación, restauración e difusión de zonas húmidas, tanto públicas como privadas.

Artigo 8. Directrices respecto ás infraestruturas, equipamentos e instalacións

1. O Concello proporcionará as infraestruturas, instalacións e equipamentos necesarios para a protección dos seus valores, para o uso e lecer público e para a súa xestión. Todos eles serán harmoniosos cos recursos do espazo e compatibles cos procesos naturais, o máis accesible posible a todos os segmentos da poboación e cun custo razoable en canto á súa construción e operación.

2. Todas as instalacións e infraestruturas do espazo deberán adaptarse o máis posible ao medio, reducindo ao mínimo as afeccións paisaxísticas negativas e evitando competir entre o elemento artificial e os recursos naturais.

3. Adecuaranse, melloraranse e manteranse as infraestruturas e a rede de instalacións de uso público do espazo natural.

4. Tenderase a eliminar aquelas estruturas artificiais, instalacións e construcións abandonadas. Cando non sexa posible a súa eliminación, estudaranse medidas para a súa integración no medio. Para iso terase en conta o acordo e a colaboración das persoas propietarias dos ditos elementos privados.

5. As estradas do espazo, como elementos xa existentes, deben facilitar a visita. Calquera actuación futura sobre elas dará prioridade aos factores ambientais e á súa integración no contorno. Para evitar un posible exceso de tráfico nun futuro, a xestión das estradas deberá enfocarse a limitar o tránsito e en ningún caso a ampliar a súa capacidade.

6. Os camiños ofrecerán unha aparencia o máis primitiva posible, evitando ao máximo a artificialidade e procurando utilizar materiais do lugar.

Artigo 9. Directrices para as actividades científicas

1. É imprescindible informar e divulgar os valores e a riqueza das zonas húmidas co fin de incrementar o cambio de percepción sobre os ecosistemas acuáticos e para conseguir sensibilizar a sociedade sobre a necesidade da súa conservación.

2. O recoñecemento sobre as zonas húmidas debe ser impulsado baixo un enfoque aplicado á resolución de problemas de conservación, co fin de ofrecer unha base sólida para a súa xestión e uso racional. Faise necesario realizar inventarios e estudos (por parte de persoas investigadoras cun bo coñecemento do funcionamento das zonas húmidas e dos procesos que nelas interveñen) que permitan identificar o estado de conservación e as posibles ameazas sobre as zonas húmidas e as especies asociadas a elas (con especial atención aos invertebrados acuáticos, ás aves e aos anfibios). Harmonizar a información dispoñible e completar os ocos de coñecemento existentes sobre as zonas húmidas.

3. Deseñar alternativas de recuperación e desenvolver métodos de restauración de recursos alterados por causas antrópicas.

4. A Oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra fomentará e facilitará a realización de traballos de investigación científica en relación coas especies animais e vexetais que habitan no espazo co fin de contribuír á protección, interpretación, desenvolvemento e xestión do espazo.

5. Debido ao propio dinamismo dos ecosistemas do espazo e ás súas reaccións ás influencias humanas de todo tipo, faise necesario establecer programas de seguimento ambiental que permitan tanto a máis rápida detección dos cambios negativos sobrevidos como, na medida do posible, a predición anticipada de modificacións que requiran algún tipo de actuación.

6. Realizar convenios específicos con institucións científicas e centros de investigación para que desenvolvan programas de investigación aplicada que sirvan de apoio e asesoramento ás tarefas de xestión e conservación das zonas húmidas, e para facilitar a transferencia dos coñecementos e resultados da investigación á xestión destas zonas.

Artigo 10. Directrices para as actividades educativas

1. Traballar na educación e sensibilización ambiental en todos os ámbitos, tanto na comunidade escolar, mediante o impulso de programas específicos de educación ambiental, como no resto da sociedade, cun adecuado compoñente educativo inserido en toda a información dispoñible relativa ao espazo.

2. Para conseguir o punto anterior, promoverase a organización de actividades (conferencias, coloquios, visitas, audiovisuais, exposicións, etc) por parte das institucións, entidades locais e centros escolares.

3. Desenvolver e manter programas interpretativos dos distintos procesos naturais e dos seus elementos e, en xeral, de todo o que estea ligado ao espazo natural mediante a aplicación de medios interpretativos, así como a profesionalización e cualificación máxima das visitas guiadas.

4. Cómpre dar a coñecer e destacar os valores das zonas húmidas e das súas diversas funcións entre as persoas con responsabilidade política e o público en xeral, de maneira que as políticas e as actividades que degraden estes espazos poidan substituírse por outras positivas como a compilación e análise da información sobre a ecoloxía, as funcións e os valores das zonas húmidas, así como a súa difusión.

CAPÍTULO IV

Usos tradicionais e gravames

Artigo 11. Usos tradicionais

No ámbito deste plan enténdense por aproveitamentos tradicionais aqueles realizados historicamente sobre os recursos naturais do espazo natural. Comprenden as prácticas ou actividades realizadas polas comunidades do contorno dirixidas á consecución de bens materiais e mantidas no transcurso histórico do tempo. O seu manexo permitirá lograr a compatibilidade coa protección dos valores do espazo, co uso público e, en todo caso, garantirá o uso sustentable dos recursos afectados.

Por este motivo, non se impedirá o uso agrícola dos terreos comprendidos no ámbito do ENIL con todos os dereitos que iso implica, incluído o acceso ás propiedades privadas.

Artigo 12. Gravames

Os gravames existentes no espazo natural do río dos Gafos son os seguintes:

1. Os derivados do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas. Segundo a dita normativa, o río Gafos está afectado por unha zona de servidume de 5 metros de largo para uso público que se regulamentará e por unha zona de policía de 100 metros de largo na cal se condicionarán o uso do solo e as actividades que se desenvolvan.

As directrices en relación co uso público inclúen:

a) A zona de servidume e a zona de policía do río terase en conta á hora de planificar calquera actuación no espazo, de acordo coa Lei de augas e o Regulamento do dominio público hidráulico.

b) Calquera actuación nas marxes, ribeiras e leito do río, así coma calquera tipo de vertedura, requirirá a autorización da Administración hidráulica.

Polo tanto, queda claro que a zona obxecto de declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico e o organismo responsable da xestión dese dominio é Augas de Galicia; a declaración do ENIL non implica a cesión deste dominio público nin a súa utilización significa a cesión das facultades demaniais da Xunta de Galicia.

2. Os derivados do Real decreto 2387/2004, do 30 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do sector ferroviario.

Segundo a dita normativa, a superficie comprendida no ENIL está dentro da zona de protección das liñas ferroviarias consistente nunha franxa de terreo a cada lado delas, delimitada interiormente pola zona de dominio público e exteriormente por dúas liñas paralelas situadas a 70 metros das arestas exteriores da explanación (artigo 26.1 do Real decreto 2387/2004).

Nesta zona non poderán realizarse obras nin se permitirán máis usos que aqueles que sexan compatibles coa seguridade do tráfico ferroviario, logo de autorización, en calquera caso, da persoa administradora de infraestruturas ferroviarias (artigo 26.2 do Real decreto 2387/2004).

3. Os derivados das concesións administrativas. Neste espazo natural e na súa contorna existen as seguintes concesións administrativas de auga que se respectarán en todo momento:

– Comunidade de usuarios Igrexa-Salcedo. Caudal concedido: 0,103 l/s.

– Comunidade de usuarios Veiga da Fonte. Caudal concedido: 0,11 l/s.

– Victoriano Barcala Cortés.

As concesións mencionadas no informe sectorial de Augas de Galicia, a comunidade de usuarios Veiga da Fonte e a comunidade de usuarios Iglesia-Salcedo non están dentro do ámbito do ENIL. Aínda así, tómanse en consideración e recoñécense os seus dereitos. Considérase, por tanto, que este uso é compatible coa declaración do ENIL.

Considérase que estes condicionantes debidos aos gravames existentes non son incompatibles cos fins e obxectivos que se perseguen coa declaración do ENIL.

CAPÍTULO V

Zonificación

Artigo 13. Zonificación

1. Para compatibilizar a protección dos valores do espazo natural e o seu uso polo público, e co obxecto de minimizar os posibles impactos negativos, o territorio distribuirase en zonas.

A zonificación organizará o territorio en función do valor dos seus recursos e da súa capacidade de acollida para os distintos usos, co fin de minimizar os impactos negativos e de asegurar un uso do espazo compatible coa conservación dos seus recursos naturais.

2. O ámbito do ENIL dividirase na zona de uso especial, zona de uso moderado e zona de protección en función da incidencia dos usos e aproveitamentos dos recursos naturais sobre os valores que motivaron a declaración de espazo natural.

Artigo 14. Zona de uso especial

1. Son os terreos privados que conforman a maioría do espazo e que son utilizados como veigas, labradíos ou cultivos forestais.

2. Limitacións: o acceso público a toda a área está prohibido e queda limitado ás persoas propietarias ou persoas autorizadas por estes.

3. Áreas: o plano núm. 3 da cartografía do anexo II delimita o ámbito preciso cualificado con esta categoría.

Artigo 15. Zona de uso moderado

1. Está constituída polas áreas dominadas por un ambiente natural, con capacidade para acoller un uso público máis intenso, compatibilizando a conservación dos recursos, o lecer ao ar libre e as actividades educativas. A súa finalidade é integrar a conservación dos recursos, o uso público nas súas vertentes interpretativa, educativa e de lecer, e os aproveitamentos tradicionais, minimizando e controlando os impactos negativos que puideren producirse.

2. Limitacións: o acceso público a toda a área é libre. As únicas actuacións que se poderán levar a cabo serán aquelas vinculadas co uso público do espazo (sinalización, pasarelas, arranxo de elementos patrimoniais, etc). Estas actuacións deberán gardar o máximo respecto co medio, utilizando materiais e tipoloxías tradicionais, tendentes a minimizar o impacto e a unha máxima integración na paisaxe.

3. A Oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra poderá autorizar o resto das actividades ou aproveitamentos, en condicións adecuadas, tras asegurarse de que non causan dano á integridade do lugar. O acceso con calquera tipo de vehículo motorizado ou non (bicicletas, quads, coches, tractores, etc.) non está permitido de xeito xeral. En casos excepcionais poderán ser autorizados e regulados pola Oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra.

4. Áreas incluídas na zona de uso moderado: comprenderá a zona de servidume do río Gafos que comprende os 5 m de largo desde a ribeira en ambas as marxes do río, así como os camiños de dominio público de acceso ás leiras. O plano núm. 3 da cartografía do anexo II delimita o ámbito preciso cualificado con esta categoría.

Artigo 16. Zona de protección

1. Considéranse zona de protección aquelas áreas cuxos obxectivos prioritarios son os de conservación do espazo natural, polo que unha afectación significativa sobre elas podería afectar a integridade do espazo natural ou o estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade (hábitats e especies protexidas).

2. Estas zonas están constituídas por aquelas áreas que requiren o maior grao posible de protección. A súa finalidade é garantir a máxima protección dos seus valores e posibilitar o seu estudo, evitando a influencia antrópica sobre eles.

3. Limitacións: queda prohibida calquera acción e intervención que poida supoñer unha transformación ou modificación do medio e supoña unha degradación dos ecosistemas. Permítese o acceso con fins científicos ou de xestión. Queda prohibido o acceso de vehículos e artefactos mecánicos, a construción de infraestruturas e instalacións, incluídas novas pistas e camiños, exceptuando traballos de mellora ou reparación das infraestruturas existentes, os sinais, marcos, e instrumentación científica debidamente autorizados. Tampouco se permite a recolección de material biolóxico non expresamente autorizado pola Oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra. Estas áreas estarán cerradas ao uso público.

4. Nesta zona os usos e aproveitamentos tradicionais (silvícolas, pastos, esquilmos, leñas, brozas e outros) que son practicados historicamente pola poboación local ou que xogan un papel positivo nos procesos ecolóxicos poderán manterse e continuarse, pero a súa intensidade e forma de realización exerceranse de xeito sustentable conforme as directrices deste plan de conservación, considerando a conservación das especies e hábitats protexidos. Para o exercicio da pesca terase en conta a lexislación vixente de cada ano.

5. Áreas incluídas na zona de protección: esta zona comprenderá a totalidade do leito do río xunto cos seus afluentes e brañas. O plano núm. 3 da cartografía do anexo II delimita o ámbito preciso cualificado con esta categoría.

CAPÍTULO VI

Lexislación de aplicación

Artigo 17. Normativa aplicable

1. A documentación sobre a normativa urbanística aplicable ao solo onde se localiza o espazo natural forma parte das Normas urbanísticas do plan xeral de ordenación urbana do municipio, aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas da Xunta de Galicia, publicada no DOG núm. 9, do 12 de xaneiro de 1990, e cuxas normas urbanísticas se publicaron integramente no BOP núm. 27, do 2 de febreiro.

Segundo esta normativa (título III, Sistemas xerais; capítulo 5, Sistema xeral de espazos libres, e artigo 87, Plan especial para parque lineal sobre o río Gafos), o seu desenvolvemento será de iniciativa municipal e estará destinado á resolución da contaminación por verteduras ao río, así como á ordenación e urbanización das súas marxes para a transformación nun parque lineal. Este plan especial estudará de forma particular cada tramo do leito, dando resposta ás demandas que sobre cada un deles efectúa a cidade. Esta normativa é de aplicación á zona do antigo porto de Pontevedra ata a ponte fronte á estación de autobuses. O tramo da estación de autobuses ata o límite coa parroquia de Vilaboa está catalogado polas Normas urbanísticas do plan xeral de ordenación urbana do municipio como solo non urbanizable común.

2. A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, define no seu artigo 34, categoría c), o solo rústico de protección das augas como aquel constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano, definidos como dominio público hidráulico na respectiva lexislación sectorial, as súas zonas de policía e as zonas de fluxo preferente.

3. Segundo se recolle no Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, o ámbito do ENIL clasifícase como «corredor ecolóxico» no modelo territorial proposto. Esta categoría ten como obxectivo manter o bo funcionamento dos hábitats de especial valor ecolóxico, evitar a fragmentación da paisaxe e garantir a conectividade biolóxica. Deste xeito, estes obxectivos concordan e son complementarios cos buscados coa declaración de ENIL. Considérase, por tanto, que non hai contradicións nin discrepancias co disposto neste instrumento de ordenación territorial.

4. Segundo o recollido no Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as Directrices de ordenación do territorio, as determinacións nel recollidas correspóndense cos obxectivos buscados coa declaración de ENIL.

5. No Real decreto 638/2016, do 9 de decembro, polo que se modifica o Regulamento do dominio público hidráulico aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, o Regulamento de planificación hidrolóxica, aprobado polo Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, e outros regulamentos en materia de xestión de riscos de inundación, caudais ecolóxicos, reservas hidrolóxicas e verteduras de augas residuais, establécense as disposicións que rexerán e que deben adoptarse en virtude da cualificación de parte do ENIL como zona con risco de inundación e as limitacións aos usos do solo que deben aplicarse na zona de fluxo preferente, así como a lista de actividades que necesitarán de declaración responsable.

6. Os planos núm. 5, 6 e 7 da cartografía do anexo II delimitan o ámbito preciso cualificado como zona inundable e a zona de fluxo preferente, incorporando ao plan de conservación os planos que veñen recollidos no capítulo VII da Normativa do Plan hidrolóxico Galicia-Costa.

7. Como medidas para diminuír a vulnerabilidade, considérase que as principais liñas de traballo recollidas no plan de conservación, como son a conservación do bosque de ribeira, a eliminación de obstáculos existentes como árbores caídas, a conservación do espazo en óptimas condicións realizando os traballos de mantemento necesarios e a directriz de evitar infraestruturas artificiais que poidan interferir nos fluxos naturais do leito, son medidas que diminúen a vulnerabilidade do espazo.

8. Son de obrigado cumprimento e entenderanse incorporados a este plan os informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27 de xaneiro de 2012 e da entidade pública empresarial Augas de Galicia do 20 de febreiro de 2012 cuxo contido se extracta na parte expositiva deste decreto e cuxas prescricións se recollen no artigo 3 do plan.

9. Caza: segundo a Resolución do 15 de setembro de 2009, do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Rural, pola que se aproba a declaración como zona de seguridade para os efectos cinexéticos dos terreos adxacentes ao río Tomeza no concello de Pontevedra (DOG núm. 198, do 8 de novembro), actualmente o ENIL ten a consideración de zona de seguridade, polo que a caza non está permitida en ningunha parte do territorio deste espazo natural.

10. Pesca: a actividade piscícola estará regulada pola lexislación sectorial e terase en conta a lexislación vixente de cada ano.

11. Atenderase a normativa ambiental vixente ou que no futuro poida entrar en vigor, de obrigado cumprimento que atinxa a todos os aspectos determinados neste plan.

Artigo 18. Prevalecia do plan

Terase en conta o carácter vinculante e prevalente deste plan de conservación sobre os outros instrumentos de planificación e ordenación territorial, que deberán adaptarse a este en caso de contradición.

CAPÍTULO VII

Normativa de uso

Artigo 19. Infraccións

1. As accións que alteren as condicións do espazo natural ou os produtos propios del terán a consideración de infracción.

2. O réxime para sancionar aquelas infraccións que poidan cometerse no espazo natural será, con carácter xeral, o establecido no título III da Lei 9/2001, do 21 de agosto, sen prexuízo de todas aquelas normas vixentes que poidan resultar de aplicación ás ditas infraccións ou ilícitos de calquera clase.

Artigo 20. Protección da flora e da fauna

1. Non está permitido:

a) A solta, sementeira, transplante ou outro tipo de propagación de especies animais ou vexetais alóctonos.

b) Con carácter xeral, queda prohibida a destrución ou deterioración significativa das formacións vexetais conformadas por especies silvestres que caracterizan os tipos de hábitats de interese comunitario.

c) A perturbación, persecución, molestia, dano, captura, morte, recolla ou recolección das especies animais e vexetais silvestres, especialmente as autóctonas e tanto dos exemplares ou fraccións deles como dos seus propágulos, crías, ovos, restos ou residuos da súa actividade.

d) A caza en todo o territorio do espazo natural. Actualmente o ENIL ten a consideración de zona de seguridade (DOG núm. 198, do 8 de outubro de 2009), polo que a caza non está permitida.

e) Utilizar megafonía, ruídos ou calquera aparello de reprodución de son que resulten molestos e poidan alterar a tranquilidade do lugar.

f) Levar a cabo calquera actividade que destrúa, deteriore ou transforme os elementos naturais da zona.

2. A entrada de animais domésticos de compañía soltos (salvo cans guía), polo risco de provocar danos ou molestias á fauna ou deterioración de hábitats sensibles.

3. A instalación de emisións luminosas que incidan negativamente sobre hábitats ou enclaves de especial interese para a fauna.

4. O depósito ou vertedura de materiais vexetais derivados do mantemento de xardíns e parques sobre os hábitats naturais ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

5. Ademais, a Oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra velará para que o uso de biocidas ou calquera substancia química se realice no espazo de maneira racional e conforme a normativa vixente e pode limitar ou prohibir aqueles usos que supoñan a destrución ou a alteración significativa dos hábitats de interese comunitario.

Artigo 21. Protección dos recursos hídricos

1. Segundo o texto refundido da Lei de augas, prohíbese efectuar accións sobre o medio físico ou biolóxico vinculado á auga que constitúan ou poidan constituír unha degradación da súa calidade físico-química.

2. Non poden efectuarse verteduras directas ou indirectas que contaminen as augas nin acumular residuos sólidos, lixo ou substancias, calquera que sexa a súa natureza e o sitio onde se depositen, que constitúan ou poidan constituír un perigo de contaminación das augas ou degradación do seu contorno.

3. Prohíbese o lavado de vehículos e calquera tipo de obxecto en ríos, regatos ou zona húmida, tirar obxectos nos anteditos espazos, así como a incorporación directa ás augas de deterxentes, xabóns, lixivias ou outros tipos de sustancias que poidan afectar de forma significativa o estado ecolóxico dos ecosistemas acuáticos.

Artigo 22. Protección do solo e da paisaxe

1. Non está permitido:

a) A alteración do relevo mediante escavación, soterramentos ou outras accións exceptuando as necesarias en caso de mellora ou reparación da infraestrutura de saneamento existente.

b) A ocupación dos terreos do espazo para aparcadoiro de vehículos, caravanas ou remolques, así como a instalación de casetas, tendas de campaña, cadeiras, mesas ou calquera outro artefacto que sirva para a estadía ao ar libre.

c) A realización por calquera procedemento de inscricións, sinais e debuxos en árbores, paneis informativos e, en xeral, en calquera tipo de bens mobles ou inmobles, salvo aqueles debidamente autorizados que sexan necesarios para mellorar e completar as redes de camiños e carreiros.

d) Instalar pancartas ou anuncios publicitarios sen autorización.

e) A instalación de antenas, pantallas, artefactos que sobresaian ou outros que afecten a harmonía da paisaxe.

f) Co fin de evitar a alteración da paisaxe e os riscos sobre a avifauna, os novos tendidos eléctricos e telefónicos que se instalen no espazo natural deberán ser subterráneos. Toda obra nova de transporte de enerxía eléctrica deberá incorporar no seu proxecto unidades de obra que faciliten a súa adecuación paisaxística.

g) As liñas de transporte de enerxía eléctrica de alta tensión que discorran polo interior do espazo natural deberán incorporar dispositivos que eviten a electrocución das aves.

Artigo 23. Uso público, actividades científicas, educativas e outras actividades

1. Non está permitido:

a) A circulación de vehículos fóra das estradas abertas ao tráfico.

b) A circulación de bicicletas fóra da ruta habilitada.

c) Acceder ás zonas sinalizadas como non accesibles ao público.

d) Prender calquera tipo de lume, fogueira ou similar.

e) Abandonar, depositar ou deixar fóra dos lugares especialmente indicados e preparados para tal efecto papeis, botes, botellas, plásticos, cabichas ou desperdicios de calquera tipo.

f) A deterioración ou a destrución da infraestrutura propia do espazo.

g) O estudo ou a actividade profesional de fotografía, cinema ou vídeo coa finalidade comercial sen a autorización da Oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra.

h) Os traballos de investigación que se realicen no interior do espazo natural deberán ser suficientemente xustificados e razoados, indicando como mínimo: a) a súa finalidade, técnicas ou métodos que se utilizarán, así como o equipamento que se teña que instalar que poida producir algunha afección sobre o medio, b) a zona e o tempo de actuación, c) persoal investigador e programas de traballo que se van desenvolver.

i) Aquelas actividades destinadas ao uso público xestionadas por terceiros como poden ser concertos ao ar libre, prácticas deportivas masivas ou calquera outro tipo de acontecemento masivo serán regulados pola Oficina de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra que asegurará o seu control e adecuación ao sistema de uso público do espazo natural.

CAPÍTULO VIII

Obxectivos de conservación

Artigo 24

A relación de obxectivos xerais e específicos son os seguintes:

Obxectivos xerais

Obxectivos específicos

Conservación das poboacións de fauna

Adecuación temporal dos traballos en función do ciclo anual das especies

Mellora das poboacións de anfibios e réptiles

Mellora das poboacións de aves

Coñecemento da evolución das poboacións de fauna

Conservación das poboacións de flora

Conservación da biodiversidade

Eliminación da vexetación exótica invasora

Plantación de especies autóctonas

Coñecemento da evolución das poboacións de flora

Conservación dos hábitats, especialmente aqueles incluídos na Directiva 92/43/CEE

Instauración do bosque de ribeira onde estea desaparecido

Conservación das brañas

Conservación da calidade das augas

Eliminación das verteduras procedentes da rede de saneamento

Control e vixilancia de posibles verteduras ilegais

Conservación da paisaxe

Eliminación de impactos paisaxísticos

Conservación do leito e marxes fluviais

Limpeza do lixo

Eliminación de obstáculos

Labores de vixilancia

Conservación do patrimonio material e inmaterial asociado ao río Gafos

Restauración e mantemento de elementos patrimoniais

Sinalización dos elementos de valor patrimonial

Conservación dos usos tradicionais

Conservación dos usos tradicionais

Compatibilización do uso social coa conservación do espazo

Limitación do impacto sobre a senda e as marxes do río mediante trazados alternativos da senda

Sinalización do espazo

Sensibilización da poboación

Realización de campañas de educación ambiental tanto coa cidadanía en xeral como coa comunidade escolar

Implicación da cidadanía mediante voluntariado

Publicación de información e material divulgativo

Realización de actividades de educación ambiental

CAPÍTULO IX

Medidas de conservación dos valores naturais. Liñas principais de traballo
para o mantemento do espazo natural

Artigo 25. Actuacións

Durante o período inicial dos 10 primeiros anos desde a declaración de ENIL, preténdese realizar unha serie de actuacións destinadas a cumprir cos obxectivos específicos de conservación dos valores naturais que motivaron a declaración.

Así, as principais actuacións que se levarán a cabo neste primeiro período coinciden coas liñas principais de traballo para o mantemento do espazo contidas no Plan de conservación e relaciónanse a seguir coa programación aproximada, especificando o obxectivo de conservación dos valores que motivaron a declaración de ENIL que se asocia a cada unha.

1. Execución do proxecto de mellora da rede de sumidoiros no río Gafos.

Obxectivos de conservación: conservación da calidade das augas. Eliminación de verteduras.

No marco deste proxecto realizaranse distintas actuacións no colector xeral existente no río Gafos, que na actualidade presenta un diámetro insuficiente para a evacuación das augas residuais que recolle e produce repetidos desbordamentos das augas fecais en varios pozos de rexistro ao longo do trazado do río, o que repercute moi negativamente no estado de conservación e na calidade das augas.

Con estas obras de mellora conseguirase evitar estas rebordaduras, polo que o impacto sobre os valores naturais do espazo será moi positivo e eliminarase o principal problema ambiental e de conservación que actualmente afecta este espazo e ameaza e a conservación dos seus valores.

Esta actuación é prioritaria e indispensable para conseguir un estado de conservación óptimo do río e é a actuación máis importante de todas as que se poden realizar neste espazo cara á súa conservación. Por esta razón, é un proxecto que, a pesar do seu alto custo, terá unha execución inminente.

Neste momento a obra está adxudicada e pendente da presentación do programa de obras co que se dará comezo aos traballos. Por tanto, o inicio das obras é inmediato, e levaranse a cabo durante un período aproximado de execución de nove meses.

2. Eliminación de especies exóticas invasoras.

Obxectivo de conservación: conservación da flora. Eliminación de especies exóticas invasoras arbóreas, arbustivas e herbáceas.

Na actualidade existe un elevado número de especies exóticas invasoras vexetais, tanto de porte arbóreo como herbáceo ou arbustivo.

Para evitar unha actuación drástica sobre as ribeiras e efectos prexudiciais á fauna, non se considera recomendable unha eliminación simultánea de toda esta vexetación invasora, pero si a súa eliminación paulatina e a súa substitución por flora autóctona.

Por isto, establécese un obxectivo de substitución do 40 % da cobertoira arbórea composta por especies foráneas por un bosque de galería autóctono para o primeiro período de actuación.

En canto á vexetación arbustiva e herbácea, prestarase especial atención, entre outras, á zona con presenza de herba da Pampa (Cortaderia seollana) próxima ao muíño de Cabanas, e para os efectos da colonización do espazo pola especie Tradescantia fluminensis.

Para o período establecido, eliminarase a herba da Pampa nun 100 % facendo desaparecer esta especie do espazo natural a través da realización dos traballos de eliminación e seguimento necesarios con medios propios ou contratados.

Para o resto das especies herbáceas, realizaranse traballos de seguimento da evolución da colonización e faranse actuacións tentando implicar persoal voluntario.

3. Mellora do bosque galería.

Obxectivo de conservación: conservación dos hábitats.

Durante o primeiro período, farase unha avaliación do estado da vexetación de ribeira, detectando aquelas zonas onde se atope degradada ou non exista vexetación. Determinarase a orixe da inexistencia da vexetación e realizaranse actuacións dirixidas á súa conservación e mellora.

Preténdese conseguir a instalación de cobertoira vexetal nun 20 % da superficie, con clareiros do bosque galería.

4. Adecuación da temporalidade dos traballos.

Obxectivo de conservación: conservación da fauna.

Durante todo o tempo terase presente no momento dos traballos de mantemento (poda e roza) a fauna que existe no lugar, así como a súa época de cría. Velarase polo mantemento daqueles elementos que sirvan de hábitat secundario, refuxio, cría ou alimentación de especies protexidas evitando así as rozas da totalidade da vexetación.

5. Mantemento das marxes.

Obxectivo de conservación: conservación da fauna. Uso social e recreativo. Conservación das marxes e leito do río.

Para o correcto funcionamento do río como corredor ecolóxico para a fauna, permitirase o uso recreativo do espazo, garantirase a servidume de policía estipulada na Lei de augas e impedirase a degradación das marxes do río por efecto de cambios artificiais da corrente fluvial e manteranse as marxes libres de obstáculos artificiais, lixo ou árbores caídas que poidan resultar obstáculos. Realizarase, ademais, un labor de vixilancia do estado das ribeiras ou de detección de posibles verteduras ilegais.

Para iso contarase, durante este primeiro período, con persoal propio ou contratado para realizar estes labores.

6. Eliminación de impactos visuais.

Obxectivo de conservación: conservación da paisaxe.

Para mellorar a calidade visual e paisaxística do lugar, os lindes das leiras co espazo natural deberán realizarse con sebes de especies autóctonas así como plantar pantallas vexetais que sirvan de barreira tanto visual como acústica nas zonas con lindes cara á estrada e á vía do ferrocarril. Así mesmo, a ecoloxía da paisaxe constitúe hoxe unha poderosa ferramenta para a ordenación do territorio con criterios de sustentabilidade ecolóxica e resulta de especial interese para deseñar áreas protexidas.

Os exemplares illados de eucalipto (Eucaliptus globulus) ao longo de todo o ENIL causan un impacto paisaxístico moi alto, polo que, no período de tempo indicado, deberán ser eliminados todos os exemplares que se atopen en dominio público e deseñar plans de futuro para mellorar no posible a calidade paisaxística do espazo.

7. Creación de hábitats para anfibios.

Obxectivo de conservación: conservación da fauna: anfibios e réptiles.

Ademais da recuperación da flora de ribeira, realizaranse outras actuacións para a mellora da conservación deste grupo faunístico como son a programación dos traballos de xeito que se evite a roza da vexetación arbustiva autóctona na súa totalidade.

Durante o período inicial crearase, polo menos, un lugar como hábitat para anfibios, para conseguir un espazo axeitado para a cría, especialmente nas zonas con presenza de auga doce.

8. Mantemento de reservatorios para as aves.

Obxectivo de conservación: conservación da fauna: aves.

Durante todo o tempo deste primeiro período, manterase no posible o estrato subarbóreo caducifolio cando se realicen prácticas silvícolas, mantendo pequenas mouteiras de vexetación autóctona dispersas e nalgún caso as hedras (Hedera helix) pola grande importancia na alimentación de diversas especies de aves migradoras.

9. Racionalizar os usos recreativos.

Obxectivo de conservación: control dos impactos do uso público.

O uso recreativo que se está a dar da senda fluvial polas persoas ciclistas está creando un problema sobre a conservación das beiras do leito debido a problemas erosivos.

No período inicial trazarase un camiño alternativo para facer o percorrido polo ENIL en bicicleta.

10. Realización de estudos de fauna e flora.

Obxectivo de conservación: conservación da fauna e flora.

Durante este primeiro período, seguiranse realizando estudos sobre as poboacións de fauna e flora do espazo para coñecer a súa evolución no tempo e así poder valorar o efecto das medidas e traballos realizados. Farase especial incidencia naquelas especies que posúen algún grao de protección ou naquelas especies exóticas invasoras que poidan supoñer un perigo para a fauna e a flora autóctonas.

11. Sensibilización da poboación.

Obxectivo de conservación: informar e concienciar a poboación dos valores do espazo.

Realización de campañas de sensibilización da poboación, traballos de voluntariado e actividades de educación ambiental, principalmente coas nenas e nenos pero tamén coas persoas adultas.

Estas actividades xa se veñen realizando no espazo natural pero, durante o período sinalado, continuarase con este labor.

CAPÍTULO X

Previsións orzamentarias

Artigo 26. Orzamento

Para asegurar que se cumpran eficazmente os fins perseguidos coa declaración do ENIL e de acordo co Decreto do alcalde do 21 de abril de 2009 segundo o cal «O Concello de Pontevedra comprométese formalmente a poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que motivan a declaración...» e para desenvolver as medidas de conservación previstas no plan, para o período inicial dos dez primeiros anos, a distribución do gasto orzamentario previsto por anualidades será o seguinte:

Anualidade

Medida de conservación

Orzamento dispoñible

Ano 1

Execución do proxecto de mellora da rede de sumidoiros no río Gafos.

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación.

170.000 €

6.000 €

Ano 2

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación.

6.000 €

Ano 3

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación. Racionalizar os usos recreativos.

6.000 €

Ano 4

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación.

6.000 €

Ano 5

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación.

6.000 €

Ano 6

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación. Creación de hábitats para anfibios.

6.000 €

Ano 7

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación.

6.000 €

Ano 8

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación.

6.000 €

Ano 9

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación. Eliminación de impactos visuais.

6.000 €

Ano 10

Eliminación de especies exóticas invasoras. Mellora do bosque galería. Adecuación da temporalidade dos traballos. Mantemento das marxes. Mantemento de reservatorios para as aves. Realización de estudos de fauna e flora. Sensibilización da poboación.

6.000 €

CAPÍTULO XI

Vixencia e revisión

Artigo 27. Vixencia

As determinacións deste plan de conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e continuarán en vigor ata que se revise o plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, na falta de modificacións excepcionais, o plan deberá revisarse pasados cinco anos.

Artigo 28. Extinción

A consellería competente en materia de conservación da natureza poderá iniciar o expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo ou se detecten desviacións importantes respecto ao Plan de conservación aprobado.

ANEXO II

Ámbito territorial de aplicación do Plan de conservación, límites e planos
do espazo natural de interese local Río Gafos

1. O río Gafos é un río que discorre polos termos municipais de Vilaboa (onde nace) e Pontevedra (onde desemboca). Toda a superficie do ENIL Río Gafos está dentro do termo municipal de Pontevedra e ocupa 49,80 hectáreas, desde o comezo da senda fluvial na rúa Otero Pedraio, dentro do núcleo urbano de Pontevedra ata o límite co concello de Vilaboa atravesando a parroquia de Tomeza.

Ten unha orientación sur-norte e atravesa un val largacío e moi chan. O Camiño de Santiago portugués discorre polo seu límite leste. Os seus límites son os seguintes:

– N: limita ao norte coa rúa Ramón Otero Pedraio do núcleo urbano de Pontevedra.

– S: limita ao sur coa parroquia de Santa Comba de Bértola, no concello de Vilaboa.

– L: limita ao leste coa parroquia de Tomeza, no concello de Pontevedra.

– O: limita ao oeste coa parroquia de Salcedo, no concello de Pontevedra.

2. Coordenadas dos vértices da poligonal:

FID

X

Y

FID

X

Y

FID

X

Y

0

529934

4696320

53

530107

4694570

105

530275

4693740

1

529923

4696320

54

530117

4694560

106

530271

4693760

2

529946

4696240

55

530124

4694530

107

530246

4693770

3

529955

4696240

56

530139

4694460

108

530232

4693780

4

529960

4696270

57

530127

4694460

109

530224

4693790

5

530089

4696200

58

530104

4694460

110

530218

4693800

6

530094

4696140

59

530105

4694460

111

530218

4693810

7

530102

4696110

60

530075

4694440

112

530222

4693820

8

530029

4696110

61

530089

4694430

113

530221

4693840

9

530030

4696100

62

530149

4694430

114

530225

4693860

10

530104

4696100

63

530178

4694440

115

530225

4693880

11

530136

4696080

64

530197

4694420

116

530231

4693910

12

530147

4696050

65

530200

4694400

117

530228

4693910

13

530157

4696030

66

530204

4694370

118

530198

4693920

14

530121

4696020

67

530219

4694370

119

530168

4693930

15

530100

4695980

68

530221

4694360

120

530160

4693960

16

530126

4695960

69

530221

4694330

121

530165

4693990

17

530171

4695930

70

530237

4694270

122

530165

4694010

18

530176

4695880

71

530217

4694270

123

530171

4694040

19

530140

4695840

72

530216

4694260

124

530174

4694060

20

530134

4695840

73

530196

4694210

125

530179

4694080

21

530111

4695800

74

530203

4694140

126

530166

4694100

22

530117

4695790

75

530229

4694140

127

530148

4694110

23

530045

4695710

76

530233

4694140

128

530141

4694120

24

530050

4695700

77

530260

4694080

129

530135

4694140

25

530042

4695690

78

530256

4694040

130

530086

4694140

26

530071

4695660

79

530315

4693980

131

530057

4694130

27

530082

4695660

80

530339

4693950

132

530057

4694130

28

530099

4695660

81

530337

4693950

133

530012

4694300

29

530086

4695600

82

530323

4693930

134

529979

4694400

30

530083

4695530

83

530292

4693930

135

529935

4694540

31

530072

4695430

84

530287

4693940

136

529892

4694670

32

530067

4695380

85

530272

4693950

137

529873

4694740

33

530060

4695340

86

530272

4693940

138

529841

4694880

34

530083

4695320

87

530261

4693940

139

529822

4695000

35

530079

4695200

88

530266

4693910

140

529821

4695010

36

530073

4695200

89

530277

4693900

141

529816

4695060

37

530063

4695200

90

530312

4693900

142

529813

4695220

38

530063

4695180

91

530318

4693900

143

529827

4695420

39

530055

4695130

92

530325

4693850

144

529847

4695550

40

530058

4695060

93

530324

4693850

145

529886

4695760

41

530041

4695060

94

530325

4693840

146

529958

4696060

42

530042

4695020

95

530358

4693780

147

529998

4696100

43

530028

4695020

96

530396

4693750

148

529997

4696110

44

530026

4695020

97

530425

4693680

149

529939

4696100

45

530027

4694960

98

530294

4693650

150

529945

4696230

46

530035

4694880

99

530258

4693640

151

529912

4696310

47

530044

4694870

100

530253

4693650

152

529912

4696330

48

530090

4694840

101

530255

4693660

153

529923

4696350

49

530121

4694800

102

530263

4693670

50

530115

4694780

103

530277

4693710

51

530111

4694770

104

530273

4693720

52

530109

4694670

105

530275

4693740

3. Planos:

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file