Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2018 Páx. 44783

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 28 de setembro de 2018 pola que se modifica a Resolución do 12 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas para o ano 2018 (código de procedemento SI452A).

BDNS (identif.): 415590.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non estar en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos realizar os programas e actuacións subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.

Os fins e obxectivos das entidades solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos seus estatutos ou desprenderse da súa actuación xeral.

f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1 anterior.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplicará a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Segundo. Obxecto

Modificación da Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade.

Engádese un punto 5º na letra c) da epígrafe 1 do artigo 6 da Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, como se indica:

«5º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa».

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para o ano 2018.

Resolución do 28 de setembro de 2018 pola que se modifica a Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, para o ano 2018.

Cuarto. Contía

Para financiar esta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2018, crédito por importe total de catrocentos dezasete mil oitocentos trinta e seis euros (417.836,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Amplíase o prazo para presentar as solicitudes e, polo tanto, compútase o prazo dun mes a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade