Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 21 de decembro de 2018 Páx. 53255

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 428627.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Toda persoa que exerza a actividade agraria e estea inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) como titular dunha explotación onde se constatasen danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.

Segundo. Obxecto

Compensar os danos causados polo xabaril nos cultivos agrícolas que sexan comunicados desde o 1 de xaneiro de 2019 ata o 10 de outubro de 2019.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Contía

Importe total da convocatoria: 811.000,00 €. O importe das axudas por metro cadrado, segundo o tipo de cultivo, figura no anexo I da orde.

Importe máximo por persoa beneficiaria e ano: 1.650,00 €, aínda que os danos excedan este importe.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Sexto. Outros datos

No prazo máximo das 72 horas seguintes á produción dos danos deberá poñerse en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, en que se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é das 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 horas, os sábados.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda