Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2019 Páx. 13149

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2019 pola que se convoca a xornada Un ano de vixencia da nova Lei de contratos do sector público: balance e perspectivas.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 20/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar a xornada Un ano de vixencia da nova Lei de contratos do sector público: balance e perspectivas, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O 9 de marzo de 2018 entrou en vigor a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (LCSP). A lei establece un novo marco regulador do sistema de contratación pública, con vocación de ser máis eficiente, transparente e íntegro, e de mellorar as condicións de acceso a este, facilitando, en particular, a participación das pemes.

Transcorrido o primeiro ano de vixencia da lei, procede realizar un balance da aplicación das principais modificacións introducidas por ela, valorando o alcance da súa execución e as dificultades que presenta. Así mesmo, coa realización desta xornada preténdese propiciar o debate ao redor daqueles aspectos máis innovadores e relevantes da LCSP desde o punto de vista xurídico e da xestión pública.

2. Contidos.

Ao longo da xornada trataranse, entre outros temas, especialmente os seguintes:

• Visión xeral do estado da contratación pública un ano despois da entrada en vigor da LCSP.

• A aplicación práctica da simplificación dos procedementos en contratación pública: do contrato menor ao procedemento aberto súper simplificado.

• A implantación da contratación electrónica.

• A aplicación da LCSP aos poderes adxudicadores non Administración pública e outras entidades.

• A relación calidade prezo. Os criterios de adxudicación. O deseño do obxecto e a determinación do prezo do contrato e os seus criterios de adxudicación.

• O recurso especial. Novidades e implantación dos novos supostos de control.

• Contratación pública e entidades locais.

• As novidades na execución do contrato e as súas vicisitudes: o responsable do contrato, o control de condicións de execución, a modificación do contrato e os pagamentos a subcontratistas.

• A compra pública estratéxica. Misión e visión práctica en Galicia.

• Impacto práctico nos operadores económicos da aplicación da LCSP.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilado, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

A xornada terá unha duración de 8 horas lectivas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Data: 21 de marzo de 2019.

Horario: de mañá e tarde.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 14 de marzo de 2019.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación das relacións do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar na dita xornada, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima dos tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública