Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2018 Páx. 54444

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2018 pola que se modifica a Resolución do 16 de outubro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Mediante a Resolución do 16 de outubro do 2017 déuselle publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 206, do 30 de outubro de 2017).

Na dita resolución o prazo de presentación de solicitudes foi fixado ata o 31 de decembro de 2018, mais a persistencia da demanda e a conveniencia de poñer á disposición das pemes galegas unhas liñas de financiamento directo que melloren o seu acceso ao crédito e faciliten a execución de proxectos de investimento na Comunidade Autónoma, fan aconsellable prorrogar por un ano máis, ata o 31 de decembro de 2019, o prazo de presentación de solicitudes.

A prórroga do prazo de presentación de solicitudes determina a necesidade de prórroga do prazo máximo de disposición dos fondos dos préstamos previsto nas bases reguladoras, por outro ano. Ademais, a prórroga de prazos obriga a reaxustar a distribución plurianual dos créditos dispoñibles na convocatoria.

Por outra banda, debe modificarse a redacción prevista no artigo 5.4 das bases reguladoras respecto da compatibilidade dos préstamos con outras axudas europeas, xa que a interpretación da normativa comunitaria que debe ser adoptada en instrumentos financeiros (en particular, artigo 37.8 e 37.9 do Regulamento 1303/2013 polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Feder, FSE, FC, Feader, FEMP e disposicións xerais relativas o Feder, FSE, FC e FEMP) non permite compatibilizar para os mesmos gastos as subvencións financiadas con outros fondos comunitarios e os préstamos, polo que un mesmo gasto subvencionado cunha axuda financiada por un fondo comunitario non pode ser financiado con cargo aos préstamos obxecto das bases reguladoras.

Finalmente, da experiencia acadada na xestión da convocatoria de axudas resulta que no programa IFI Innova, proxectos cunha alta valoración no grao de innovación, en función da novidade da proposta, da súa sustentabilidade e da creación de valor engadido para a Comunidade Autónoma, non conseguen acceder ao financiamento pola baixa puntuación obtida nos criterios de risco e, en particular, de capacidade financeira. Tendo en conta as incertezas e riscos de implantación característicos deste tipo de proxectos, xunto coa necesidade de apoio público polo seu especial interese na competitividade do tecido produtivo, resulta aconsellable reducir para os préstamos IFI Innova o limiar mínimo de cualificación de risco e de capacidade financeira exixidos para a aprobación, cando obteñan unha avaliación de 70 ou máis puntos no criterio relativo ao grao de innovación.

En virtude do exposto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 29 de outubro de 2018, acordou a modificación da resolución de convocatoria e das bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único

Modificar a Resolución do 16 de outubro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos Pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, no seguinte senso:

1. Modifícase a letra b) do punto segundo do resolvo, e queda establecido no 31 de decembro de 2019 o prazo máximo de presentación de solicitudes.

2. Modifícase a distribución plurianual dos créditos dispoñibles prevista no punto terceiro do resolvo, e os créditos quedan establecidos do seguinte xeito:

Partida orzamentaria

Liña préstamo

Ano 2018

Ano 2019

Ano 2020

09.A1-741A-8310

IFI Emprende

300.000 €

1.000.000 €

1.700.000 €

09.A1-741A-8310

IFI Industria 4.0

5.479.412 €

10.520.000 €

9.000.588 €

09.A1-741A-8310

IFI Relanzamento

0 €

1.000.000 €

1.000.000 €

09.A1-741A-8310

IFI Innova

2.000.000 €

500.000 €

500.000 €

Totais

 

7.779.412 €

13.020.000 €

12.200.588 €

3. Modifícase o artigo 5.4.b) das bases reguladoras, que queda redactado do seguinte xeito:

«b) O gasto financiado con cargo ao préstamo IFI non estea subvencionado por Feder ou outro fondo ou instrumento da Unión. En ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, poderá subvencionarse un gasto superior ao do custo total subvencionable do proxecto».

4. Modifícase o artigo 13.1 das bases reguladoras, que pasa a ter a seguinte redacción:

«1. O prazo máximo para dispoñer dos fondos obtidos dos préstamo e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso, este prazo non superará o 31 de decembro de 2020 nin o período de carencia na amortización do préstamo».

5. Inclusión dun novo punto 5 no anexo 3, Metodoloxía de cualificación do risco do crédito, das bases reguladoras, coa seguinte redacción:

«5. Non obstante o disposto nos puntos anteriores, para os proxectos solicitantes de préstamos IFI Innova que obtivesen unha puntuación de 70 ou máis puntos no criterio relativo ao grao de innovación previsto no punto I.1) do número 1.4 do anexo I establécese en 2 puntos o limiar mínimo do criterio de capacidade financeira e en 40 puntos a puntuación total mínima exixida para a aprobación das solicitudes».

6. O actual punto 5 no anexo 3, Metodoloxía de cualificación do risco do crédito, das bases reguladoras, pasa a numerarse como punto 6.

Disposición transitoria única. Procedementos en tramitación

A presente modificación será de aplicación aos expedientes pendentes de resolución no momento da súa entrada en vigor.

Tamén poderá ser de aplicación aos beneficiarios de préstamos xa aprobados e/ou formalizados, logo de solicitude dos interesados de ampliación dos prazos de disposición previamente establecidos, que resolverá a Dirección Xeral de Igape, logo do informe da Área de Financiamento.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica