Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 18 de decembro de 2018 Páx. 52789

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 22 de novembro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto das instalacións eléctricas denominadas LAT 66 kV parques eólicos Montetourado-Eixe/Monte O Tourado-subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV, como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 22 de novembro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proxecto sectorial LAT 66 kV parques eólicos Montetourado-Eixe/Monte O Tourado-subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV, promovido por Fenosa Wind, S.L.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Zas, Vimianzo e Dumbría quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado LAT 66 kV parques eólicos Montetourado-Eixe/Monte O Tourado-subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Proposta de modificación dos plans afectados.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

Así pois, cando nos municipios de Zas, Vimianzo e Dumbría, se proceda coa adaptación do plan municipal á Lei 2/2016, do solo de Galicia, o ámbito delimitado neste proxecto sectorial clasificarase como solo rústico de protección de infraestruturas, xa que, segundo o artigo 34 da devandita lei, se define:

«Artigo 34. Solo rústico de especial protección

1. O plan clasificará como solo rústico de especial protección os terreos afectados polas lexislacións sectoriais de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas ou polas de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais.

2. No solo rústico de especial protección distinguiranse as seguintes categorías:

a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos que fosen obxecto de concentración parcelaria con resolución firme e os terreos de alta produtividade agropecuaria que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia agrícola ou gandeira.

b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos montes veciñais en man común e os terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia forestal.

c) Solo rústico de protección das augas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano definidos como dominio público hidráulico na respectiva lexislación sectorial, as súas zonas de policía e as zonas de fluxo preferente.

d) Solo rústico de protección de costas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano que se atopen dentro da servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre establecida pola lexislación sectorial estatal en materia de costas e os delimitados como áreas de protección costeira no Plan de ordenación do litoral.

e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio.

f) Solo rústico de protección de espazos naturais, constituído polos terreos sometidos a algún réxime de protección por aplicación da lexislación de conservación da natureza ou a lexislación reguladora dos espazos naturais, a flora e a fauna.

g) Solo rústico de protección paisaxística, constituído polos terreos considerados como áreas de especial interese paisaxístico de conformidade coa lexislación de protección da paisaxe de Galicia e como espazos de interese paisaxístico no Plan de ordenación do litoral.

h) Solo rústico de protección patrimonial, constituído polos terreos protexidos pola lexislación de patrimonio cultural.

3. Os concellos que durante a elaboración do seu plan e como consecuencia do estudo detallado observen ámbitos que, pese a non contar con protección sectorial, conteñen valores merecentes de especial protección poderán outorgarlles tal categorización, logo de xustificación axeitada e conformidade expresa da Administración que teña a competencia sectorial.

4. Cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria.

5. O plan xeral poderá excluír xustificadamente do solo rústico de especial protección os terreos necesarios para o desenvolvemento urbanístico racional, logo de informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente».

En todo caso, a nova categoría de solo rústico proposta superpoñerase de forma complementaria, sen desprazala, sobre aqueloutra categoría que dispoñan os terreos do plan vixente, prevalecendo en todo momento a que outorgue maior grao de protección.

A continuación indícanse as características do solo rústico de protección de infraestruturas.

– Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinada ás instalacións de distribución da enerxía eléctrica proveniente de diversos puntos de xeración, especialmente para a evacuación de enerxía renovable xerada en parques eólicos.

Non se permitirán outras construcións, ao abeiro da presente ordenanza, que non sexan estritamente necesarias para o adecuado funcionamento da liña de alta tensión.

– Usos permitidos.

O réxime xeral do solo rústico de protección de infraestruturas ten por obxecto preservar os terreos ocupados polas infraestruturas e as súas zonas de afección, así como os que sexan necesarios para a implantación doutras novas. Esta categoría de solo queda suxeita ao seguinte réxime:

Segundo o artigo 34.2.e) os terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

Permitiranse as instalacións necesarias para a execución e o funcionamento da devandita infraestrutura.

– Contorna da liña eléctrica.

Segundo o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese que:

«Artigo 158. Servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica. Establecendo a largura de servidume variable segundo os planos anexados adaptados ás necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial. A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) O voo sobre o predio servente.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos condutores de enerxía eléctrica e instalación de postas a terra dos devanditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender o establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arboredo, se fose necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bienes, se é o caso, necesarios para os fins indicados no parágrafo c) anterior.

Artigo 162. Relacións civís

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, correndo á súa costa os gastos da variación, incluíndose nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o seu contido e á seguridade da instalación, persoas e bens, de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os dous lados da devandita proxección».

– Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación da LAT para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración de impactos ambientais de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

– Condicións de edificación.

Debido á particularidade e singularidade do tipo de instalación que se proxecta non se prevé necesaria a instalación de ningún edificio pechado, polo que non se dispón unha superficie mínima de parcela para a edificación.

A altura máxima permitida para os apoios metálicos será de 55 metros.

– Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 39.1 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura eléctrica deberá resolver á súa costa os servizos de:

• Garantir o acceso rodado.

• Abastecemento de auga.

• Evacuación e tratamento de augas residuais.

• A subministración de enerxía eléctrica.

• A recollida, o tratamento, a eliminación e a depuración de toda clase de residuos.

• A dotación de aparcadoiros, previa xustificación da superficie que se propoña.

– Condicións estéticas.

Cumprirán as prescricións descritas no Real decreto 80/2000.

2. Eficacia da proposta sectorial.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, á marxe das modificacións do plan local para a súa adecuación, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Cando se revise o plan municipal dos municipios afectados e/ou se adapte á Lei 2/2016, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas, coa normativa sinalada nos puntos anteriores.

3. Prazo de adecuación dos plans urbanísticos afectados.

A adecuación do plan urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A redacción do plan urbanístico municipal.

– A revisión do plan urbanístico municipal.

– A adaptación do plan á Lei 2/2016, do solo de Galicia.

4. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no Decreto 80/2000, capítulo I, artigo 3, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1 de outubro de 1997, as obras e instalacións da liña de alta tensión 66 kV parques eólicos Montetourado_Eixe/Monte O Tourado-subestación colectora Regoelle 20/66/220 kV.