Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38266

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Innovación

ANUNCIO do 7 de agosto de 2018 polo que se invitan os axentes do Sistema galego de innovación para que manifesten o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a posta en marcha de hubs de innovación dixital no marco da RIS3 Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 2/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e da innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación das tecnoloxías e programas de innovación eficientes.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia e supedita as prioridades de investimento a tres retos. Cada un destes retos ten asociadas unha serie de prioridades e liñas de acción específicas, aliñadas cos obxectivos e principais programas de innovación nacionais e europeos, entre os cales cabe destacar as respectivas axendas dixitais e o programa H2020.

A especialización intelixente está abrindo novas oportunidades para a cooperación interrexional arredor das prioridades comúns das diferentes rexións, polo que é necesario avanzar na especialización e dotar as RIS3 de ferramentas adicionais que as fagan máis eficaces e poder gañar competitividade na contorna internacional.

No proceso de diálogo con empresas, universidades, centros de coñecemento e tecnolóxicos para a elaboración do novo Plan galego de investigación e innovación (Galicia Innova 2020), evidenciouse un amplo consenso respecto da necesidade de articular novos modelos de colaboración abertos para coñecer as capacidades existentes, cohesionar o sistema de innovación e mellorar o impacto, eficacia e eficiencia das políticas públicas de I+D+i e a súa sustentabilidade.

Considerando este contexto, o Plan Galicia Innova 2020, de forma coherente e coordinada coas orientacións en materia de dixitalización e especialización intelixente da Comisión Europea, aposta por un modelo de hubs de innovación dixital que permitan á pequena e mediana empresa innovar a través das novas tecnoloxías e conseguir ser así máis competitivas e gañar en tamaño. Así, a través de dinámicas de colaboración público-privada que agrupen e articulen de forma aberta todos os axentes do ecosistema de I+D+i en ámbitos estratéxicos para Galicia, búscase mellorar a competitividade da economía galega.

Os hubs de innovación dixital son estruturas funcionais de soporte que axudan as empresas a seren máis competitivas, a mellorar os seus procesos comerciais/de produción, así como os seus produtos e servizos a través das tecnoloxías dixitais.

Os hubs de innovación dixital permiten aliñar máis eficientemente o coñecemento coas necesidades do tecido empresarial e os mercados, facilitando á industria o acceso a diferentes servizos de innovación que permiten unha axeitada integración de tecnoloxías emerxentes na súa estratexia de negocio. O enfoque tecnolóxico dos hubs de innovación dixital debe cubrir de xeito prioritario tecnoloxías que presenten un potencial importante para a industria, pero cunha taxa de penetración actual limitada (ex. conectividade e sensórica, automatización flexible, fabricación aditiva, materiais intelixentes, entre outras).

De acordo co exposto, a Axencia Galega de Innovación está estudando a publicación dunha convocatoria de axudas dirixidas á posta en marcha de hubs de innovación dixital en Galicia. No marco deste proceso de estudo, e para os efectos de dispor da suficiente información para o seu deseño, considérase necesario efectuar o presente anuncio previo e abrir un prazo para que os distintos axentes de innovación galegos poidan achegar as súas manifestacións de interese.

Enténdese que o presente anuncio previo e a apertura do prazo para a presentación destas manifestacións, ademais de deixar á Administración definir o marco de apoio máis axeitado ás necesidades do tecido industrial galego, permitindo, especialmente, á pequena e mediana empresa atopar solucións tecnolóxicas competitivas de xeito alcanzable e a menos custo, fomentará a colaboración entre os diversos axentes para a presentación de propostas coordinadas que conten co apoio empresarial e o consenso necesario para garantir a súa eficacia e eficiencia.

Este anuncio enmárcase, por tanto, no disposto no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte: «a xestión das subvencións a que se refire esta lei realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos».

A participación nesta convocatoria non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados.

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos.

A participación neste procedemento non outorgará tampouco dereito nin preferencia algunha respecto das convocatorias de axudas que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución. As condicións e características das futuras convocatorias de axudas que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar que a Axencia Galega de Innovación está estudando a convocatoria de axudas dirixidas á posta en marcha de hubs de innovación dixital en ámbitos estratéxicos para Galicia no marco da súa RIS3.

Segundo. Con carácter previo á adopción da decisión da convocatoria de axudas ábrese un prazo dun mes, desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os axentes do Sistema galego de innovación que así o desexen poidan manifestar as súas propostas. Estas terán por obxectivo definir as características das axudas que se porán en marcha para apoiar este novo modelo de hubs de innovación dixital incluído no novo Plan Galicia Innova 2020.

As manifestacións de interese deberán ser propostas que faciliten a introdución na industria galega de tecnoloxías emerxentes cun importante potencial en máis dunha cadea de valor estratéxica para Galicia co obxectivo de mellorar a súa competitividade. As propostas deberán, ademais, permitir avanzar no desenvolvemento da RIS3 Galicia e definirse dun xeito coordinado entre os diferentes axentes do Sistema galego de I+D+i, e é importante o liderado das empresas como axentes aos cales o hub deberá estar orientado. Na manifestación indicarase cal é a entidade representante que asumirá a entrega da proposta e o contacto coa Axencia Galega de Innovación.

As manifestacións de interese axustaranse ao índice que se inclúe como anexo e dirixiranse á Axencia Galega de Innovación (rúa Airas Nunes, s/n, 15702 Santiago de Compostela) e poderán presentarse en calquera dos lugares indicados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, deberán enviarse ao correo electrónico informa.gain@xunta.gal para axilizar o proceso.

Terceiro. A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de axudas que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Cuarto. A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar á infracción dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de axudas que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Quinto. A Axencia Galega de Innovación estudará as manifestacións de interese que se presenten para os efectos do exercicio das súas competencias de deseño das futuras convocatorias de axudas, e poderán convocar as entidades interesadas a entrevistas para solicitar aclaracións do contido da súas propostas e avaliar así o seu encaixe no modelo de hubs de innovación dixital do novo Plan Galicia Innova 2020.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2018

A directora da Axencia Galega de Innovación
P.A. (Resolución do 16.6.2014; DOG núm. 127, do 7 de xullo)
Benito Fernández Rodríguez
Director da Área de Xestión

ANEXO

Contido da manifestación de interese

A manifestación de interese deberá conter as seguintes epígrafes e respectar a orde indicada:

1. Identificación da entidade coordinadora do hub: razón social, NIF, enderezo, datos de contacto. Deberá indicarse ademais o resto de entidades integrantes do hub.

2. Visión:

a) Obxectivos do hub de innovación dixital que se pretende crear.

Estes obxectivos deberán recoller a achega do hub á mellora da competitividade do tecido empresarial galego, especialmente das pemes, a través do avance na Estratexia de especialización intelixente de Galicia nun contexto de cooperación interrexional.

b) Modelo de negocio do hub de innovación dixital.

Deberán identificarse como requisito mínimo as fontes de financiamento previstas diferenciando entre públicas e privadas.

A modo simplemente orientativo, achégase cunha listaxe de posibles fontes de financiamento do hub:

– H2020.

– COSME.

– Fondos estruturais e de investimento europeos (fondos EIE), ex. Feder, FSE, etc.

– Fondos nacionais de I+D.

– Outros fondos nacionais.

– Financiamento rexional de I+D.

– Outros fondos rexionais.

– Financiamento privado.

– Recursos propios dos socios.

– Outras (achéguese descrición).

c) Actividades preparatorias para desenvolver no ano 2018 que sexan necesarias para a posta en marcha do DIH.

Ademais da súa descrición, é necesario incluír unha previsión temporal e económica delas.

d) Identificación de tecnoloxías.

O enfoque tecnolóxico dos hubs debe cubrir de forma prioritaria tecnoloxías que presenten un potencial importante para a industria, pero cunha taxa de penetración actual limitada (conectividade e sensórica, automatización flexible, fabricación aditiva, materiais intelixentes…, entre outras). É desexable a organización de nodos tecnolóxicos no interior de cada DIH co propósito de organizar a difusión dunha ou varias familias tecnolóxicas da industria.

e) Identificación de cadeas de valor.

É requisito mínimo a cobertura de polo menos dúas cadeas de valor.

f) Catálogo de servizos.

Conxunto de actividades e ferramentas do hub para a prestación de servizos de innovación dixital orientados ás necesidades do tecido empresarial galego, especialmente das pemes. Neste catálogo deberán indicarse aquelas tecnoloxías clave en que se basean os servizos que deberá prestar o hub, así como as cadeas de valor as que se dirixen.

A modo simplemente orientativo, achégase unha listaxe de posibles servizos que desenvolverá o hub:

– Actividades de I+D.

– Prototipado.

– Probas e validación.

– Series de produción pre-competitivas.

– Infraestruturas de uso comercial.

– Soporte para o desenvolvemento e posta en marcha de novos produtos.

– Brokerage, networking.

– Difusión do coñecemento.

– Market intelligence.

– Formación e desenvolvemento de habilidades.

– Outras (achéguese descrición).

g) Membros do DIH.

Será requisito mínimo a participación polo menos dun actor en representación da oferta, da demanda, de transferencia tecnolóxica e do coñecemento. Deberá indicarse, de entre eles, aquel ou aqueles que serán centros de competencia do hub. A función principal dos centros de competencia será velar pola transferencia de coñecemento e tecnolóxica dentro do hub, exercer as funcións de portelo único de acceso aos servizos do hub, punto de referencia para os demandantes de servizos.

A modo simplemente orientativo, inclúese unha listaxe de tipo de socios do hub:

– Organismo de I+D.

– Universidade.

– Aceleradora/incubadora.

– Start-up.

– Peme.

– MidCap.

– Empresa grande.

– Asociación industrial.

– Clúster.

– Cámara de comercio.

– Investidores privados.

– Axencias de desenvolvemento económico.

– Administración nacional.

– Administración rexional.

– Usuarios.

– Outras (achéguese descrición).

h) Personalidade xurídica sen ánimo de lucro.

Identificación da forma xurídica elixida para dotar de personalidade o hub de innovación dixital.

3. Coherencia coa estratexia de especialización intelixente de Galicia.

Deberá identificarse o reto da RIS3 con que estaría aliñado e de que xeito o DIH contribúe ao seu desenvolvemento.

4. Localización e referencia xeográfica.

a) Identificación de presenza de pemes e de institucións de soporte á innovación do ecosistema galego.

b) Identificación das infraestruturas, localizacións, colaboracións con pemes e soportes de innovación de fóra do ámbito rexional (de existiren).

c) Ámbito territorial do hub de innovación dixital.