Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 20 de novembro de 2018 Páx. 49596

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 6 de novembro de 2018 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Lobios.

O Concello de Lobios, conforme o disposto nos artigos 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG) remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Lobios dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 12.11.2001.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 31.5.2017 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ditou resolución, publicada no DOG do 22.6.2017, na cal resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual; achegando os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio (IET) e da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, para que o concello os teña en conta.

• Constan informes municipais, técnico, do 1.8.2017, e xurídico, do 12.1.2018 sobre a conformidade do plan coa lexislación vixente.

• O Pleno do Concello, en sesión do 18.1.2018, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no DOG do 1 de 3 febreiro de 2018, e no xornal La Región do 27 de xaneiro. Non se presentou ningunha alegación.

• Déuselle audiencia aos municipios limítrofes de Entrimo, Muíños e Lobeira, cun prazo para responder que finalizou o 15.6.2018, sen que conste ningunha contestación.

• Consta informe favorable, do 13.3.2018, da Deputación Provincial de Ourense.

• Consta informe, do 26.3.2018, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, no cal se sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe, do 2.5.2018 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

• Consta informe, do 13.5.2018, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) sobre a non afección a estradas de titularidade autonómica.

• Consta informe favorable, do 18.6.2018, do Instituto de Estudos do Territorio.

• Consta informe da Dirección Xeral de Ordenación e Producción Forestal do 13.9.2018 (extemporáneo), de se axustar á legalidade vixente.

• Consta informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 20.9.2018.

• Solicitouse informe a Augas de Galicia (con prazo ata o 20.6.2018), sen contestación.

• Consta informe, do 10.7.2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cos informes sectoriais autonómicos solicitados, sinalando os emitidos e os non emitidos. Tamén se indican os municipios limítrofes aos que se lles deu audiencia.

• Constan novos informes municipais, técnico, do 31.7.2018, e xurídico, do 1.8.2018, sobre a integridade documental e a tramitación do expediente.

• O Pleno do Concello, en sesión do 8.8.2018, aprobou provisionalmente a modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Lobios.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación é unha parcela situada no núcleo urbano de Lobios, destinada actualmente a vivendas de protección oficial, á que lle resulta de aplicación a ordenanza 3 –norma zonal residencial en ringleira–. A superficie total do ámbito é de 2.561,47 m².

II.2. O obxectivo da modificación puntual é adaptar a ordenación urbanística á realidade social do municipio, cambiando o uso de residencial a un uso dotacional sanitario asistencial, adecuando as condicións tipolóxicas e volumétricas ao novo uso.

II.3. A memoria corrixida da modificación puntual foi adaptada á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Conforme o establecido no artigo 53.d) da LSG no punto 2 –sistema de ordenación– do punto 4 –proposta de ordenación– determínase o carácter público do equipamento sanitario asistencial previsto; e no punto 3 –condicións de edificación– do mesmo punto establécense os recuados da edificación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións, corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro; e en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Lobios.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda