Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2019 Páx. 2451

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 433340.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades locais que desenvolvan actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, que se relacionan:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de municipios, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, nin as entidades locais de carácter supramunicipal en que estean integradas.

Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamiento.

Segundo. Obxecto

Fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais, a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Son subvencionables:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas ou outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes cuxa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten a súa contorna de protección, que poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Soterramento de contedores de residuos.

– Eliminación de cablaxe aérea e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberase cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a convocatoria para o ano 2019.

Cuarto. Importe

Contía de 3.000.000 € da aplicación orzamentaria 11.A2.761A.760.0, proxecto 2016 00002, financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo para xustificar a subvención será o 20 de outubro de 2019.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia