Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2019 Páx. 17088

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se regulan os permisos derivados do proceso electoral dos órganos de representación do persoal das institucións sanitarias.

Ante o proceso de eleccións sindicais dos representantes do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, que terá lugar este ano, cómpre establecer o sistema de permisos para membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nelas, interventores, apoderados das candidaturas e electores das ditas institucións sanitarias.

Xa que logo, esta dirección xeral, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 47, do 7 de marzo), modificado polo Decreto 111/2013, do 4 de xullo (DOG núm. 140, do 24 de xullo), e na Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do organismo,

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto establecer os permisos necesarios para executar o proceso de eleccións sindicais dos órganos de representación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, que terá lugar durante este ano 2019, para os membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nelas, interventores, apoderados das candidaturas e electores das ditas institucións sanitarias.

Segundo. Reunións previas

Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración desfrutarán de permisos polo tempo indispensable para asistir ás reunións da mesa electoral, incluídos os desprazamentos fóra da súa residencia oficial.

Terceiro. Permisos dos compoñentes das mesas electorais

Os membros das mesas, titulares ou suplentes, representantes da Administración, interventores e apoderados disporán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación, así como a xornada inmediatamente posterior, sempre que exerzan o seu cargo como integrantes das mesas electorais.

Así mesmo, os membros das mesas, incluídos os que figuran como primeiros suplentes, disporán da licenza retribuída correspondente á quenda, garda ou atención continuada que inclúa necesariamente a noite inmediatamente anterior á data da votación, sempre que se confirme a súa asistencia ao acto de constitución da mesa no día das eleccións, aínda que finalmente non formen parte da mesa por comparecer o titular.

Os primeiros suplentes que acudan ao acto de constitución citado e non exerzan o cargo serán compensados co tempo de desprazamento e comparecencia, cunha hora na inmediata quenda que lles corresponda traballar, no caso de coincidir a mesa co centro de traballo. De non ser así, serán compensados, ademais, co tempo que razoablemente se calcule como de desprazamento.

Cuarto. Permiso especial para os compoñentes das mesas coordinadoras

Os membros das mesas electorais coordinadoras, titulares ou suplentes, de exerceren o seu cargo, disporán dun permiso durante os dous días inmediatamente posteriores á data da votación.

Quinto. Permiso dos electores

O persoal que presta servizos nas institucións sanitarias xestionadas polo Servizo Galego de Saúde que teña a condición de elector disporá, en función da situación da mesa electoral en que exerza o seu dereito de voto, dos permisos seguintes:

1. Se a mesa electoral está situada no mesmo centro de traballo en que presta os seus servizos, do tempo imprescindible para depositar o seu voto.

2. Se a mesa electoral está situada noutro centro de traballo diferente ao da prestación de servizos, pero na mesma localidade, de ata un máximo de dúas horas.

3. Se a mesa está situada noutro centro de traballo diferente e fóra da localidade de prestación de servizos, de ata un máximo de catro horas.

4. O persoal de cota e zona disporá do permiso correspondente, establecido nos parágrafos anteriores, fóra do horario de consulta, durante o período da xornada correspondente á asistencia domiciliaria.

Nos supostos 2 e 3 anteriores, requiriráselles aos electores o xustificante da efectividade do voto, expedido polo/a presidente/a da mesa electoral en que exerza o seu dereito.

O persoal que teña unha xornada ou quenda de traballo que na data da votación non coincida, cando menos, en catro horas co horario de votación da mesa electoral que lle corresponda, non terá dereito a permiso ningún por este concepto.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos