Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 12 de decembro de 2018 Páx. 52006

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 6 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada outorgada a Gestora de Subproductos de Galicia, S.L. para a planta de tratamento de subprodutos cárnicos que posúe no concello de Cerceda (A Coruña) (expediente 2018-IPPC-M-94).

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) e no artigo 41 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, de 19 de outubro de 2013), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedarán expostos os documentos titulados:

– Solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada (expediente 2018-IPPC-M-94) para a implantación dunha instalación de coincineración (planta de gasificación e combustión) de fariñas de carne e óso de categoría 1, para o aproveitamento do sintegás nos termoxidores actuais

Proxecto básico

Queixas-Cerceda (A Coruña)

Outubro 2018.

– Solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada (expediente 2018-IPPC-M-94) para a implantación dunha instalación de coincineración (planta de gasificación e combustión) de fariñas de carne e óso de categoría 1, para o aproveitamento do sintegás nos termoxidores actuais

Resumo non técnico

Queixas-Cerceda (A Coruña)

Outubro 2018.

– Proxecto técnico e proxecto de explotación para a valorización do residuo de fariñas de carne e óso de categoría 1, mediante instalación dunha planta de coincineración (planta de gasificación e combustión) para o aproveitamento do sintegás nos termoxidores existentes na instalación actual.

Gestora de Subproductos de Galicia, S.L., lugar de Areosa, s/n, Queixas-Concello de Cerceda.

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide oportunas, os documentos poderán consultarse:

– Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela), en horario de atención ao público.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2018-IPPC-M-94.

Peticionaria: Gestora de Subproductos de Galicia, S.L.

CIF: B15862667.

Enderezo social: lugar Areosa, s/n, Queixas, 15186 A Coruña.

Localización da instalación: lugar Areosa, s/n, Queixas, 15186 A Coruña. Un punto de localización da planta é o definido polas coordenadas UTM (fuso 29, DATUM ETRS89): X: 543550, Y: 4775694.

Actividade: planta de tratamento de subprodutos cárnicos.

Descrición da modificación: o proxecto consiste na instalación dunha planta de coincineración de fariñas de carne e óso de categoría 1, para o aproveitamento enerxético das fariñas como combustible. O gas de síntese (syngas), obtido por gasificación das fariñas, introducirase nos oxidadores térmicos actuais aproveitándose o calor nas caldeiras de recuperación instaladas actualmente para xerar o vapor que demandan as plantas de transformación de subprodutos de categorías 1 e 2. A planta de gasificación terá unha superficie construída de 331,5 m2, e irá anexa á actual nave de procesado de subproduto de categoría 1 do complexo industrial.

O gasificador que se vai instalar terá unha capacidade de 1,3 toneladas/hora e unha potencia térmica total esperada de 10 MWt.

O titular declara que todas as augas residuais que se poidan xerar no módulo de coincineración serán conducidas á actual planta de transformación de categoría 1, onde irán a un depósito con capacidade para 30 m3 en espera de ser incorporadas ao proceso a través de esterilización, xunto co resto de subprodutos, polo que non se producirán modificacións nas calidades e cantidades de vertido actuais.