Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 9 de outubro de 2018 Páx. 45328

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2018, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2018/68-4).

Visto o expediente para outorgamento de declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: declaración de utilidade pública da RBT estrada Camposancos.

Situación: Vigo.

Características técnicas: liña de baixa tensión subterránea, con condutor XZ1 de 50 mm2 de sección, de 26 metros de lonxitude, desde o paso aerosubterráneo que se vai realizar no apoio proxectado nº 1 (en substitución do apoio existente) ata conectar con CPM no peche do enreixado existente. A instalación está situada na estrada de Camposancos, nº 444, San Miguel de Oia (Vigo).

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 4 de maio, no BOP do 3 de maio, no xornal Faro de Vigo do 26 de abril de 2018 e no taboleiro de anuncios do Concello de Vigo. Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Intentada a notificación a María Berta Deaño Lois e a Paulino Trabazos Pérez para comunicarlles a afección dun predio da súa propiedade pola instalación, esta non se puido efectuar, polo que se procedeu á correspondente publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE) do 25 de xuño de 2018, segundo dispón a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta declaración outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 7 de setembro de 2018

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra