Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Venres, 4 de xaneiro de 2019 Páx. 399

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas da Consellería de Política Social para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

No Diario Oficial de Galicia nº 200, do 19 de outubro de 2018, publicouse a Orde do 9 de outubro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, en réxime de concorrencia competitiva (código do procedemento BS613B).

As ditas bases establecen no seu artigo 14.1 que a relación final das axudas concedidas ao abeiro desta orde, serían obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. A resolución de concesión ou denegación de axudas solicitadas foi emitida o día 20 de decembro de 2018 polo director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social. Esta resolución foi emitida por delegación da conselleira de Política Social, nos termos previstos no artigo 13.1 da orde de convocatoria, unha vez emitido o informe da comisión de valoración e tras a proposta de resolución da Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, conforme o establecido no artigo 13 das bases reguladoras. Esta publicación realízase de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 46 da mesma lei.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño recoñecidas,

RESOLVO:

Primeiro. A publicación do texto da resolución definitiva emitida con data do 20 de decembro de 2018 de concesión e denegación de axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

O texto completo da resolución non se publica no Diario Oficial de Galicia na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Habilítase un prazo de 10 días hábiles para que as persoas interesadas que se acrediten como tal ou os seus representantes, comparezan para consultar a dita resolución nas dependencias da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, sita no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

Estas axudas están cofinanciadas nun 80 % con fondos FSE a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, en particular:

Obxectivo temático 09: promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación.

Prioridade de investimento 09.04: o acceso a servizos asequibles, sostibles e de calidade, incluídos os servizos sanitarios e sociais de interese xeral.

Obxectivo específico 09.04.01: mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación dos estereotipos.

Liña de actuación 116: axudas para o acceso a servizos de promoción da autonomía a persoas con discapacidade.

Campo de intervención 112: facilitar o acceso a servizos asequibles, sostibles e de calidade, incluídos os servizos sanitarios e sociais de interese xeral.

Segundo. A resolución que se notifica, segundo o establecido no punto primeiro, esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao fin do prazo de dez días establecido no punto primeiro. Non obstante, previamente poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición ante o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao fin do prazo de dez días establecido no punto primeiro.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Ildefonso de la Campa Montenegro
Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade