Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2019 Páx. 18005

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de marzo de 2019 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Kiom para el desarrollo del conocimiento.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Kiom para el desarrollo del conocimiento, con domicilio no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares, rúa C, nave C4, 36415 Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 14 de xaneiro de 2019, Pablo Albores Cabaniña, representante da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Kiom para el desarrollo del conocimiento constitúese en escritura pública outorgada en Vigo o 20 de decembro de 2018, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, con número de protocolo 3450, por Kiom Think Group, S.L., Coremain, S.L. e Sivsa Soluciones Informáticas, S.A.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto primordial a difusión, promoción e formación do coñecemento no ámbito tecnolóxico, na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos propios e alleos que teñan un alto interese xeral.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Coremain, S.L., representada por Manuel Alonso Fernández como presidente; Sivsa Soluciones Informáticas, S.A., representada por Adrián Alonso Muras como vicepresidente; Cristina Goldar Soto como secretaria non patroa; Marcos Caderno Lorenzo como tesoureiro; e Colegio Lar, S.L., representada por Rodrigo Manuel Salgado Pombo como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Kiom para el desarrollo del conocimiento, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de marzo de 2019.

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Kiom para el desarrollo del conocimiento, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza