Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Mércores, 20 de febreiro de 2019 Páx. 10419

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 11/2019, do 7 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

No Diario Oficial de Galicia núm. 64, do 31 de marzo de 2017, publicouse o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda (corrección de erros no Diario Oficial de Galicia núm. 73, do 17 de abril).

No Diario Oficial de Galicia núm. 247, do 28 de decembro de 2018, publicouse a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que recolle, no seu artigo 7, a modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Con esta modificación engádese ao citado texto refundido un novo artigo 50 bis relativo á oficina orzamentaria, en que se prevé que, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cada sección orzamentaria, baixo a dependencia da correspondente secretaría xeral técnica, se identificará un órgano, con nivel mínimo de servizo, que desenvolverá as funcións previstas no citado artigo, sen prexuízo daqueloutras que poidan establecerse nos decretos de estrutura orgánica.

Por outra banda, no Diario Oficial de Galicia núm. 185, do 27 de setembro de 2018, publicouse o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. En consecuencia, tendo en conta a modificación da denominación dalgunhas consellerías e a creación da Consellería de Cultura e Turismo, cómpre modificar o Decreto 30/2017 para adaptar a estrutura orgánica da Consellería de Facenda á estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Así mesmo, no Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 28 de xaneiro de 2019, publicouse a Orde do 15 de xaneiro de 2019 pola que se publica o Acordo de concertación do emprego público de Galicia. Tendo en conta as actuacións previstas nos acordos acadados coas organizacións sindicais e para abordar as novas competencias da Dirección Xeral da Función Pública, procédese á reestruturación da dita dirección xeral, coa modificación e creación de prazas, prevéndose a amortización doutras.

Pola súa banda, na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos realízase unha nova distribución de funcións coa conseguinte supresión e creación de dúas xefaturas de servizo.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de febreiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda

O Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, queda modificado como segue:

Un. O artigo 5.2.4 queda redactado do seguinte xeito:

«5.2.4. A Subdirección Xeral de Estudos, con dependencia funcional da persoa titular da consellería, que realizará as seguintes funcións:

– Apoio técnico á persoa titular da consellería no ámbito da súa competencia.

– Elaboración de análises, estudos e estatísticas que resulten necesarios para a dirección das políticas propias da Consellería.

– Elaboración de programas derivados de convenios de colaboración con outros organismos e participación na elaboración e execución dos programas estatísticos que formen parte do sistema integrado de contas económicas de Galicia.

– Definición e coordinación da formación do seu persoal nas materias relacionadas coa política económica, orzamentaria, coas técnicas de previsión económica, así como dos estudos estatísticos e coas demais materias de coñecemento imprescindibles para un adecuado exercicio das súas competencias.

– Calquera outra que lle encomende a persoa titular da Consellería.».

Dous. O artigo 6.2.2 queda redactado do seguinte xeito:

«6.2.2. O Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario, que terá a consideración de oficina orzamentaria e que realizará as seguintes funcións:

– A xestión económica da Consellería.

– A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento.

– A coordinación do anteproxecto de orzamentos da Consellería e o control e seguimento da execución orzamentaria.

– A tramitación das propostas de modificacións orzamentarias da Consellería.

– O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da Consellería.

– A tramitación de expedientes de concesión de anticipos ao persoal.

– As previstas no artigo 50 bis do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.».

Tres. O artigo 19.5 queda redactado do seguinte xeito:

«19.5. As intervencións delegadas de todas as consellerías contarán cun Servizo de Fiscalización e Contabilidade, excepto a intervención delegada na Consellería de Economía, Emprego e Industria, que contará con dous servizos, e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Sanidade, que non contará con ningún servizo. Os/as interventores/as delegados/as poderán ser asistidos por interventores/as adxuntos/as ou habilitados/as.».

Catro. O artigo 20.2.4 queda redactado do seguinte xeito:

«20.2.4. A Subdirección Xeral de Custos de Persoal exercerá as competencias legalmente atribuídas á consellería competente en materia de facenda, referente a custos derivados de medidas relativas ás retribucións do persoal ao servizo do sector público autonómico e da dotación de postos de traballo dos órganos da Administración. Para tal efecto, correspóndenlle en particular:

– A análise, seguimento e cuantificación dos custos de persoal para a proposta de inclusión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

– O deseño das políticas de custos de persoal e dos criterios xerais de aplicación das retribucións, dentro das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

– A elaboración, seguimento e análise da execución do capítulo I do orzamento de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades instrumentais.

– Estudo, análise e emisión de informes sobre estruturas orgánicas das consellerías e os seus organismos autónomos e sobre as modificacións das relacións de postos de traballo desde a perspectiva da súa repercusión económica.

– Estudo, análise e emisión de informes sobre os cadros de persoal e propostas de relación de postos de traballo das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma, desde a perspectiva da súa repercusión económica.

– Emisión de informes preceptivos para a determinación ou modificación das condicións retributivas do persoal laboral, sen prexuízo dos que poidan corresponder a outros órganos da Administración.

– A autorización da masa salarial máxima con carácter previo ao asinamento de convenios colectivos do persoal laboral.

– Emisión de informe sobre as ofertas de emprego público, sen prexuízo do que poida corresponder a outros órganos da Administración.

– A elaboración do título de gastos de persoal para a súa inclusión no anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

– Aquelas competencias que a lexislación vixente lle atribúe á Consellería de Facenda en materia de retribucións de persoal, sen prexuízo das que poidan corresponder a outros órganos da Administración.

Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Custos de Persoal contará cos seguintes órganos de apoio:

2.4.1. Servizo de Análise e Seguimento de Gasto de Persoal, que desenvolverá as seguintes funcións:

– Análise e seguimento da execución do gasto de persoal con base nos centros de gasto que se determine, en relación coas diferentes seccións orzamentarias e entidades instrumentais con orzamento limitativo, así como aos entes instrumentais con orzamento estimativo.

– Análise e seguimento do gasto de persoal das universidades.

– Elaboración dos informes para a determinación ou modificación das condicións retributivas do persoal laboral.

– Análise das modificacións de crédito que afecten ao capítulo I de gastos.

– Apoio á subdirección xeral noutras materias da súa competencia.

2.4.2. Servizo de Programación e Presupostación de Custos de Persoal, que desenvolverá as seguintes funcións:

– Cuantificación do capítulo I do orzamento de gastos para a elaboración dos proxectos do orzamento de gastos da Comunidade Autónoma.

– Elaboración dos informes sobre propostas de relación de postos de traballo das diferentes consellerías e sobre as relacións de postos de traballo e dos cadros de persoal das entidades instrumentais da Comunidade Autónoma.

– A elaboración do título de gastos de persoal para a súa inclusión no anteproxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

– Elaboración dos demais informes que procedan por razón das competencias da subdirección, sen prexuízo dos que poidan corresponder a outros órganos da Administración.».

Cinco. Modifícase o artigo 22 do seguinte xeito:

No parágrafo 2 engádense as seguintes competencias:

«– A proposta á persoa titular da Consellería da convocatoria e resolución dos concursos ordinarios de traslados para a provisión de postos de traballo dos distintos corpos, escalas e categorías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia xestionados pola Dirección Xeral da Función Pública.

– A fixación dos criterios para a elaboración das convocatorias dos concursos específicos por parte das persoas titulares das consellerías.

– A ordenación e xestión dos procedementos de recoñecemento profesional e elaboración das propostas de resolución do recoñecemento da carreira profesional.».

Modifícase o parágrafo 3.3, que queda redactado do seguinte xeito:

«3.3. A Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal terá encomendado o exercicio das seguintes funcións:

– A preparación, conxuntamente coa Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais, a Subdirección Xeral de Xestión, Programación e Ordenación de Persoal, a Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Avaliación Profesional e a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, dos anteproxectos normativos en materia de función pública.

– A elaboración e tramitación das convocatorias dos concursos ordinarios de traslados dos distintos corpos, escalas e categorías.

– A fixación dos criterios para a elaboración das convocatorias dos concursos específicos por parte das persoas titulares das consellerías.

– A elaboración e tramitación das convocatorias de procesos selectivos para o ingreso nos distintos corpos, escalas e categorías.

– A preparación da convocatoria para a elaboración de listas e o desenvolvemento dos traballos relativos á cobertura temporal de postos de persoal funcionario e laboral en aplicación da norma que o regule.

– A realización, no seu ámbito competencial, de cantos estudos e traballos se lle encomenden.

Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

3.3.1. O Servizo de Concursos, que terá encomendadas as seguintes funcións:

– O estudo e a preparación dos anteproxectos normativos en materia de provisión.

– A preparación, elaboración e tramitación das convocatorias de concursos ordinarios de traslados.

– A supervisión asesoramento e coordinación coas consellerías dos concursos específicos do persoal funcionario e laboral.

– O estudo e elaboración de informes en materia da súa competencia, sen prexuízo dos que poidan corresponder a outros órganos da Administración.

3.3.2. O Servizo de Selección, que terá encomendadas as seguintes funcións:

– O estudo e a preparación dos anteproxectos normativos en materia de selección.

– A preparación, elaboración e tramitación das convocatorias dos procesos selectivos do persoal funcionario e laboral.

– O estudo e elaboración de informes en materia da súa competencia, sen prexuízo dos que poidan corresponder a outros órganos da Administración.

3.3.3. O Servizo de Listas de Contratación Temporal que terá encomendadas as seguintes funcións:

– O desenvolvemento dos traballos relativos á cobertura temporal de postos de persoal funcionario e laboral en aplicación da norma que regule a dita cobertura, en particular a tramitación das propostas de cobertura e a selección de persoal funcionario interino e laboral temporal para os servizos centrais e para os servizos periféricos.

– O estudo e elaboración de informes en materia da súa competencia.

O Servizo de Listas de Contratación Temporal contará con postos de carácter administrativo para a xestión de listas nas localidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Estes postos terán encomendada as funcións de chamamentos e selección dos integrantes das listas para o nomeamento de funcionarios interinos e para a contratación do persoal laboral temporal que deban desempeñar postos adscritos aos servizos periféricos no ámbito da respectiva delegación territorial.».

O parágrafo 3.5 («o Servizo de Actualización de Datos do Persoal») pasa a ser 3.6.

Modifícase o parágrafo 3.5, que queda redactado do seguinte xeito:

«3.5. A Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Avaliación Profesional, á cal lle corresponde a realización das seguintes funcións:

a) A determinación dos diferentes niveis de desenvolvemento profesional e avaliación das categorías e competencias existentes na organización, impulsando o crecemento e fomentando as políticas de innovación na Administración pública galega, co fin de adaptalas ás necesidades e obxectivos do servizo público; elaboración de plans e programas encamiñados á mellora do desenvolvemento das competencias profesionais para potenciar e impulsar a calidade dos servizos; análise dos sistemas de promoción profesional para os procesos de funcionarización e elaboración das propostas para o seu desenvolvemento e posta en práctica, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

b) Deseño dos procesos de modernización organizativa da Administración xeral da Xunta de Galicia, baseada na avaliación dos sistemas de recoñecemento profesional do persoal ao seu servizo e valoración da súa incidencia no sistema de carreira profesional; ordenación e xestión dos procedementos de recoñecemento profesional e elaboración das propostas de resolución de recoñecemento da carreira profesional e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

c) Desenvolvemento e execución dos procedementos nos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo.

d) O estudo e elaboración de informes de persoal en materia da súa competencia.

e) A preparación, conxuntamente coa Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais, a Subdirección Xeral de Xestión, Programación e Ordenación de Persoal, a Subdirección de Provisión de Postos e Selección de Persoal e a Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, dos anteproxectos normativos en materia de función pública.

Para o cumprimento das súas obrigacións, a Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Avaliación Profesional contará coas unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

Xestores de proxectos, que teñen con carácter xeral atribuídas as funcións de xestión, coordinación e execución dos proxectos que se realicen dentro das políticas en materia de persoal en todo o ámbito da Administración xeral, atribuídas á Dirección Xeral da Función Pública.

O número de xestores de proxectos será variable, en función das competencias e funcións que a Dirección Xeral de Función Pública deba prestar derivados da integración nela dos distintos recursos e servizos da carreira profesional e da realización dos procesos de funcionarización que se deriven das distintas consellerías e entidades públicas instrumentais delas dependentes.

En concreto as funcións dos xestores de proxectos son:

a) Elaboración dos plans de necesidades en competencias de desenvolvemento profesional dos diferentes empregados públicos da Xunta de Galicia.

b) Elaboración das propostas normativas para a elaboración dos procedementos de recoñecemento profesional.

c) Asesoramento e deseño dos procedementos para a implantación do sistema de carreira profesional.

d) Planificación e coordinación da implantación dos sistemas de carreira profesional dentro do seu ámbito de competencia.

e) Deseño, planificación e realización dos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, dentro do seu ámbito de competencia.

f) Coordinación coas unidades administrativas implicadas nos sistemas de información, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

g) En xeral, cuantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Función Pública.».

Disposición derradeira primeira. Modificación da relación de postos de traballo

A Consellería de Facenda propoñerá ao Consello da Xunta de Galicia, as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Mentres non se aprobe a relación de posto de traballo, facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a adaptación ou, se é o caso, asignación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que procedan para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de febreiro de dous mil dezanove

O presidente
P.S. (Decreto 6/2019)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda