Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2019 Páx. 14390

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a adxudicación de equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establecen que esta vicepresidencia e consellería, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, é o departamento encargado de xestionar as competencias que, en materia de protección civil, ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu artigo 10 que lle corresponde á Xunta de Galicia a superior coordinación e dirección da protección civil, a xestión dos servizos que se considere preciso prestar de forma unitaria para todo o territorio galego e a xestión das emerxencias que superen os medios de resposta de que dispoñen as entidades locais.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2, parágrafo f), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación da cidadanía en diferentes materias tales como a protección civil, as emerxencias e a prevención de riscos.

A Unión Europea, incidiu neste campo a través do programa operativo Feder 2014-2020, eixe 5 “Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos” e a prioridade de investimento 5.2 “Fomento do investimento para facer fronte a riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes, desenvolvendo sistemas de xestión de catástrofes”, a través da mellora de infraestruturas, instalacións e equipamento destinados á prevención e xestión de riscos, que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento do Plan Emerxe a través dun conxunto de actuacións relacionadas coa actualización dos distintos plans de prevención e seguridade existentes, actualización da normativa de protección civil e de emerxencias, así como a mellora das infraestruturas e equipamento na cobertura transfronteiriza.

Este bloque de medidas, co reforzo dos grupos de emerxencia supramunicipais e o fortalecemento das agrupacións de persoal voluntario de protección civil, en diante AVPC, permitirá mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados dos diferentes sinistros (incendios forestais, inundacións, etc.) para os efectos de garantir a seguridade de persoas e bens, así como a protección do ambiente. Polo tanto, estamos ante un plan de prevención e mitigación de riscos.

A implementación e execución destes plans e programas implica a necesaria realización de investimentos en equipamentos, instalacións e infraestruturas de prevención e mitigación de riscos.

A Xunta de Galicia ten a obriga de impulsar medidas de xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles co fin de continuar prestando servizos de calidade á cidadanía, optimizando os recursos económicos das administracións mediante fórmulas que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos.

Por outra banda, cómpre incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.

Neste senso, o artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da comunidade autónoma deberán primar, na forma que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula, como agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

Pola súa banda, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens, dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros que cumpren os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1 da referida lei, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

No exercicio destas competencias, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere establecer con esta orde un instrumento que, axeitándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora e equipamento dos concellos en tarefas de prevención de riscos en emerxencia e protección civil, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estes antecedentes motivaron a adquisición de equipamento de emerxencias, con fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) e posteriormente cedidos aos concellos en propiedade, polas ordes do 21 de marzo de 2016 (DOG núm. 71, do 14 de abril), Orde do 4 de maio de 2017 (DOG núm. 97, do 23 de maio) e Orde do 2 de agosto de 2018 (DOG núm. 148, do 3 de agosto, e corrección de erros DOG núm. 155, do 14 de agosto), da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos cofinanciados pola Comunidade Europea a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable ao obxecto desta.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 148/2016, do 13 de novembro, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con AVPC, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e a súa convocatoria para o ano 2019.

O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código de procedemento PR450A.

O equipamento que se cederá distribúese nas seguintes liñas de axuda:

Liña 1: 16 vehículos todoterreo tipo pick-up.

Liña 2: 21 remolques para a atención ás emerxencias.

Liña 3: 29 tendas de campaña para emerxencias.

Artigo 2. Crédito

A adquisición do equipamento de emerxencias lévase a cabo mediante subministración por procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada e foi cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), nun 80 %, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, eixo 5 “Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos” e prioridade de investimento 5.2 “Fomento do investimento para facer fronte aos riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes desenvolvendo sistemas de xestión de catástrofes”, con cargo á aplicación orzamentaria 05 25 212A 624.0 e código de proxecto 2016 00026 “Infraestrutura e equipamento nos ámbitos de emerxencias e protección civil” dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, Lei 2/2018, do 26 de decembro (DOG núm. 247, do 28 de decembro).

Para estes efectos tramitouse con anterioridade o correspondente expediente de contratación: 2019-SUEI 01-02-03/EM (número de referencia contable 2018-05-1908), procedemento aberto e tramitación ordinaria, por importe dun millón vinte e cinco mil setecentos nove euros con cincuenta céntimos (1.025.709,50 €), IVE incluído, para a adquisición dos equipamentos sinalados no artigo 1 desta orde.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar este equipamento os concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o solicitante teña unha AVPC con persoal voluntario operativo e asegurado, inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme a Lei 5/2007, do 7 de maio, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, ou que tivese presentada oficialmente a solicitude de inscrición de nova AVPC nel; neste caso queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2017 no Consello de Contas de Galicia.

c) Que non teñan recibido axudas por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou organismos e entidades adscritas a esta, para o mesmo equipamento nos últimos cinco anos, incluído o 2019, de acordo ao establecido no artigo 4.

d) As mancomunidades ou agrupación de concellos, no caso de prestaren de xeito mancomunado o servizo de protección civil e emerxencia, terán que presentar a súa solicitude de forma conxunta e mancomunada, e é incompatible coa solicitude individual dos concellos que compoñan a entidade.

O feito de teren solicitado e térselles concedido equipamento de emerxencia nos cinco últimos anos, de forma agrupada ou mancomunada, inhabilita os concellos que causasen baixa nestas entidades para poderen solicitar os mesmos equipamentos, salvo que documentaran mediante unha declaración ou certificación a súa saída da entidade e o destino do equipamento cedido.

Por outra banda, a entidade de concellos mancomunada ou agrupada de nova creación non poderá solicitar o equipamento que nos últimos cinco anos recibisen por separado cada un dos concellos que conforman a citada entidade.

Artigo 4. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Os concellos, individualmente, mancomunados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán a solicitude dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación complementaria que se establece no artigo 6 desta norma, segundo proceda.

Cada solicitante en función das súas necesidades deberá pedir por orde de preferencia o equipamento das liñas, tendo en conta o dito no punto c) do artigo 3 desta orde e, se é o caso, concederáselle o solicitado ata o límite de existencia, de acordo cos seguintes criterios:

a) As entidades que xa obtivesen algún tipo de vehículo nos últimos cinco anos, incluído o 2019, sexa todoterreo, pick-up ou furgón, non poderán solicitar a liña 1 desta orde.

b) As entidades que xa obtivesen remolque de emerxencias nos últimos cinco anos, incluído o 2019, non poderán solicitar a liña 2 desta orde.

c) As entidades que xa obtivesen tendas de campaña ou carpas de emerxencias nos últimos cinco anos, incluído o 2019, non poderán solicitar a liña 3 desta orde.

d) Cumpridos os tres puntos anteriores, o equipamento asinarase en función da orde de puntuación total de maior a menor e orde de preferencia solicitada.

e) Na primeira quenda de adxudicación, cada solicitante so poderá obter equipamento dunha liña; unha vez resolta e de seguir quedando existencias podería acceder ao equipamento das outras liñas, seguindo os criterios xa establecidos.

f) Os beneficiarios de equipamento da liña 1 comprométense a aceptar a cesión de terminais TETRA da nova rede de comunicacións de emerxencias da Xunta de Galicia que, en función das existencias e nun número máximo de tres, poderá ceder esta Administración co compromiso por parte das entidades beneficiadas de facerse cargo do seu mantemento.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Solicitudes

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR450A) a esta orde, onde se aceptan e declaran as seguintes alíneas:

a) Que a entidade que solicita a subvención en especie acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta orde de convocatoria.

b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos non están incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

e) Que o concello, agrupación de concellos ou mancomunidade de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

f) Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello, mancomunidade ou agrupación de concellos están ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedores por resolución de procedemento de reintegro.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado da compañía aseguradora das pólizas subscritas (accidentes e responsabilidade civil) en que conste o número de asegurados que é persoal voluntario de protección civil. No caso de estaren incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación ou declaración do órgano competente do concello ou mancomunidade, en que se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluído dentro das pólizas.

b) Certificado ou declaración dos servizos de emerxencia provinciais ou das entidades locais a que se refire o artigo 10.2 desta orde.

c) Certificado do secretario/a da entidade solicitante da presentación das contas da entidade no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 3 desta orde. No caso de agrupación de concellos, un certificado por cada concello.

d) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos en que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

e) No caso de realizar a petición conxunta como agrupación de concellos, a certificación de cada pleno ou xunta de goberno aprobatorio de tal acordo e condicións deste.

f) No caso de realizar a petición como mancomunidade ou agrupación de concellos terán que presentar a memoria de aforro de custos e os últimos orzamentos publicados e aprobados, para os efectos da aplicación do artigo 10, punto 3.b).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias para esas finalidades, así como a especificada no artigo 11, por exixencia normativa, segundo se establece no artigo 17 desta orde.

4. O defecto na solicitude ou a falla de documentos complementarios e obrigatorios seralles notificado por medios telemáticos aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións.

Transcorrido este prazo e de non producirse a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Comprobación dos datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución e comisión de avaliación

1. Recibidas as solicitudes o órgano instrutor emitirá informe sobre elas e, xunto coa a súa correspondente documentación, enviaránselle á comisión de avaliación, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue e formada polos titulares dos servizos de emerxencias das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o xefe do Servizo de Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou, se é o caso, un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, con voz e voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de beneficiarios e cunha lista de reserva de cara á posible renuncia dalgún beneficiario ou á adquisición de máis material, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada elevarase á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 10. Criterios de avaliación e repartición

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC no ano 2018 e constatados polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referidas a accidentes, incendios, protección civil, salvamento e rescate, incidencias de circulación, riscos, operativos de protección civil e animais, ata un máximo de 5 puntos. Tomando como cifra indicativa o dobre da media do conxunto das mobilizacións das solicitudes admitidas, adxudicarase a máxima puntuación aos que estean por riba desta media e a que lle corresponda proporcionalmente, ao resto.

2. Mobilizacións das AVPC, efectuadas en 2018, para prestar colaboración noutros concellos en operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas, ata un total de 5 puntos.

Como metodoloxía tomarase o total de días en que a AVPC foi mobilizada nestes operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas, multiplicándose polo número total de persoal voluntario que participou neses operativos. Calculando a media das solicitudes admitidas e tomando como cifra indicativa o dobre desta media, adxudicarase a máxima puntuación aos que estean por riba desta media e a que lle corresponda proporcionalmente, ao resto.

A xustificación nesta epígrafe realizarase a través dunha certificación dos servizos de emerxencia provinciais, das mobilizacións que teña constancia ou ben dunha declaración dos alcaldes/as ou concelleiros/as, ou por certificado dos secretarios/as dos concellos solicitantes da colaboración, en que se reflicta a AVPC participante, o evento, a data de celebración, o número de persoal voluntario mobilizado pola AVPC e o número de días que asistiu.

3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencia e protección civil por concellos agrupados, asociados, mancomunados ou calquera outra fórmula conxunta, ata un máximo de 30 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

a) Pola mera presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión outórganse 10 puntos.

b) Polo número de concellos agrupados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos agrupados ou mancomunados e ao resto a que lle corresponda en proporción.

c) Pola presentación da memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual do servizo e a súa relación co orzamento total dos concellos que conforman a mancomunidade ou agrupación de concellos, ata 10 puntos.

Para estes efectos, a mancomunidade ou a agrupación de concellos presentará xunto coa memoria económica, onde se xustifiquen claramente os custos derivados de prestar o servizo de xeito individual e conxunto e, consecuentemente, o aforro conseguido, a certificación dos orzamentos do ano 2019 ou, no caso de non estaren aprobados, a de 2018.

Outorgaranse os 10 puntos ao solicitante co maior índice porcentual entre o aforro de custos e o total do seu orzamento e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

4. Ratio de número de persoal voluntario de protección civil asegurado acreditada a través da correspondente compañía aseguradora, por risco de accidentes, morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes da entidade solicitante, ata un máximo de 20 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto a que lle corresponda en proporción.

A fórmula empregada será a seguinte:

a) Divídese o número de habitantes de cada concello, mancomunidade ou agrupación de concellos entre mil.

b) Divídese o número de persoal voluntario de protección civil asegurado entre o resultado anterior e obtense unha ratio.

c) Adxudícase a puntuación máxima á entidade solicitante que teña a mellor ratio e o resto avalíase de xeito proporcional.

5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto 10, risco alto 8, risco moderado 6, risco baixo 4 e risco moi baixo 2.

No caso de mancomunidades ou agrupación de concellos, a puntuación asinada será a media do conxunto das puntuacións dos concellos que forman parte da entidade e, no caso de que a cantidade resultante quede no medio de dúas puntuacións, asignaráselle a puntuación maior.

6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1.1.2018, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e ao resto a que lle corresponda en proporción.

7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística do ano 2011, ata un máximo de 5 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e ao resto a que lle corresponda en proporción.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

• 5 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 1995 incluído.

• 4 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2000 incluído.

• 3 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2005 incluído.

• 2 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2014 incluído.

9. As AVPC inscritas nos cinco últimos anos, contando o actual, ata 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

1º. 3 puntos ás AVPC inscritas no ano 2015.

2º. 4 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2016 e 2017.

3º. 5 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2018 e 2019.

10. Pola atención da AVPC ao servizo 24 horas, constatado pola información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias 112, referido ao ano 2018, 5 puntos.

11. Pola presentación anual nos servizos de emerxencia da provincia, por parte da AVPC, referido ao ano 2018, dos seguintes documentos: memoria anual de actividades, acta da asemblea ordinaria anual, relación de persoal voluntario e xunta directiva actualizada, así como, estar dado de alta no na aplicación do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (https://rgavpc.xunta.gal/), constatado por certificación do xefe do Servizo de Emerxencias da provincia, 10 puntos. A falta de documentación valorarase con 0 puntos nesta epígrafe.

12. Quedarán excluídas das subvencións aquelas entidades solicitantes con AVPC que teñan menos de 10 mobilizacións no ano 2018 con constancia no Centro de Atención de Emerxencias 112 e aquelas que non acaden o 15 % da puntuación máxima outorgada no total de puntuación, unha vez avaliadas a totalidade das solicitudes.

Como excepción a este punto, os solicitantes con AVPC rexistrada nos seis últimos meses do ano 2018 e no ano 2019, así como aquelas entidades con AVPC que, despois de estaren sen funcionamento nos últimos tres anos e sen solicitaren ningún tipo de subvención, reactiven a súa actividade, non serán excluídas por non acadar o mínimo exixido de mobilizacións nin por non acadar a porcentaxe respecto á puntuación máxima outorgada.

A constatación da reactivación das AVPC realizarase mediante informe dos servizos provinciais de emerxencias.

No caso das AVPC inscritas en 2019 estarán exentas de achegar máis documentación que a que xa figura no rexistro.

Artigo 11. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución adoptaraa o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de valoración, e posteriormente publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades ou persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as entidades ou persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades ou persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Na notificación da resolución faranse constar as condicións particulares que deberá cumprir o interesado a que se lle conceda o equipamento e que se recollen no artigo 12.

3. Transcorridos cinco meses contados desde a publicación desta orde sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra a resolución de concesión poderá interporse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Así mesmo, poderá interporse directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios

a) Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Serán por conta das entidades beneficiarias os gastos do imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que poida supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos e demais equipamento, calquera que sexa a súa contía.

c) Compromiso de que o equipamento sexa destinado a misións de protección civil e emerxencias. O incumprimento da obriga de destino referida será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Compromiso da inalterabilidade das condicións tidas en conta para a concesión.

e) O/a alcalde/sa do concello, presidente/a da mancomunidade ou representante da agrupación de concellos a que se lle conceda o equipamento solicitado disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para a súa aceptación ou renuncia tamén enviada por vía telemática.

Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

f) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Formalización da cesión

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, o material adquirido por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e adxudicado aos beneficiarios desta orde está afecto ao cumprimento dunha finalidade de carácter público, polo que ten a consideración de subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, debendo constar nela o regulamentado no artigo 12 ao respecto.

No momento de asinar a acta de cesión, os beneficiarios deberán presentar a declaración actualizada do modelo do anexo II asinada polo representante do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos.

Dado que os fondos achegados proveñen do programa de fondos Feder-Galicia 2014-2020, as entidades beneficiarias quedarán obrigadas a cumprir cos requisitos de publicidade establecidos no número 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello; e nos artigos 3 a 5 do Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, a presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, o sistema para o rexistro e o almacenamento de datos e mantemento da rotulación do equipamento cedido.

Así mesmo, tamén se deben adoptar medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

De igual xeito, e de acordo co establecido no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, os concellos, mancomunidades ou agrupación de concellos quedarán obrigados ao mantemento dos bens cedidos un mínimo de cinco (5) anos.

Artigo 14. Reversión dos bens na comunidade autónoma

1. Se o equipamento cedido non se aplica ao fin sinalado ou deixa de estalo con posterioridade, se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou da deterioración que experimentasen.

2. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que comporta a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 15. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións, a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Mancomunidades ou agrupación de concellos

Todos os documentos descritos no articulado da presente orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade ou agrupación de concellos, serán expedidos polo seu órgano competente.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase o director xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Lexislación como fondo Feder

Ao tratarse dunha orde con aplicación de fondos da Comunidade Europea (Feder), estará suxeita á regulamentación comunitaria aplicable recollida no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, así como no Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

Disposición derradeira cuarta. Delegación de competencias

De conformidade co previsto na Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2018), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, así como a subscrición das actas de cesión do equipamento adquirido por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e adxudicado aos beneficiarios desta orde.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file