Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 31 de decembro de 2018 Páx. 54964

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta benvida, para as familias con fillas e fillos nados ou adoptados/as no ano 2019 e se procede á súa convocatoria

BDNS (Identif.): 431619.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2019.

3. Igualmente poderán beneficiarse da ampliación prevista no artigo 4.2 aquelas familias que obtiveran a axuda no ano 2018 e experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito á dita ampliación.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2019 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda no ano 2018, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito á ampliación regulada no artigo 4.2, e proceder á súa convocatoria (código do procedemento BS403B).

2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de decembro de 2018, pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta benvida, para as familias con fillas e fillos nados ou adoptados/as no ano 2019 e se procede a súa convocatoria.

Cuarto. Financiación

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 36.179.576 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1 distribuído en catro anualidades, correspondendo 9.222.000 euros ao ano 2019, 13.843.676 euros ao 2020, 8.742.600 euros ao 2021 e 4.371.300 euros ao 2022 .

Quinto. Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes.

Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2019: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento, ou de ser o caso do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2020: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena cumpra un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

2. Para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

A axuda ampliarase nas seguintes contías:

a) 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Esta ampliación farase efectiva en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2019 e sempre que o fillo ou filla nacera con anterioridade ao seu regreso, este prazo de dous meses contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela,21 de decembro de 2018

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social