Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Martes, 12 de febreiro de 2019 Páx. 9009

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan á empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Sidegasa-Teixeiro 220 kV biomasa-reforma 66 kV e ampliación de potencia, no termo municipal de Curtis, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2018/075-1).

Feitos:

Primeiro. O 16.4.2018 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Sidegasa-Teixeiro 220 kV: reforma 66 kV e ampliación potencia, acompañada do proxecto de execución e das separatas técnicas correspondentes; asignóuselle o número de expediente administrativo IN407A 2018/075-1.

Segundo consta no proxecto de execución, as características técnicas da infraestrutura eléctrica proxectada son as seguintes:

• Reforma do parque de 66 kV, para dar cabida a unha nova posición de liña 66 kV de xerador, instalando para iso:

– 1 Módulo híbrido de transformador 66kV ABB modelo M00.

– 1 Módulo híbrido de liña 66kV ABB modelo M00 (C.H. Gomil).

– 1 Módulo híbrido de liña 66kV ABB modelo M00 (Biomasa Curtis).

– 1 Módulo híbrido de acoplamiento lonxitudinal 66kV ABB modelo M00.

• Transformador de potencia trifásico de 150 MVA, 220/66 kV, ONAF, en substitución do actual trafo T-III de 75 MVA.

• Para poder acometer a reforma será precisa unha fase intermedia na cal se instalará un carretón móbil de 66 kV.

Segundo. O 31.5.2018 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) adoptou o acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da devandita infraestrutura eléctrica; que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 7 de xuño de 2018 e no Boletín Oficial da provincia do 6 de xuño.

Durante o período establecido de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. Simultaneamente ao trámite de información pública, a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens e dereitos afectados por el: Concello de Curtis, REE, Enel Green Power España, S.L., parque eólico Cova da Serpe II, S.L. (Exus Partners), Naturgy Renovables, S.L.U., Olivento, S.L.U., parques eólicos Gestinver, S.L., Tasga, S.L.U., Bioetanol Galicia, S.A. (Vertex Bioenergy).

O Concello de Curtis emitiu informe favorable e REE no respondeu ás solicitudes de informe polo que se entende a súa conformidade, de acordo cos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

A maioría dos xeradores afectados solicitaron comunicación previa á realización dos cortes e unha compensación do lucro cesante motivado polos ditos cortes derivados da execución do proxecto. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados técnicos establecidos por estes, deixando os condicionados económicos a expensas de acordos entre os xeradores afectados.

Cuarto. O 10.1.2019 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Sidegasa-Teixeiro 220 kV: reforma 66 kV e ampliación potencia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. A xefatura territorial ditou, con data 10.1.2019, proposta de outorgamento de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Sidegasa-Teixeiro 220 kV: reforma 66 kV e ampliación potencia, promovida pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Terceira. No expediente consta o informe favorable dos servizos técnicos da xefatura territorial.

Cuarta. A respecto dos condicionados presentados por parte dos xeradores afectados no trámite de separatas técnicas, soamente se tiveron en conta os que tiñan compoñente técnico, e deixáronse sen valorar os de compoñente económico, que non son obxecto desta resolución.

Quinta. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

• Outorgar á empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Sidegasa-Teixeiro 220 kV biomasa-reforma 66 kV e ampliación potencia, no termo municipal de Curtis, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2018/075-1).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica de referencia realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran na documentación técnica presentada pola empresa promotora, Unión Fenosa Distribución, S.A., e conformada polos seguintes proxectos de execución:

• Proxecto titulado «Sub. Sidegasa-Teixeiro 220 kV biomasa, reforma 66 kV e ampliación potencia», asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio co nº 201801078 e data 11.4.2018; e no que figura un orzamento total de 2.822.912,00 €.

• Proxecto titulado «Carretón móbil 132-66 kV», asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid co nº 201601494 e data 6.5.2016 e no que figura un orzamento total de 26.200,00 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha da infraestrutura eléctrica de referencia será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial (quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas), e xuntar a seguinte documentación:

– Declaracións de conformidade relativas ao material ou equipos e certificacións ou homologacións que procedan ou da non necesidade.

– Certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas que sexan de aplicación na montaxe e posta a punto.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta resolución por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións obxecto dela.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas