Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2019 Páx. 14571

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 4 de marzo de 2019 pola que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito Camiño Portugués-Conxo, de clave AC/17/012.10.4.

Con data do 4 de marzo de 2019, a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. Por resolución da Axencia Turismo de Galicia, de data 20 de setembro de 2016, encoméndase á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións precisas para realizar as intervencións necesarias no contorno dos Camiños de Santiago, en Santiago de Compostela.

Segundo. Con data do 18 de xullo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 137) o Anuncio do 10 de xullo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o documento básico de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito Camiño Portugués-Conxo, de clave AC/17/012.10.4, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse certificados e alegacións, procedéndose á súa valoración.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. De acordo co establecido nos artigos 18 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 de expropiación forzosa, e os concordantes do seu regulamento, o mencionado documento básico someteuse ao trámite de información pública, durante un período de vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tras os certificados e alegacións presentadas polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito Camiño Portugués-Conxo, de clave AC/17/012.10.4, mantendo o trazado como definitivo, coas seguintes consideracións:

a) Corrixirase e actualizarase a relación de bens e dereitos afectados.

b) Non se expropiarán as parcelas 5 e 6 sinaladas no documento sometido a información pública, que serán desenvolvidas máis adiante noutro proxecto específico.

c) O proxecto arquitectónico deberá garantir o acceso ao templo e ao cemiterio de Conxo, e o uso que demande a comunidade parroquial: procesións, vodas, funerais, etc.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas