Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 17 de decembro de 2018 Páx. 52575

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

EXTRACTO da Orde do 26 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2019 (tramitación anticipada).

BDNS (Identif.): 428811.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación desta orde, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non, de xeito efectivo, no referido órgano de representación.

As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou poida outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial no que desenvolven a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento, no ámbito do conxunto da Comunidade Autónoma.

Segundo. Obxecto

O outorgamento de subvencións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia, ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de novembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2019.

Cuarto. Importe

A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe de 400.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2019 e rematará o 4 de febreiro de 2019.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo II a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF318A.

Entre outra documentación, a solicitude deberá ir acompañada dunha descrición detallada dos cursos que se pretenden ofertar, que deberá presentarse necesariamente en formato xls, xlsx ou compatible, e de acordo co modelo facilitado para tal fin pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2018

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade