Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 22 de novembro de 2018 Páx. 49850

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 12 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública e audiencia o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do espazo privado de interese natural Os lagos de Lousada (Xermade).

O espazo denominado Os lagos de Lousada, no concello de Xermade, foi declarado, de xeito provisional, como espazo privado de interese natural (EPIN) mediante a Orde do 2 de novembro de 2017 (DOG núm. 218, do 16 de novembro), condicionando a súa declaración definitiva á presentación, por parte das persoas promotoras, ante a consellería competente en materia de conservación da natureza, dunha proposta adecuada de plan de conservación, o que fixeron o día 14.6.2017. Fernando Lías Rodríguez e María Lires Blanco, que son as persoas propietarias acreditadas dos predios e promotoras do ámbito declarado como EPIN. En virtude do establecido nos artigos 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e 41.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o 30.11.2017 iniciouse o procedemento para a formulación e aprobación do plan por decreto do Consello da Xunta. O 20.12.2017 o expediente someteuse a consulta previa e participación pública da cidadanía.

O documento base do plan, logo de ser emendado e completado, cumpre coa finalidade de adecuar a xestión do EPIN aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade e conta cos contidos mínimos referidos no artigo 20 desa lei e no 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a declaración dos espazos naturais en réxime de protección xeral e os espazos privados de interese natural. Esta dirección xeral considera que a proposta reúne as condicións adecuadas e anuncia a súa información pública e audiencia ás persoas interesadas co obxecto de cumprir co disposto no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

ACORDO:

Primeiro. Someter ao procedemento abreviado de información pública e audiencia ás persoas interesadas, por un prazo de 7 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do EPIN Os lagos de Lousada. Un documento base do dito plan xa foi sometido previamente á participación da cidadanía sen terse recibido ningunha alegación.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o expediente na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion.

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

a) Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «PC do EPIN Os lagos de Lousada».

b) Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2018

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural