Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9282

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 31 de xaneiro de 2019 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde do 30 de xaneiro de 2017 (DOG do 8 de febreiro), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do Consello Social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o/a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un/unha profesor/a, un/unha estudante e un/unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo Consello de Goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 12 de febreiro), polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, regula no seu artigo 71.3 que «O mandato dos órganos unipersoais electivos será de catro anos e non se poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos», e o artigo 74.3 recolle que «Os membros do Consello Social elixidos polo Consello de Goberno deberán reunir os requisitos exixidos no artigo 71 para seren titulares de órganos unipersoais».

A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Con data do 22 de xaneiro de 2019, o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela remite á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional certificación da secretaria xeral da Universidade en que comunica que o Consello de Goberno, na sesión do 26 de novembro de 2018, adoptou o acordo de designar como membros no Consello Social a Montserrat Valcárcel Armesto, en representación do PDI; a María Esther Hervés Sayar, en representación do PAS, e a Inmaculada Alonso Rodríguez, en representación do alumnado. Xúntanse declaracións de non estaren incursos nas incompatibilidades sinaladas no artigo 78 da mencionada Lei 6/2013.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Montserrat Valcárcel Armesto, en representación do persoal docente e investigador no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Javier Bueno Lema.

Artigo 2

Nomear a María Esther Hervés Sayar, en representación do persoal de administración e servizos no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Antonio de Padua Pérez Casas.

Artigo 3

Inmaculada Alonso Rodríguez, en representación do alumnado no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Fernando de la Torre Cuevas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional