Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Mércores, 29 de agosto de 2018 Páx. 39516

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2018 pola que se convoca a xornada Xustiza e dereito en igualdade.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar a xornada Xustiza e dereito en igualdade, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

1968 é un ano símbolo de cambios, algúns dos cales son descoñecidos a pesar da súa transcendencia. Un deles foi a incorporación da muller á carreira xudicial. Coincidindo cos cincuenta anos deste feito, corresponde facer balance e analizar os logros obtidos e o que supuxeron, así como a evolución do mundo do dereito en materia de igualdade e os seus retos nun futuro inmediato.

A finalidade desta xornada é esencialmente divulgativa entre profesionais e colectivos vinculados con esta materia.

2. Contidos.

Nesta xornada trataranse, entre outros, os seguintes temas:

• Balance e retos da igualdade: o seu enfoque xurídico.

• Xurisprudencia en materia de igualdade.

• A muller na xustiza.

• Linguaxe inclusiva.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto de xustiza como autonómica e local, dos entes instrumentais da comunidade autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais do dereito e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 3 de outubro de 2018.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través do espazo «área de matrícula» da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 30 de setembro de 2018.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. No punto desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase no punto desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas nesta actividade.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), a dirección de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas cuxa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública