Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 24 de setembro de 2018 Páx. 43163

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 87/2018, do 6 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Nova senda fluvial do río Louro, desde O Camiño de Lagoal, parroquia de Louredo, no termo municipal de Mos.

O Concello de Mos, en sesión que tivo lugar o día 29.1.2018, aprobou o proxecto denominado Nova senda fluvial do río Louro, desde O Camiño de Lagoal, parroquia de Louredo, no termo municipal de Mos, e acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 29.5.2018 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e este contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado dado o avanzado estado de abandono que presenta toda a zona sobre a que se pretende levar a cabo esta actuación e que a fai, na actualidade, practicamente intransitable e inaccesible, circunstancias que propician que a canle de río desborde con facilidade, causando a erosión e arrastres de materiais que leva a destrución e asolagamento dos camiños actuais e das propiedades próximas, de modo que resulta necesario que se adopten, de maneira inmediata, todas as medidas ambientais que teñan por finalidade evitar a súa perda así como, en todo caso, garantir a súa rexeneración.

A vía de urxencia no procedemento de expropiación é o único xeito de garantir a rápida dispoñibilidade dos terreos particulares sobre os que se deberán adoptar, de maneira inmediata, todas as medidas preventivas e correctoras necesarias para garantir o mantemento das condicións obxectivas que fan desta zona un lugar de especial valor (o propio río) e cultural (muíños).

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do seis de setembro de dous mil dezaoito

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Nova senda fluvial do río Louro, desde O Camiño de Lagoal, parroquia de Louredo, no termo municipal de Mos, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza