Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38192

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 16 de xullo de 2018, pola que se publica a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2018 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario licenciado sanitario de atención primaria.

Mediante Resolución desta dirección xeral do 16 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 141, do 24 de xullo) publicouse a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2018 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario licenciado sanitario de atención primaria.

Advertido que, no listado de destinos provisionais adxudicados na categoría de médico/a de familia de atención primaria, publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), non consta a información da praza, relativa ao exercicio de titoría docente, prevista na base 2.1.4 da Resolución do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia e no anexo de prazas ofertadas no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2018, publicado por Resolución do 13 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 60, do 26 de marzo), esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a modificación do listado de destinos provisionais adxudicados no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2018 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas da categoría de médico/a de familia de atención primaria, publicado en data 24 de xullo de 2018 na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), para os únicos efectos de incorporar nel a información relativa aos destinos provisionais adxudicados que levan asociado o exercicio de titoría de persoal residente en formación.

A incorporación no listado desta información adicional non implica ningún cambio nos destinos adxudicados.

Segundo. Contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais os/as concursantes admitidos/as poderán presentar reclamación ata o 7 de setembro de 2018. Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2018

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos