Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 25 de marzo de 2019 Páx. 15798

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-14, Pola túa seguridade, sabes o que consomes?

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas, con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras, desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo, capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia é, polo tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis, conxuntamente coa Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e outras dezaseis comunidades autónomas, e que consta de dúas fases: unha fase autonómica, organizada polos organismos competentes en consumo de cada cidade e/ou comunidade autónoma, na cal se seleccionarán os equipos gañadores a nivel autonómico; e unha fase nacional, organizada pola Aecosan, na que participarán os equipos que resulten gañadores en cada cidade e/ou comunidade autónoma.

A finalidade do concurso é promover a reflexión de forma consciente, crítica e solidaria sobre distintos aspectos do consumo responsable, mediante a realización das actividades que se propoñen nas dúas partes de que consta o concurso: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

En consecuencia, corresponde ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os equipos gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso.

O presente concurso foi tramitado ao abeiro da Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), subsistindo no momento actual as mesmas circunstancias de feito e dereito existentes no momento da súa tramitación.

Con este fin, a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 prevé na aplicación 09.80.613A.640.0 unha partida orzamentaria consignada pola contía de 5.700 euros para atender ao pagamento dos premios obxecto da presente convocatoria.

Por todo iso, como conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e como directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2018-2019 Consumópolis-14 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título «Pola túa seguridade, Sabes o que consomes?» (código do procedemento IN114A).

2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es.

4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidades Autónoma de Galicia.

2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.

3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.

4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4. Premios

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal, que terá lugar en Madrid.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 6. Características do traballo en equipo

1. Cada equipo participante deberá deseñar, elaborar e presentar un traballo sobre consumo responsable, consistente nun produto innovador e orixinal, creado integramente polo alumnado seguindo as indicacións que xuntan. Este traballo realizarase de xeito colaborativo entre todos os membros do equipo.

O traballo consistirá en crear o prototipo ou a maqueta dun produto innovador e orixinal, xunto coa súa etiqueta e unha ficha explicativa.

As dimensións máximas do produto non excederán 50×50×50 centímetros.

2. Segundo a categoría de participación, cada equipo deberá elixir un dos seguintes produtos:

a) Categoría A (alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria): xoguetes, artigos deportivos (bicicletas, patíns…) ou material escolar.

b) Categoría B (alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria) e categoría C (alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria): moda (calzado, roupa, complementos), aparellos eléctricos (neveira, lavadora, aspiradora, secadora, ferro de pasar…), aparellos electrónicos (smartphone, tablet, pc, consola, dispositivo de navegación…), ou artigos deportivos.

3. O produto deber ir acompañado dunha etiqueta e dunha ficha explicativa:

a) A etiqueta debe indicar:

O nome xenérico do produto.

O responsable do produto (nome, enderezo, etc., do fabricante, importador, distribuidor ou marquista).

As instrucións de uso e/ou advertencias de riscos previsibles (se os houber).

Outra información específica propia de cada categoría de produto (marcación CE no caso dos xoguetes, material de que está feito no caso de prendas téxtiles, etc.).

Ademais, pode indicarse calquera outra información voluntaria e/ou facultativa.

b) A ficha explicativa debe indicar:

A mensaxe ou o slogan con que se quere chegar aos posibles destinatarios.

A quen vai dirixido o produto.

Como se elaborou (materiais, montaxe, ferramentas, etc.).

Como se xestionan os seus residuos.

Que impacto ambiental e social supón a súa elaboración.

2. Na elaboración do traballo deberán respectarse os principios da educación en valores, de forma que o alumnado reflexione sobre o papel que a etiquetaxe dos produtos ten para a seguridade das persoas e tome conciencia da importancia de coñecer e respectar as instrucións de uso e/ou advertencias de perigo indicadas nas etiquetas dos produtos.

O resultado final debe consistir nun modelo de boa práctica. Valorarase que os distintos elementos do traballo sexan orixinais, pedagóxicos (cun fin didáctico e educativo) e adaptados a un público infantil e xuvenil, así como consideracións de consumo responsable, saudable, sustentable e solidario.

Artigo 7. Apoio aos centros docentes

1. Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos participantes contarán coas fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable, que están localizadas no sitio web www.consumopolis.es.

2. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrece aos centros docentes o asesoramento que precisen para realizar as actividades que son obxecto do concurso, o cal poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 8. Formalización do envío dos traballos a través da plataforma e obtención da ficha virtual

1. Rematado o traballo, o docente coordinador deberá dixitalizar o produto creado e subir as correspondes imaxes dixitais á plataforma habilitada para a segunda parte do concurso no sitio web www.consumopolis.es.

Para subir os traballos á plataforma é necesario:

– Subir unha fotografía do produto.

– Subir unha fotografía da etiqueta.

– Complementar os diferentes puntos da ficha explicativa no espazo reservado na propia plataforma.

Características das imaxes (fotografías) que se subirán á plataforma:

a) As fotografías deben ter formato JPG.

b) As fotografías deben realizarse en posición vertical:

missing image file

c) As imaxes ou calquera outro contido incluído no traballo non poden vulnerar os dereitos das persoas autoras ou da propiedade intelectual.

2. A plataforma só permitirá subir os traballos daqueles equipos cuxos cinco compoñentes completasen o percorrido pola cidade virtual. Só se reservará un espazo virtual por equipo.

3. Formalizado o envío a través da plataforma, o docente coordinador poderá descargar a ficha virtual correspondente, documento que contén os datos do traballo: referencia, nome do equipo, compoñentes e título.

4. Desde o momento en que a ficha virtual do traballo sexa descargada pola persoa coordinadora, o traballo non poderá ser modificado. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Artigo 9. Memoria da participación no concurso

1. Cada equipo elaborará unha memoria en que expoña como foi a súa participación no concurso. Na memoria recollerase, de xeito resumido e esquemático, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe acadada como consecuencia da participación no concurso.

2. A memoria poderá realizarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada, na cal se indicará o nome do equipo, o título do traballo, o nome do centro, o nome do docente coordinador e o nome dos membros do equipo.

b) Índice paxinado.

c) Corpo da memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, no cal se diferencie de xeito claro a primeira parte do concurso, a segunda parte e a valoración da experiencia e da aprendizaxe acadadas. Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:

1ª. Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña e cal foi, se foi o caso, a documentación consultada.

2ª. Como se organizaron os membros do equipo para a realización do traballo conxunto, a distribución dos respectivos roles e tarefas, as fontes documentais consultadas, as ferramentas e os demais materiais empregados.

3ª. A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso.

d) Xuntarase, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico en formato dixital das actividades realizadas polo alumnado durante a participación no concurso.

Artigo 10. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 29 de abril de 2019.

Artigo 11. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Debido á actividade profesional, económica e social que desempeñan as persoas físicas que sexan titulares dun centro docente, tanto no ámbito da educación como na xestión dos servizos vinculados á propia actividade educativa, considérase que as persoas físicas que sexan titulares de centros educativos teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes de participación irán acompañados da seguinte documentación complementaria:

a) Ficha virtual en formato PDF descargada desde a plataforma do concurso. Para obter esta ficha cómpre subir o traballo do equipo á plataforma.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante e presentarse en formato PDF.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Envío do traballo orixinal

O traballo orixinal, debidamente embalado e empaquetado, deberá enviarse ao enderezo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, sito na avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 1, 3-5, baixo, en Santiago de Compostela, antes do día 29 de abril de 2019.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos:

a) NIF do centro educativo.

b) DNI ou NIE da persoa representante do centro educativo.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión de premios.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo e da Competencia https://consumo.xunta.gal/gl.

Artigo 18. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 7, por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Unha persoa asesora de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a:

A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega do Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que coide pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 19. Criterios de valoración

1. Para a selección dos equipos con dereito aos premios autonómicos, o xurado terá en conta:

a) A puntuación obtida no percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que representará o 50 % da puntuación total que deberá obter cada equipo. A valoración das probas incluídas no percorrido quedará establecida de forma automática polo propio sitio web www.consumopolis.es.

b) O traballo en equipo, que representará o 50 % da puntuación total que deberá obter cada equipo. A valoración dos traballos realizarase conforme os criterios e puntuacións establecidos no número seguinte.

2. O traballo en equipo valorarase cun máximo de 100 puntos, coa seguinte ponderación:

a) Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: ata 40 puntos. Valorarase:

– Que o traballo se adecúe aos requisitos establecidos, en canto ao contido ou fondo, e en canto ao continente ou forma.

– Que o traballo promova unha reflexión crítica, con poder evocador, transformador ou motivador do cambio.

b) Creatividade e orixinalidade do traballo: ata 20 puntos. Valorarase:

– Que o traballo empregue recursos propios e variados (non utilizar marcas nin logotipos/imaxes coñecidas/rexistradas).

– Que o traballo achegue elementos que o destaquen e o diferencien do resto dos equipos.

c) Presentación do traballo: ata 20 puntos. Valorarase:

– Que o traballo efectúe unha exposición clara e ordenada dos contidos.

– Que o traballo conteña un resultado final facilmente comprensible e intelixible.

d) Calidade técnica: ata 10 puntos. Valorarase:

– Que o traballo reflicta o manexo e o dominio de instrumentos e técnicas gráficas, audiovisuais, informáticas ou de calquera outro tipo empregadas na súa realización.

– O nivel de complexidade do traballo realizado.

e) Calidade lingüística: ata 10 puntos. Valorarase:

– Que o traballo empregue correctamente os distintos recursos lingüísticos (gramática, ortografía e léxico).

– Que o traballo faga un uso non sexista da linguaxe.

Artigo 20. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non foren resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 21. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2019, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 22 Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puideren resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade educativa.

Artigo 24. Retirada da documentación

A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente, perante a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego do Consumo e da Competencia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Desenvolvemento normativo

Facúltase a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2019

Sol María Vázquez Abeal
Directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file