Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 7 de xaneiro de 2019 Páx. 654

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 11 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2019 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (IN421H, IN421I).

BDNS (Identif.): 433055.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas propietarias de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 3 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, sen que estas se poidan disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, para o exercicio 2019, que se xuntan a esta resolución como anexo I (IN421H, IN421I).

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2019 que se xuntan á resolución como anexos II a IX.

4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas a particulares para proxectos de enerxías renovables, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo X).

5. Convocar para o ano 2019, en réxime de concorrencia competitiva, segundo o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxías renovables e a mellora dos servizos básicos e renovación da poboación nas zonas rurais para equipos térmicos de biomasa.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 11 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2019 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (IN421H, IN421I).

Cuarto. Contía

1. A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de 1.044.000 € que se distribuirá do seguinte xeito:

MEDIDA 7.2 Creación, mellora e expansión de infraestruturas a pequena escala, incluíndo enerxía renovable e aforro enerxético

Anualidade 2019

Aplicación orzamentaria

BIOMASA (tipoloxía B2-B3 en zonas non densamente poboadas)

1.044.000 €

09.A2.733A.780.1

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 19 das bases reguladoras.

De producirse a ampliación do crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

3. Este crédito está cofinanciado con fondos do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, que ascenden a 1.044.000 €, dos cales o 75 % procede do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 7 (Actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos e renovación de poboacións nas zonas rurais), e da submedida 2 (Creación, mellora e expansión de infraestruturas a pequena escala, incluíndo enerxía renovable e aforro enerxético), un 7,50 % procede dos orzamentos xerais do Estado e un 17,50 % dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

4. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas serán presentadas polas entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo III desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitaren a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II).

3. O prazo de presentación das solicitudes de axudas será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao de remate do prazo de adhesión das entidades colaboradoras. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia