Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2018 Páx. 50015

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2018, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez, para o cumprimento da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, nese concello (AC/16/248.01).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 2 de outubro de 2017, a Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, de clave AC/16/248.01.

Con data do 31 de maio de 2018, a Xunta de Galicia declarou de utilidade pública e urxente ocupación os bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez, para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, no concello das Pontes de García Rodríguez (clave AC/16/248.01), por Decreto 65/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia do 18 de xuño de 2018.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello das Pontes de García Rodríguez para que comparezan no lugar, datas e horas que se detallan a continuación co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren do lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal das Pontes de García Rodríguez.

Lugar: Salón de Plenos da casa do concello.

Data: 12 de decembro de 2018, ás dez horas da mañá.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello das Pontes de García Rodríguez e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e xuntarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, así como certificado de conta cos códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Poderán ir acompañados, ao seu cargo, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

De conformidade co artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicarase o anuncio no Boletín Oficial del Estado, o que servirá de notificación aos propietarios descoñecidos e dos cales se ignore o lugar de notificación ou ben se, intentada esta, non se puidese efectuar.

A Coruña, 16 de novembro de 2018

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña