Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 20 de decembro de 2018 Páx. 53034

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de decembro de 2018 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tordoia (A Coruña).

O Concello de Tordoia remite o Plan xeral de ordenación municipal para unha segunda resolución sobre a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e as previsións da disposición transitoria 2ª.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Tordoia e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Tordoia conta cunha delimitación de solo urbano (AD 22/01/1979).

2. Instrumentos de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

Tordoia está afectado polo Plan sectorial hidroeléctrico das concas hidrográficas de Galicia Costa (AD 29/11/2001); e o proxecto sectorial do parque eólico Castelo (AD 11/05/2000).

3. Tramitación.

1º. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 16.6.2006 o informe previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

2º. O Concello Pleno do 24.4.2008 aprobou inicialmente o plan xeral, con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da LOUG. Foi sometido a información publica polo prazo de dous meses (DOG do 9.6.2008, BOP do 29.5.2008, La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 18.5.2008). Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cerceda, Oroso, Val do Dubra, Santa Comba, Coristanco, Trazo, Ordes e Carballo (artigo 85.2 da LOUG).

3º. En materia de informes sectoriais (artigo 85.3 da LOUG e normativa sectorial) consta:

a) Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental: informe do 23.6.2008, sobre xestión de residuos.

b) Informes da Dirección Xeral de Obras Públicas do 1.9.2008, desfavorable; e da Axencia Galega de Infraestruturas do 6.2.2013, favorable.

c) Deputación Provincial da Coruña: informe favorable con condicións do 14.8.2013, en materia de estradas provinciais.

d) Augas de Galicia: informe favorable con condicións do 16.7.2010.

e) Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria: informes do 18.6.2008 e do 16.11.2012, favorable, sen adaptar á lexislación vixente.

f) Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento: informes do 10.1.2013 e do 11.1.2016, con condicións.

g) Servizo de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural: informe do 15.1.2013, sen formular alegacións.

h) Servizo de Montes e Industrias Forestais da Consellería do Medio Rural: informes do 3.12.2012 e do 26.11.2015.

i) Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural: informe do 15.10.2015.

j) Dirección Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Defensa: 5.12.2012, sen obxeccións.

k) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: 12.1.2015, favorable con condicións.

l) Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria do Ministerio de Fomento: informe do 23.9.2015, favorable con condicións.

m) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 9.12.2015, con observacións.

n) Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria: comunicación do 4.11.2015, sobre minas e dereitos mineiros.

No expediente consta comunicación da aprobación inicial con data 16.11.2012 á Delegación do Goberno en Galicia, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e á Consellería de Innovación e Industria; así como a da aprobación provisional á Consellería de Facenda o 10.9.2015. Unión Fenosa Distribución remitiu información sobre a rede eléctrica o 30.10.2015.

4º. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental mediante Resolución do 27 de abril de 2015 (DOG do 25 de maio) ao abeiro da Lei 9/2006, sobre avaliación de determinados plans e programas no ambiente e a Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

5º. O Concello Pleno aprobou provisionalmente o plan xeral en sesión do 10.7.2015.

6º. O Concello solicitou a aprobación definitiva do plan xeral mediante escrito que entrou no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 29.7.2015. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU), en virtude do disposto no artigo 85.7 da LOUG, requiriu a emenda de deficiencias observadas en datas 24.8.2015 e 21.3.2016.

7º. O Concello aprobou provisionalmente de novo o plan xeral en sesión do 18.12.2017.

8º. A DXOTU, mediante escrito do 17.1.2018, comunicou ao Concello a necesidade de obter un novo informe en materia de telecomunicacións.

9º. O Concello remitiu o 17.1.2018 informe técnico municipal do 15.12.2017, favorable á aprobación provisional, e informe do Servizo de Montes do 10.11.2017, favorable.

10º. O Concello solicitou o 12.4.2018 a paralización do prazo de resolución, co fin de remitir un novo documento de plan xeral que recolla o cálculo da consolidación dos núcleos rurais de acordo co previsto na Instrución 1/2011.

11º. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu o 11.4.2018, informe favorable.

12º. O Instituto de Estudos do Territorio emitiu o 12.4.2018 un informe en materia de paisaxe, con observacións.

13º. O Concello aprobou un novo documento do plan xeral en sesión do 31.5.2018.

14º. A CMAOT resolveu por Orde do 2 de agosto de 2018 non aprobar definitivamente o PXOM.

15º. O Concello aprobou un novo documento do plan xeral en sesión do 4.10.2018.

16º. O plan xeral entrou na Xunta de Galicia en datas 11.10.2018 e 14.11.2018, incluíndo certificado do trámite de información pública con referencia ás alegacións presentadas; así como o informe favorable da Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, emitido con data 20.3.2018.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación redactada por Estudio Técnico Gallego, S.A. remitida polo Concello de Tordoia, datada en setembro de 2018, que inclúe un anexo VIII á memoria que contén un informe de cumprimento da Orde da CMAOT do 2 de agosto de 2018 e coa dilixencia da súa aprobación provisional do 4.10.2018, puidose constatar o cumprimento en xeral das observacións indicadas nesa Orde do 2 de agosto de 2018.

Porén, cómpre formular as seguintes observacións:

1. A delimitación do termo municipal adáptase á cartografía do Instituto de Estudos do Territorio, agás o linde norte co concello de Cerceda, nas inmediacións da Tablilla.

2. Clasificación e determinacións no solo urbano.

1º. Non se corrixiron os puntos 3.2.7 e 8.5.2.2 da normativa, canto ao carácter das superficies das fichas do solo urbano non consolidado P-01-ARU-01.

2º. A dotación de prazas de aparcadoiro privadas nas ordenanzas residenciais do solo urbano non consolidado (1 praza por cada 100 m2 edificables, artigos 8.3.1 e 8.4.1 da normativa) non acada o estándar de 2 prazas de aparcadoiro por cada 100 m2 edificables (artigo 47.2.c) da LOUG).

3º. Na regulación do solo urbano (punto II.5.4 da Orde do 2 de agosto de 2018), o cadro de características do P-01 (punto 8.5.4 da normativa) adecuarase á nova ordenación.

3. Clasificación e determinacións no solo de núcleo rural.

1º. Prodúcense delimitacións forzadas para englobar dentro do núcleo común terreos alleos a él, en: zona leste do Castiñeiro (01.06); zona norte de Tarroeira (05.10) e zona norte do Vilar (05.14); zonas norte e sur do Buño (06.03) e zonas nordeste e suroeste de Santaia (06.16); zonas nordeste e noroeste do Carballal (10.02), zona nordeste de Castro (10.06) e núcleo común da Costa (10.09).

2º. Prodúcese un crecemento impropio na periferia dos núcleos comúns, ocupando parcelas vacantes, en: zona oeste de Brandoñas de Abaixo (02.02a); zona leste da Pedrasalgueira (02.10); zona nordeste do Brandarís (03.04); zona noroeste de Casaldabade (04.06a); zona sur de Campo de Arriba (09.01) e zona norte do Pereiro Vello (09.04).

3º. Os topónimos deberán axustarse na súa totalidade ao Nomenclátor de Galicia: A Folgueira de Abaixo (02.06), A Folgueira de Arriba (02.07), O Vilar-Pardiñeiro (03.23), A Pontepedra (SU), Burgán (06.04), O Regueiro (08.06), A Carballeira de Abaixo (10.03) e A Carballeira de Arriba (10.04). A Eirexe (10.12) non está no Nomenclátor. No PBA e no Nomenclátor está como O Tercio de Arriba.

4. Clasificación e determinacións no solo urbanizable.

Na zona I1 do sector industrial S-05, as edificacións tomarán como cota de referencia para a medición de alturas, a das plataformas correspondentes, e non a existente no punto acceso ao conxunto. Eliminarase a referencia ás ordenanzas de vivenda unifamiliar e remitiranse á ordenanza comercial do solo urbano.

5. Outras determinacións.

1º. A superficie a executar do sistema xeral de espazos libres ZVX-4 sinalada na estratexia de actuación, no estudo económico e no informe de sustentabilidade económica (31.641 m2) é inferior á sinalada na memoria xustificativa (38.238 m2).

2º. O réxime de licenzas para as actividades (punto 7.1.17 da normativa) axustarase ao establecido no artigo 196 da LOUG, na redacción dada pola Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

3º. As áreas de protección dos elementos catalogados, han ser perímetros pechados. Daquela, cómpre corrixir as fichas arqueolóxicas 4 Castro de Reboredo e 23-24 As Medorras de Reboredo (colindante co termo municipal de Ordes mais no recollido nas normas subsidiarias municipais de 1996); e Arqueolóxica 8 As Croas de Vilar (colindante coa área definida no Plan xeral de Trazo de 2017, ao que se debe adaptar). Eliminarase a ficha 121 do elemento arqueolóxico GA15084REF29 O Castelo que está fóra do termo municipal de Tordoia.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 da LSG e no artigo 146.1 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tordoia, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior. Con este fin, o Concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento a esas consideracións.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda