Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Xoves, 24 de xaneiro de 2019 Páx. 4572

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade da convocatoria para a provisión dun posto no Concello de Lugo polo procedemento de libre designación.

Mediante Acordo da Xunta de Goberno Local con data do 27 de xuño do 2018, o Concello de Lugo aprobou a convocatoria e bases para a cobertura polo sistema de libre designación do posto de intervención-tesourería de clase 1ª denominado Tesourería Municipal, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que tras a tramitación do oportuno expediente, as remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior remisión ao Ministerio de Política Territorial y Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa memoria proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Administración Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia e o artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional cuxas bases se anexan a este anuncio:

Corporación: Concello de Lugo.

Posto: Tesouraría Municipal.

Subescala: intervención-tesourería.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 25.066,20 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases que rexerán a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de intervención xeral no Concello de Lugo

Primeiro. Obxecto da convocatoria

Constitúe o obxecto desta convocatoria a provisión, polo sistema de libre designación, de conformidade co disposto no artigo 45 e 46 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, do seguinte posto de traballo reservado a funcionarios da Administración local con habilitación nacional:

– Corporación: Concello de Lugo.

– Denominación e clase do posto: Tesouraría Municipal.

– Nivel do complemento de destino: 30.

– Complemento específico anual (12 mensualidades): 25.066,20 €.

– Requisitos para o seu desempeño conforme a relación de postos de traballo: subescala intervención tesouraría, categoría superior.

– Referencia ao coñecemento da lingua propia da comunidade autónoma correspondente, conforme a súa normativa específica: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

– Sistema de provisión: libre designación.

Segunda. Requisitos

Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria ser funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de intervención-tesouraría e categoría superior.

Os/as aspirantes deberán acreditar, mediante a presentación coa solicitude de participación nesta convocatoria, estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Aquelas persoas aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente deberán facer unha proba de carácter eliminatorio na cal se avaliará co resultado de apto ou non apto o grao de coñecemento de galego, que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

Terceira. Remisión da convocatoria

A convocatoria seralle remitida ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme o artigo 45 do Real decreto 128/2018.

Cuarta. Presentación de instancias

As instancias para participar nesta convocatoria dirixiránselle á alcaldesa presidenta do Concello de Lugo e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, durante o prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

A instancia irá acompañada da seguinte documentación:

– Copia cotexada do DNI.

– Número de rexistro persoal.

– Situación administrativa en que se atope a persoa solicitante, así como o seu destino.

– Certificado que acredite o coñecemento da lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente.

– Curriculum vitae. Neste currículo constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desenvolvidos na Administración, estudos, traballos e cursos impartidos e recibidos, así como aqueloutros méritos que considere oportuno alegar. Ao currículo deberán xuntarse os documentos xustificativos dos méritos que se aleguen, mediante certificacións ou fotocopias compulsadas, pois non serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Quinta. Resolución

Concluído o prazo, a presidenta da Corporación procederá, se é o caso, tras a constatación dos requisitos exixidos na convocatoria e á vista da traxectoria profesional e os méritos acreditados, a ditar a resolución correspondente no prazo dun mes, e daralle conta ao Pleno da Corporación e traslado daquela ao órgano competente da Comunidade Autónoma e ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para a publicación no Boletín Oficial del Estado. O posto será adxudicado entre os candidatos que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Sexta. Toma de posesión

Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

Sétima. Recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso de reposición ante a Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.