Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 21 de marzo de 2019 Páx. 15348

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

INSTRUCIÓN 3/2019, do 25 de febreiro, sobre recualificación de vivendas de promoción pública.

A disposición adicional quinta da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que «As vivendas de promoción pública descualificadas en virtude do disposto na disposición derradeira primeira da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, que se manteñan no patrimonio do Instituto Galego da Vivenda e Solo, ou das que o dito organismo recupere a súa titularidade, serán obxecto dunha nova cualificación como protexidas de promoción pública nas condicións que se determinen regulamentariamente e, de ser o caso, serán adxudicadas conforme os procedementos administrativos previstos para este tipo de vivendas. Esta nova cualificación deberá ter acceso ao rexistro da propiedade, no que se fará constar mediante nota marxinal».

Ante a diversidade de supostos xurdidos na aplicación da dita disposición adicional, cómpre definir con detalle, mediante esta instrución, os criterios a seguir para a súa correcta aplicación.

Aínda que de conformidade co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta instrución non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, considérase necesaria a súa publicación para que todos poidan coñecer os criterios que seguirá o IGVS nesta materia, en prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguridade xurídica.

Á vista do exposto e en virtude do establecido nos artigos 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e no exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral no artigo 12.2.d) do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, dítase a seguinte

INSTRUCIÓN:

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta instrución é fixar os criterios que se deben seguir para realizar unha nova cualificación das vivendas de promoción públicas que se manteñan no patrimonio do IGVS ou das que recupere a súa titularidade.

Segundo. Supostos

É preciso diferenciar os seguintes supostos:

I. Vivendas con prazo de protección finalizado e con solicitude de cambio de réxime a compra.

Nestes casos non será necesario cualificar de novo as vivendas para tramitar o procedemento de cambio de réxime.

II. Vivendas recuperadas polo IGVS afectadas polo transcurso dos prazos de protección establecidos na cualificación definitiva inicial.

Haberá que distinguir tres supostos diferenciados respecto da data de recuperación dos inmobles:

II.1. Vivendas recuperadas antes de transcorrido o prazo de protección e adxudicadas despois:

Deberán cualificarse novamente por un prazo de 30 anos con efectos desde a data de finalización da cualificación definitiva inicial.

II.2. Vivendas recuperadas despois de transcorrido o prazo de protección:

É necesario volver cualificar por 30 anos todas as vivendas vacantes que se atopen nesta situación, con efectos de inicio do cómputo do dito prazo desde a data da nova cualificación.

As que se recuperen a partir da presente instrución haberá que cualificalas de novo por un prazo de 30 años, pero con efectos desde a data de recuperación do inmoble.

II.3. Vivendas recuperadas que teñan próximo o vencemento do prazo de protección:

Neste suposto unicamente poderá procederse á adxudicación das vivendas en réxime de alugueiro.

Ademais, deberá establecerse na resolución que acorde a apertura do procedemento de adxudicación unha cota de reserva específica para estas vivendas que limite a posibilidade de poder cambiar o réxime a compra unicamente respecto daquelas que leven máis de 20 anos cualificadas.

III. Vivendas que foran descualificadas pola Lei 18/2008.

III.1. Vivendas nesta situación que se manteñan no patrimonio do IGVS (suposto 1) ou que manteñan débeda pendente de pagamento co organismo (suposto 2):

En ambos os dous supostos será preciso recualificar desde a data da entrada en vigor da vixente Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, que obriga a súa nova cualificación.

No suposto (1) con cualificación de 30 anos.

No suposto (2) con nova cualificación ata a cancelación da débeda.

III.2. Vivendas nesta situación que fosen recuperadas polo IGVS:

Será preciso volvelas cualificar por prazo de 30 anos con efectos desde a data da nova cualificación.

Terceiro. Rexistro

A nova cualificación deberá ter acceso ao Rexistro da Propiedade, no cal se fará constar mediante nota marxinal.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo