Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 10 de setembro de 2018 Páx. 40457

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación de Tomiño (Pontevedra), promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2016/27-0).

A respecto da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación de Tomiño (Pontevedra), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Primagás Energía Distribución, S.A.), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu, con data do 18.7.2016, o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.), o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Polo tanto, e para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa.

Peticionaria: Nedgia Galicia, S.A., con CIF número A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 8.11.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación de Tomiño (Pontevedra), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/27-0).

O 15.11.2016 deuse traslado das separatas técnicas aos organismos con bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista. Dentro deste trámite, o 24.11.2016 o Concello de Tomiño informou desfavorablemente a instalación da planta de GNL na parcela proxectada.

En consecuencia, paralizáronse as publicacións asociadas ao trámite de información pública (Diario Oficial de Galicia e xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo), aínda que xa se fixera a publicación no Boletín Oficial da provincia e a exposición no taboleiro de anuncios do Concello de Tomiño.

O 3.5.2018 a sociedade Nedgia Galicia, S.A. presentou un novo proxecto, no que a parcela elixida para a instalación da planta de GNL foi consensuada co Concello de Tomiño.

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución que leva por título Proxecto modificado de autorización de execución de instalacións para planta de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución en MOP 4 bar para subministración a Tomiño (Pontevedra).

Descrición das instalacións:

Segundo consta neste proxecto, a subministración de gas natural realizarase desde a planta de GNL que se situará na parcela de referencia catastral 36054A06900783 (polígono 69, parcela 783, lugar da Rocha-Tomiño), e que disporá das seguintes características xerais: capacidade de almacenamento de GNL de 19,9 m3 (cun depósito horizontal); capacidade de regasificación de 242 Nm3/h; e presión de subministración de gas natural de 4 bar.

A rede de distribución proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano de Tomiño, realizarase no rango de presión MOP = 4 bar, en tubaxe de polietileno PE-100 SDR 17,6/SDR 17, e estará constituída por unha rede principal que partirá da citada planta de GNL (en diámetro de 160 mm) e unha rede secundaria que partirá da rede principal e ramificarase polas distintas rúas do núcleo urbano (en diámetros de 63 e 110 mm). A lonxitude total da rede de distribución será de 5.858 m.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Tomiño, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: trescentos setenta e catro mil cincuenta e tres euros con oitenta e oito céntimos (374.053,88 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria, r/ Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas