Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Mércores, 13 de marzo de 2019 Páx. 13820

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 28 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para desenvolver obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, e se convocan para o ano 2019 (procedemento PR923C).

BDNS (Identif.): 442773.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar a organización dos obradoiros as entidades galegas que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade dentro das seccións das comunidades galegas, centros colaboradores, federacións ou aquelas entidades que estean en proceso de unión ou fusión.

Excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, poderase conceder a organización dun destes obradoiros a aquelas entidades que, estando incluídas dentro do Rexistro da Galeguidade, non se atopen en ningunha das seccións antes mencionadas, sempre que xustifiquen debidamente que contan cun grupo folclórico consolidado.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras e a convocatoria para a realización de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas no exterior, dirixidos ás persoas asociadas galegas e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para desenvolver obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 90.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312 C.226.07.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2019

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración