Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 26 de marzo de 2019 Páx. 15993

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ANUNCIO do 6 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, polo que se acorda o alleamento, polo procedemento de poxa pública, dun ben inmoble de titularidade autonómica situado no concello de Mugardos.

Ás 12.00 horas do día 20 de maio de 2019 terá lugar no salón de actos do Edificio Administrativo da Coruña, situado na praza de Pontevedra, 22, perante a mesa presidida pola secretaria xeral técnica e do Patrimonio, coa asistencia dun letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, un representante da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e un funcionario da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, que actuará como secretario, a cuarta poxa pública do seguinte ben inmoble da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo alleamento foi acordado pola Orde da Consellería de Facenda do 21 de decembro de 2017.

Soar no sitio de Silveiro, parroquia de Franza, concello de Mugardos, dunha superficie aproximada de 1.370 m2, aínda que, segundo recente medición, 1.082 m2. Sobre esta parcela construíuse un edificio de planta baixa de 150 m2, aproximadamente, dedicado a almacén e oficinas. Estrema o conxunto: norte, camiño dos olmos; sur, estrada de Mugardos a Cabanas; leste, Antonio Vara Carpente; oeste Ricardo Vizoso Cancela. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume no tomo 667, folio 224, libro 72, predio 5.387. Referencia catastral 2608701NJ6120N0001PG.

Tipo de licitación: 39.500 euros.

Para tomar parte na poxa é requisito indispensable consignar o 20 % da cantidade sinalada como tipo de licitación dos bens perante a mesa, ou acreditar que se depositou tal cantidade na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia á disposición da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Serán por conta dos adxudicatarios os custos dos anuncios, así como os orixinados pola adxudicación e formalización da escritura pública de venda; os demais gastos e impostos derivados da transmisión serán de aplicación conforme o disposto na lei.

O prego de condicións que rexe este alleamento está á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, na rúa da Pastoriza, nº 8, 2º andar (Santiago de Compostela), así como na páxina web da Consellería de Facenda:

http://www.conselleriadefacenda.es/a-conselleria/transparencia/contratacion-patrimonial/procedementos-de-licitacion

Teléfonos de información: 981 54 41 51 e 981 95 78 11.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2019

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda