Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Mércores, 13 de febreiro de 2019 Páx. 9115

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2019 pola que se declara a área de rehabilitación integral do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Resolución de declaración de área de rehabilitación integral.

Denominación: área de rehabilitación integral do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Ámbito: Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Clase: área de rehabilitación integral xeral.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achega o día 16 de xaneiro de 2019, unha memoria, así como documentación complementaria, co obxectivo de que o ámbito do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas sexa declarado área de rehabilitación integral (en diante, ARI) dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Este procedemento para a declaración da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas foi iniciado de oficio polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (en diante, IGVS), de acordo co artigo 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Este artigo permite a declaración de oficio dunha ARI cando a área comprenda máis dun concello e motivos de interese arquitectónico, cultural ou social así o aconsellen. A xustificación dos motivos que determinan a necesidade desta iniciativa por parte do IGVS recóllense na documentación remitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Terceiro. O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas foi declarado pola Lei 15/2002, do 1 de xullo, coa cal se creou o primeiro parque nacional en Galicia, integrado no espazo mariño e terrestre dos arquipélagos das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. A delimitación proposta coincide coa do ámbito territorial do parque nacional, polo que se trata dunha ARI descontinua, que afecta catro (4) municipios, Vigo, Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa. Conforme o artigo 9 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, a clasificación que corresponde á ARI das Illas Atlánticas é a de ARI xeral.

Cuarto. Na memoria queda explicado o nivel de deterioración das edificacións e vivendas con graves problemas de eficiencia enerxética, salubridade e habitabilidade xeral, así como déficits de accesibilidade e de subministración de auga e electricidade, consecuencia da súa configuración orixinal. Dada a situación de illamento e a súa situación dentro dun parque natural con valores naturais que conservar, será obxectivo complementario na rehabilitación a autosuficiencia das instalacións enerxéticas mediante o uso de enerxías renovables e o uso racional dos acuíferos das illas.

Quinto. O día 17 de xaneiro de 2019, a Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS emitiu informe favorable, desde o punto de vista técnico e urbanístico, á declaración de ARI solicitada.

Sexto. O día 17 de xaneiro de 2019, a Dirección Técnica de Fomento do IGVS emitiu informe favorable, desde o punto de vista administrativo, á declaración de ARI solicitada.

Consideracións xurídicas.

Primeira. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, regula no seu capítulo II, sección 2ª, nos artigos 8 e 9, o procedemento de declaración e as clases de ARI, respectivamente.

Segunda. De conformidade co artigo 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI poderán ser declaradas de oficio polo IGVS cando a área comprenda máis dun concello e motivos de interese arquitectónico, cultural ou social así o aconsellen.

Terceira. O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, inclúe entre os seus programas de axudas o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.

Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no Decreto 18/2014, do 13 de febreiro,

RESOLVO:

Declarar área de rehabilitación integral xeral do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ao abeiro do artigo 9 Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, o ámbito comprendido polo parque nacional, delimitado polos planos que se xuntan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda
e presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file