Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 4 de abril de 2019 Páx. 17219

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2019 o programa de axudas para a participación no programa Aventúrate con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (código de procedemento PR930B).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno a Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á mocidade do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a prol da mocidade.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto regular as axudas correspondentes ao programa Aventúrate con Galicia para o ano 2019, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2019 (código de procedemento PR930B).

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web:
http://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co tratamento previsto no artigo 14 desta orde.

Artigo 2. Lugar de realización, número de prazas convocadas e características

O programa Aventúrate con Galicia desenvolverase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nas seguintes modalidades de campamento:

1. Actividades no mar-Gandarío: convócanse 20 prazas, que se realizarán no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

2. Actividades de natureza, ambiente e mar: convócanse 20 prazas que se realizarán no Albergue Xuvenil de Area (Viveiro), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

3. Actividades de aventura T: convócanse 10 prazas que se realizarán no Campamento Xuvenil dos Chacotes (Palas de Rei) dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Estas actividades van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos que serán realizadas xunto con mozos e mozas residentes en Galicia participantes da campaña de verán que convoca a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

As datas de realización destas actividades serán as comprendidas entre os días 19 e 28 de xullo de 2019.

4. A Consellería de Política Social colaborará na execución deste programa e porá á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas.

5. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do seguro de estadía en Galicia, así como do desprazamento das persoas beneficiarias das actividades desde os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres desde a instalación asignada ata os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de saída en Galicia de todas as persoas participantes que realicen o retorno ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade do campamento.

6. Cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e do pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia. Igualmente, realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país (visados, pagamento de taxas...). Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe en Galicia.

No caso de que a persoa participante non retorne ao seu lugar ou país de orixe ao rematar a actividade, será responsabilidade dos seus pais, titores legais ou familia en Galicia facerse cargo dela, e deben recollela o día do remate da actividade nas instalacións do campamento correspondente e facerse cargo do seu traslado ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) As persoas participantes deberán ter, o 30 de xullo de 2019, unha idade comprendida entre os 15 e os 17 anos.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e/ou carezan dos medios técnicos necesarios e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para facilitar o asesoramento e os medios técnicos para a presentación electrónica das súas solicitudes:

– En Brasil:

• Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

• Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

• Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– En Cuba:

• Federación de Sociedades Galegas na Habana.

– En Venezuela:

• Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española. Se dispón de DNI só se achegará no caso de opoñerse expresamente á súa consulta no anexo I.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

c) Unha fotografía recente tamaño carné.

d) Certificado do rexistro de matrícula consular en que conste a súa residencia fóra de Galicia, agás para os residentes no resto de España.

e) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, un certificado de residencia.

f) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo II, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

g) Unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxaren sós e para a súa asistencia á actividade, conforme o modelo que figura como anexo III.

h) As persoas solicitantes que non retornen ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento deberán presentar unha autorización asinada polos seus pais ou titores legais, segundo o modelo que figura como anexo III, na cal se indique a persoa en Galicia que se encargará de recollela o día de remate da actividade na instalación de campamento correspondente e do seu desprazamento ao aeroporto, estación de tren ou de autobuses o día de retorno ao seu lugar ou país de orixe.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultarase automaticamente o DNI/NIE da persoa solicitante e/ou representante, de ser o caso. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia fixese imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Tramitación, procedemento e réxime de concesión

1. A ordenación e instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

2. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 40 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (http://emigracion.xunta.gal) para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Finalizado ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase o seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración
(http://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

5. De entre as solicitudes admitidas farase a selección final atendendo aos seguintes criterios:

– En primeiro lugar serán seleccionadas aquelas persoas emigrantes galegas, de quedaren prazas vacantes, serán seleccionados/as os fillos e fillas destas persoas e así sucesivamente nos seguintes graos de descendentes de persoas emigrantes galegas.

– O criterio de prelación dentro de cada grao de parentesco sería o de maior idade, e, de ter a mesma idade, o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo que ten lugar anualmente en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web
(http://emigracion.xunta.gal), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

6. As persoas solicitantes admitidas e que non sexan seleccionadas pasarán a unha lista de reservas na orde resultante dos criterios de selección antes expostos, e poderán substituír aquelas seleccionadas que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral da Emigración, para non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.

– Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web
(http://emigracion.xunta.gal), as persoas interesadas que queiran modificar as datas de retorno disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

7. Este programa de axudas queda condicionado á programación e ás condicións que para este tipo de actividades elabore e publique a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social na súa páxina web
www.xuventude.net

8. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

9. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos/as das delegacións, no caso de Arxentina e Uruguai e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2 serano pola comisión de avaliación indicada no punto 1 e tendo en conta o previsto nos artigos 3 e 4.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considerar necesario, poderá encargar informes socioambientais, que deberán realizar profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar á desestimación da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a comisión de avaliación citada no punto 1 elaborará un informe que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e o informe da comisión avaliadora, formulará a correspondente proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se notificará ás persoas interesadas mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de dez días presenten as alegacións oportunas.

No caso de que no procedemento non se tivesen en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas, se for o caso, polas persoas interesadas, formularase a proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración que ditará a resolución que corresponda.

6. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web
(http://emigracion.xunta.gal) a relación de persoas beneficiarias, que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.

7. O funcionamento da comisión de valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto, as recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno das residencias e albergues, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Estas normas de obrigado cumprimento serán as detalladas e ditadas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

4. No caso de baixa ou renuncia ao programa, as persoas beneficiarias deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia.

5. A renuncia deberá comunicarse por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. No caso de que se comunique a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015. Se as persoas adxudicatarias renuncian ou causan baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa que figure na lista de reserva segundo a orde resultante do sorteo.

Artigo 12. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que lle poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

– Quedan obrigadas a prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos traslados aos albergues e o seguro de estadía pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 13. Financiamento

1. As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto.

2. Para a realización dos servizos que se prestan aos participantes destas actividades resérvase inicialmente un crédito de 10.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019. Esta contía poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

– Seguro de estadía en Galicia de todas as persoas beneficiarias deste programa.

– Importes dos desprazamentos terrestres de todas as persoas participantes desde os aeroportos, estacións de tren ou de autobuses de chegada a Galicia ata os albergues ou campamentos xuvenís onde se van realizar as actividades.

– Importe dos desprazamentos terrestres desde os albergues ou campamentos xuvenís ata os aeroportos ou estacións de tren ou de autobuses de saída en Galicia de todas as persoas participantes que realicen o retorno ao seu lugar ou país de orixe o día que remate a actividade de campamento correspondente.

4. Cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares ou países de residencia. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe en Galicia.

Artigo 14. Información básica sobre datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio dos poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude se presta o seu consentimento para que lle sexa remitida información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2019

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file