Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Mércores, 30 de xaneiro de 2019 Páx. 5709

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2018, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2019.

BDNS (Identif.): 436888.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á institución onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda.

Segundo. Obxecto

O apoio á etapa predoutoral con dúas modalidades:

– Modalidade A: axudas cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 destinadas ao apoio á etapa predoutoral para investigadoras e investigadores que desenvolvan un proxecto de investigación en liña cos retos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 e que teñan unha persoa designada para dirixir ou codirixir a tese que cumpra os requisitos indicados no artigo 1 da convocatoria.

– Modalidade B: axudas de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral, mediante as cales se garantirá a representación de todas as ramas de coñecemento nesta convocatoria.

Para ambas as modalidades prevese a posibilidade de realizar estadías de tres meses de duración no estranxeiro que favorezan unha mellora na formación das investigadoras e dos investigadores e que posibiliten que consigan a mención de doutora ou doutor internacional.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 7.563.000 euros e a modalidade A destas axudas no ámbito das universidades do SUG está cofinanciada parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Estas axudas inclúen tres conceptos:

1. O financiamento dun contrato predoutoral dun máximo de tres anos de duración, de 23.500 euros para a modalidade A e de 20.500 euros para a modalidade B.

2. Un complemento anual por axuda destinado ás entidades beneficiarias para cubrir os gastos asociados á contratación e para o seguro durante o período de estadía, de 1.000 euros.

3. Estadías de tres meses de duración no estranxeiro para que, de acordo co establecido no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, as persoas contratadas consigan a mención de doutora ou doutor internacional, de ata 6.000 euros en función da zona.

O número de axudas para a modalidade A é de 57, das cales polo menos 50 axudas deben recaer en persoas candidatas presentadas polas universidades do SUG, para garantir os obxectivos fixados no programa operativo FSE Galicia para o período 2014-2020.

O número de axudas para a modalidade B é de 43, cunha previsión inicial de 40 para as universidades do SUG e as restantes para os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2018

Carmen Pomar Tojo

Conselleira de Educación, Universidade
e Formación Profesional

Francisco Conde López

Conselleiro de Economía, Emprego
e Industria e presidente da Axencia Galega de Innovación